Hoxe e como broche dourado da súa andaina no cole, este grupazo de 6º de Primaria ao que botaremos moitíiiiiisimo de menos, quixo compartir con toda a comunidade educativa o resultado do seu esforzo e ilusión coa representación da obra Mamasiña, que medo, de Chus Pereiro. Trátase dunha proposta chea de humor, emocións e situacións sorprendentes que permitiu aos rapaces e rapazas demostrar o seu talento artístico e o seu compromiso.
mércores, 17 de xuño de 2026
Ai, Mamasiña, que medo!
Ciencia, traballo en equipo e moita creatividade
O curso está a piques de rematar, pero nesta biblio non se para. Hoxe vivimos unha xornada máxica na biblioteca co alumnado de 3º e 4º de Primaria. Ao abeiro do programa Biblioteca Creativa, as nosas mesas transformáronse nun auténtico laboratorio de ideas, tecnoloxía e robótica grazas aos kits de Lego WeDo e da man de Gazapo. Queres saber como foi a aventura? Contámoscho todo!
Co robot listo, tocaba pasar á zona de probas da biblioteca, onde os agardaba un circuíto cheo de obstáculos. Conseguilo á primeira? Non era tan fácil! Cando o robot fallaba ou non era quen de superar unha barreira, os equipos non se rendían. Analizaban o problema, pensaban solucións e aplicaban modificacións creativas no deseño de Lego ou na programación da tablet.
O mellor de todo foi ver como cada grupo buscou camiños diferentes. Cada prototipo de Lego WeDo recibiu retoques e deseños totalmente distintos, pero todos e cada un dos equipos lograron superar os retos e chegar á meta.
luns, 15 de xuño de 2026
Empréstito de verán
Chega o verán e é tempo de lecer e de gozar a tope do sol, da praia, dos paseos, da amizade e da familia... e cómo non, tamén de gozar da lectura! Lembrade que durante este mes a nosa biblio segue aberta e podedes pasarvos para levar un lotiño (ou lotazo) de libros para ler durante as vacacións.
E tamén, familias, podedes pasarvos por aquí para facervos usuarias da nosa biblio e poder acceder ao empréstito dixital a través de E-LBE.2. Agardamos por vós!
mércores, 10 de xuño de 2026
III e última sesión de xogos tradicionais aberta ás familias
Hoxe foi a derradeira sesión de xogos tradicionais aberta ás familias deste curso e creo que podemos dicir que non será a última.
Organizámonos en equipos heteroxéneos e acompañados das nosas nais, os nosos pais, avoas e quen se quixo arrimar, gozamos destes xogos de sempre no patio da nosa escola.
O pasamos tan ben e estivemos taaaaaan ocupadas que nin nos deu tempo a tirar unha soa foto. Peeeeero... e o ben que o pasamos??? Iso non se pode contar. Hai que vivilo!!!
E para celebralo e recordalo sempre fixemos unhas chapas de recordo para todas e todos os participantes!!! A que son chulísimas?
|
|
martes, 9 de xuño de 2026
Pechamos o club de lectura de 5º e 6º de EP nunha sesión conxunta
Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.
Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.
Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.
As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!
luns, 8 de xuño de 2026
Rematando as nosas letras "UNBOUND"
Estes últimos días de curso hai moita actividade na nosa biblioteca, porque andamos moi atarefados dándolle os últimos toques ás nosas letras "UNBOUND". Unha viaxe á creatividade da man do deseño e a exploración de materiais que non deixa indiferente a quen ve os resultados.
venres, 5 de xuño de 2026
Día Mundial do Medio Ambiente: aprendendo da abundancia da natureza na nosa horta escolar
Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, vivimos unha xornada moi especial na nosa horta escolar e no invernadoiro. Foi unha mañá chea de aprendizaxes, traballo en equipo e reflexións sobre a importancia de coidar a natureza e respectar os seus ritmos.
A actividade xirou arredor dunha idea fundamental: cando respectamos os ciclos das plantas e facemos un uso responsable dos recursos, a natureza devólvenos abundancia. Grazas ao traballo realizado ao longo do curso, puidemos recoller unha gran cantidade de produtos da horta. Colleitamos leitugas, acelgas, mini coles e outras verduras que puidemos aproveitar para nós.
Pero tamén aprendemos que non todo o que se recolle remata na mesa: unha parte importante da colleita, xunto coas herbas retiradas e as podas dos tomates máis asilvestrados, foi destinada á compostaxe.
|
Ao longo da xornada tamén falamos, adaptándonos á idade de cada grupo, da cadea trófica e das relacións que existen entre os distintos seres vivos do ecosistema da horta. Comprendemos que cada planta, insecto ou animal ten un papel importante e que todos forman parte dun mesmo equilibrio. |
Para rematar, cos grupos maiores xurdiu unha proposta solidaria e sostible: preparar paquetes de cinco plantas de tomate para poñer á disposición das familias e da comunidade educativa. A idea é compartilas mediante unha pequena achega voluntaria, promovendo así o coidado das plantas e a difusión da nosa experiencia hortícola.
A xornada concluíu cunha fermosa lección: a abundancia multiplícase cando se comparte. Repartimos colleitas, repartimos plantas, repartimos coñecementos e, sobre todo, repartimos ilusión por seguir aprendendo da natureza e coidando do medio ambiente entre todas e todos.
Agradecémoslle un ano máis a Peibol o acompañamento brindado ao longo de todo o curso e agardamos vernos á volta do verán!!!
Feliz Día Mundial do Medio Ambiente! 🌱🌍💚










