Amosando publicacións coa etiqueta Bibliotecas Escolares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bibliotecas Escolares. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de abril de 2026

Seguimos transformando espazos

Pouco a pouco, a nosa biblioteca vai transformándose para adaptarse ás novas actividades que nela se desenvolven. Non é só un espazo para ler ou consultar libros: tamén é un lugar onde crear, investigar, comunicar e aprender de moitas maneiras diferentes.

Neste curso incorporamos novo mobiliario para a radio escolar grazas ao programa Radio na Biblio. Con este equipamento contamos cun espazo máis cómodo e organizado para preparar e gravar os nosos programas, facer entrevistas, recomendar lecturas ou compartir todo aquilo que queremos contar coa comunidade educativa.


Ademais, grazas á dotación económica do programa Biblioteca Creativa, a biblioteca conta agora cun croma, un recurso que nos permitirá crear vídeos e desenvolver novas propostas relacionadas coa comunicación audiovisual. Seguro que será unha ferramenta moi útil para presentar traballos, gravar pequenas pezas ou dar forma a proxectos que combinen creatividade e aprendizaxe.

Estas melloras axúdannos a seguir facendo da biblioteca un espazo vivo e versátil, que se adapta ás necesidades do centro e ofrece novas oportunidades para que o alumnado participe, experimente e aprenda.

Seguimos medrando e enchendo a biblioteca de novos proxectos!!!


venres, 24 de outubro de 2025

Contra a desinformación: Bibliotecas

 

O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.


A biblioteca escolar é a primeira biblioteca que nos aprende a usar outras bibliotecas e a que o pon en contacto á infancia con eses outros espazos do coñecemento e do lecer: as bibliotecas públicas. 

Neste curso no que duplicamos espazos e diversificamos os recursos da nosa Biblioteca, temos como obxectivo lograr unha maior apertura á comunidade educativa, para se converter nunha ferramenta ao seu servizo. 

Isto trae consigo a necesidade de mediación dos axentes implicados: 

  • Por unha parte, as mestras, que actúan como mediadoras de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas.


  • Por outra banda, o noso Equipo de Biblioteca, que fai unha labor fundamental para lograr o bo funcionamento do servizo co acompañamento dos máis pequenos nos tempos de lecer.

  • E outros membros da comunidade educativa, como as familias colaboradoras ou a ANPA da escola, que amplian coñecementos sobre os proxectos desenvolvidos nas aulas ou organizan actividades de extensión cultural.



E para celebrar esta sorte nosa, no Día das Bibliotecas, pasamos pola nosa biblio e nela puidemos estrear a nosa zona STEAM, na que se incorporan os fondos de consulta e outros recursos tecnolóxicos, e na que, seguindo un texto instrutivo, fixemos unhas chapas para conmemorar este día.

#Bibliotecas_para_todos_os_públicos
#contra_a_desinformación_Bibliotecas  

luns, 13 de outubro de 2025

Biblioteca Creativa e Radio na Biblio

Non podemos estar máis felices! 

Fomos admitidas nos programas da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Biblioteca Creativa e Radio na Biblio!!!

Coa dotación económica de ambos programas poderemos, por unha banda, dotar á biblioteca dun espazo creativo cos materiais necesarios para desenvolver iniciativas que permitan a experimentación, a creación e a investigación e, por outra, a posta en marcha da radio escolar e a realización de obradoiros de formación para o alumnado neste eido.

Isto si que é un bo alicerce para poder ofrecerlle á nosa comunidade educativa mellores recursos e un punto de encontro ao redor da alfabetización informacional e mediática. E só é comezo! Preparad@s???

martes, 16 de setembro de 2025

Unha biblioteca renovada!

Despois dun intenso traballo ao longo do verán, a nosa biblioteca abre as súas portas completamente renovada e preparada para converterse nun auténtico centro de aprendizaxe, creación e encontro para toda a comunidade educativa.

A transformación comezou coa ampliación do espazo, que agora duplica a súa superficie, permitíndonos ofrecer novos ambientes e mellorar a organización dos recursos. Esta renovación veu acompañada da incorporación de novo mobiliario, pensado para facer da biblioteca un lugar máis cómodo, funcional e acolledor para todo o alumnado.

Un dos obxectivos principais foi adaptar os espazos ás necesidades dos distintos niveis lectores. Así, actualizamos e reorganizamos a sección destinada aos prelectores e primeiros lectores, creando un entorno atractivo que favoreza o descubrimento dos libros desde as primeiras idades. Tamén reubicamos os fondos para lectores autónomos e expertos, facilitando o acceso ás lecturas máis axeitadas para cada etapa.

Entre as novidades destaca a creación dunha sección específica de cómic, ampliando considerablemente os fondos dispoñibles para todos os niveis lectores e dando resposta ao crecente interese do alumnado por este formato.

A ampliación da biblioteca permitiunos tamén reorganizar os fondos de consulta, incorporando puntos de acceso a internet con ordenadores e outros dispositivos móbiles que facilitan a busca, selección e uso da información, competencias fundamentais na sociedade actual.

Pero a nosa biblioteca é moito máis que un espazo para ler. Queremos que sexa tamén un laboratorio de ideas e de creación. Por iso, reorganizamos os recursos de robótica, os xogos educativos, o recuncho de impresión 3D e a cortadora láser, integrándoos nun espazo que fomente a experimentación, a resolución de problemas e o desenvolvemento da creatividade.

Ademais, incorporamos dous novos recunchos que amplían as posibilidades de aprendizaxe e expresión do alumnado: o espazo de radio escolar e o recuncho do croma, que permitirán desenvolver proxectos de comunicación, creación audiovisual e traballo colaborativo.


Comeza así unha nova etapa para a nosa biblioteca, que aspira a ser un verdadeiro fervedoiro de aprendizaxes arredor da lectura, da escritura e do acceso á información, pero tamén un lugar onde as ideas medran, os proxectos cobran vida e a creatividade atopa o seu espazo.

Convidamos a toda a comunidade educativa a descubrir e gozar desta renovada biblioteca, un espazo vivo que seguirá medrando coas achegas, intereses e ilusións de todas e todos.




mércores, 8 de xaneiro de 2025

Por un 2025 cargado de fermosas lecturas!



Pero que grandísima sorpresa nos estaba agardando na biblio á volta das vacacións de nadal! Libros, libros e máis libros, pero tamén unha chea de xogos novos para compartir, novas mochilas viaxeiras para o empréstito familiar e... tachán! Un fermosísimo boneco do noso benquerido Mago Macín cos brazos ben abertos para espallar o seu amor pola lectura, 100% achuchable 💜. 

E quen fixo todo isto? Pois non podía ser doutra forma... A maxia dos tres Reis Magos encheu a nosa biblioteca de ilusión. Deixáronnos unha carta explicándonolo todo e ademais transmitíronnos unha mensaxe do propio Macín, que quere que compartamos un conto para a paz cos nosos compañeiros e compañeiras a través do Kamishibai, unha sorte de teatriño de papel para contar historias. Animádesvos?

 

Por un 2025 avengoso cheo de fermosas lecturas!

xoves, 3 de outubro de 2024

Comezamos en 3, ... 2, ... 1!

Arrinca un novo curso e a nosa Biblio vai abrir as súas portas con folgos renovados. E boa conta deron desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares. Isto xa está en marcha! Comezamos en 3,... 2,... 1!