Amosando publicacións coa etiqueta Polos creativos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Polos creativos. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de marzo de 2026

O profesorado de Maciñeira remata a formación de Radio na Biblio

Hoxe, o profesorado de Maciñeira tivemos a última sesión de formación en Radio na Biblio con Isidoro Valerio, grazas ao Plan de Formación Permanente do Profesorado, dentro do itinerario de Polos Creativos, coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol. Nesta última sesión repasamos todos os contidos aprendidos nas sesións anteriores, ademais de resolver dúbidas concretas do profesorado, unha vez que empezamos proñer en práctica as aprendizaxes desenvolvidas grazas a esta formación. Desde aquí queremos agradecera Isidoro Valerio a súa paciencia e a súa profesionalidade, así como ao CFR pola súa coordinación neste aspecto. Esperamos, grazas a estes coñecementos, que a nosa Radio Belelle vaia crecendo pouco a pouco e podamos compartila con toda a comunidade educativa.

martes, 13 de xaneiro de 2026

O profesorado de Maciñeira continúa formándose en Radio na Biblio

Como xa sabedes, na Biblioteca de MAcín do CEIP de Maciñeira estamos inmersos no programa Radio na Biblio e este martes o profesorado recibiu a segunda sesión de formación en radio escolar da man de Isidoro Valerio, por medio do Plan de Formación Permanente do Profesorado, dentro do itinerario de Polos Creativos, coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol. Nesta segunda sesión de formación, ademais de recordar os pasos máis importantes á hora de realizar unha gravación dun podcast coa nosa mesa de son e o programa Audacity, aprendimos tamén a editar unha gravación unha vez realizada, para poder incluír música ou efectos de son. Recordamos asimesmo a forma de emprego da música comercial e a libre de dereitos e as distintas plataformas de audio nas que atopar ditas músicas e efectos.
Ademais, fixemos novas probas de gravación de podcast e recibimos consellos moi útiles á hora de empregar os micrófonos, utilizar a mesa de son etc.
Como claustro, estamos moi motivados coa incorporación da radio escolar "Radio Belelle" e estamos xa comezando a traballar con elas nas titorías e en outras actividades.

xoves, 13 de novembro de 2025

O profesorado de Maciñeira fórmase en Radio na Biblio

Desde finais do curso pasado, a Biblioteca de Macín conta con equipamento de radio grazas ás dotacións de Polos Creativos, polo que este curso animámonos a participar no programa Radio na Biblio
Deste xeito, o profesorado do CEIP de Maciñeira comezamos esta tarde a formarnos en radio escolar da man de Isidoro Valerio, presentador do programa de radio Voces de Ferrol. Esta é unha das iniciativas do Plan de Formación Permanente do Profesorado do noso centro, coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol. 
Nesta primeira sesión, aprendimos como funciona a nosa emisora de radio e o programa informático para gravar os nosos primeiros podcasts, coñecemos os distintos elementos da emisora e cómo empregalos e recibimos consellos técnicos para o uso dos micrófonos.
Tamén aprendimos certas nocións de edición de audio, o emprego de uso de música comercial e/ou libre de dereitos, as distintas formas de compartir podcasts en aplicacións específicas ou redes sociais e incluso, realizar entrevistas radiofónicas mediante chamadas por mensaxería.
Estamos desexando aprender máis e lanzar ao ar a nosa radio escolar. De momento, xa temos novo logo, ainda que conservamos o nome da antiga radio escolar do cole de Maciñeira: RadioBelelle.

xoves, 29 de maio de 2025

Identificando as nosas árbores

Grazas á iniciativa de dúas familias da escola, que iniciaron un fermoso proxecto para identificar a grande variedade de árbores do noso patio e para o que tiveron que facer tarefas de documentación e de formación para o emprego de recursos dos que dispón ao centro e que están ao servizo de toda a comunidade, realizaron unha actividade co alumnado de 6º de Educación Infantil pero da que poderemos gozar toda a comunidade educativa.


Aprenderon a manexar a cortadora láser para elaborar a cartelería en madeira para sinalización das árbores do patio e tamén elaboraron uns identificadores cos nomes propios da cativada.


O produto final, ademais desta cartelería, foi un mapa interactivo das árbores que temos no patio, co que podemos aprender moitas das súas características e que poderá seguir medrando ano tras ano.

Moitas grazas, familias. Que sorte a nosa!

venres, 23 de maio de 2025

Celebramos as Letras Galegas ao grande!

Nunha estreita colaboración entre o equipo de normalización lingüística e o equipo de biblioteca, organizamos un gran xogo para celebrar as Letras Galegas que este ano estivo adicado ás cantareiras e a poesía popular oral, representadas por Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema.

Esta homenaxe busca tamén por en valor a labor dunhas mulleres que foron as gardiás da nosa lingua e cultura popular, transmitida por medio de cantigas e bailes. Porque non hai un pobo máis vivo que un pobo que cante o que lle acontece.

A RAG tamén quería premiar o labor de recollida por vilas e aldeas do país, escoitando as pezas das cantareiras e pandeireteiras para logo poder rexistralas e que non se perdesen na memoria.

Por todo iso, no noso cole organizamos un gran xogo no que, en grupos interniveis, todo o alumnado do colexio pasou por oito probas seguindo un itinerario, e nas que realizaron diversas actividades sempre baixo a premisa de dar a coñecer as homenaxeadas no Día das Letras Galegas.

Un grande esforzo organizativo, xa que mobilizar a todo o alumnado en diferentes ubicacións da escola simultáneamente e en constante movemento require artellar moi ben todas as pezas. Pero a verdade é que todo funcionou de marabilla. 

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, por aquí vos deixamos algunhas fotos do desenvolvemento das diferentes probas deste gran xogo.

Tendal das lavandeiras


Xogos tradicionais

Encontra as parellas

Quebracabezas

Paso do río

Un paseo polas letras

A cantar e a bailar

Mural das cantareiras 

Xogamos coa CDU 


E para rematar esta intensa xornada xuntámonos no patio de abaixo para cantar a cantiga que estivemos preparando todos estes días atrás: a Mazurca de Lebozán, coa que gravamos o vídeo que vos deixamos a continuación para que gocedes escoitándoo tanto coma nós facéndoo.


E para que este día quede na memoria de todos e todas nós, agasallamos a todos os membros da comunidade educativa cun broche en forma de pandeiretiña que imprimimos na nosa recén chegada impresora 3D empregando como base o arquivo cedido por Patricia Sánchez , da A Fiestra da Mestra.


Que vivan as nosas cantareiras! 
Que vivan as Letras Galegas!
Que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua!




sábado, 17 de maio de 2025

Feliz Día das Letras Galegas!


Ao longo da semana andivemos moi atarefadas preparando o vídeo co que poñeremos o broche dourado á celebración das Letras Galegas adicadas ás nosas cantareiras, transmisoras da cultura popular a través da poesía da tradición oral. 
Gravamos os audios na nova radio de Polos Creativos coa axuda do noso recén estreado conserxe e a pandeireta da profe Laura e tamén  contamos cunha colaboración profesional para a edición de vídeo. 
Temos que agradecer tamén á Agrupación Folclórica e Cultural Orballo que compartiron con nós unha das cantigas do seu cancioneiro, a Mazurca de Lebozán, e que nos acompañará xa para sempre.


E para rematar esta semana de preparativos, pedímosvos que decoredes estas pandeiretas coas coplas que coñezades, xa que con elas adornaremos a escola a vindeira semana para celebrar a nosa I Foliada das Letras o vindeiro venres.

mércores, 30 de abril de 2025

Mapeo das árbores do noso patio

Grazas á iniciativa de dúas familias da escola, iniciamos un novo fermoso proxecto para identificar a grande variedade de árbores do noso patio. 

Cunha grande tarefa de documentación e de formación previa para o emprego de recursos dos que dispón ao centro e que están ao servizo da comunidade educativa, realizaron unha actividade co alumnado de 6º de Educación Infantil pero da que poderemos gozar toda a comunidade educativa: 
Aprenderon a manexar a cortadora láser para elaborar a cartelería en madeira para sinalización das árbores do patio e tamén elaboraron uns identificadores cos nomes propios da cativada.
O produto final que presentarán á comunidade educativa será un mapa interactivo das árbores que temos no patio do centro, identificando as súas características máis salientables.



Velaiquí podedes ver o resultado:


Moitísimas grazas polo traballazo!!!

venres, 28 de marzo de 2025

E así foi o reto STEAM do mes de marzo, de construción Kapla

Un dos materiais máis versátiles que incorporamos á biblioteca da dotación de Polos Creativos, son as pezas de construción KAPLA.

Todas las tablillas KAPLA teñen o mesmo tamaño es apílanse sen cola e sen fixacións. Un concepto que pola súa sinxeleza, trascende as xeracións e reúne a xogadores grandes e pequenos, animándolles a explorar os seus propios límites, desenvolvendo a súa creatividade, a imaxinación, a lóxica e a perseverancia.

E velaiquí o ben que resultou, que todos os que pasaron pola biblioteca coincidiron en que o KAPLA chegou para quedarse. Moitas horas de xogo e de creatividade temos por diante!!!



Concentración a tope!!!