venres, 13 de xuño de 2025

Última xornada de horta neste curso!

Imaxina que este arco é o noso invernadoiro e os restps que ves polo exterior son as borduras contra o plástico que linda co xardín. Isto é o noso gran hotel de insectos no que hoxe engadimos algún resto de poda máis. Un fogar marabilloso para a biodiversidade de insectos beneficiosos para a nosa horta!

Outra das tarefas que fixemos no invernadoiro foi o tratamento das malas herbas, que parte foron ao compost e outra parte foron ao bordes interiores do invernadoiro no que sementamos patacas e consoldas.

Colleitamos acelgas, leitugas, repolos, lombardas, coliflores e brócolis. Cada curso colleitou nos seus bancais e levou para repartir.

Regamos en abundancia, repartimos follas que recollemos do xardín e sementamos lentellas, que fixarán nitróxeno para as seguintes colleitas. Deixamos tamén plantas sen arrincar, para que volvan a espigarse e ir a flor, deixando as súas sementes na terra. 


Ainda que veña o verán, non nos preocupa que pasen algo de sede porque o propósito destas plantas é que cumpran o seu ciclo vexetativo completo, cos beneficios ecosistémicos que iso trae, independentemente de que colleitemos máis deles ou non.

Ao chegar á volta do verán teremos unha boa cantidade de materia orgánica para picar e meter nos bancais ou para botar ao compost.

Co grupo de 3º fixemos foco na composteira, xa que eles son os que o curso que vén lles tocará mover os restos orgánicos das merendas. Medimos co termómetro a temperatura que alcanzou e explicamos o porque nos interesesa e para que e explicamos como cubrir adecuadamente a materia orgánica das parvas cada vez que se botan para que non haxa tantos mosquitos nin malos olores.

Finalmente con outro grupo fomos revisar o niño onde puxemos as pepitas de aguacate e engadimos algunha semente xermolada máis para garantizar que alí haberá unha árbore e atopámonos coa terra branda, con chícharos, millo e fabas lobas xa xermolados e moitos outros vexetais que lle van a axudar mentres sexa pequeno a protexerse da calor extrema no verán.



Ningún comentario:

Publicar un comentario