Amosando publicacións coa etiqueta Correspondencia Macín 25/26. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Correspondencia Macín 25/26. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de abril de 2026

Comezamos o mes de abril cunha chea de novidades lectoras

Comezamos un mes de abril cheo de maxia, ilusión… e novos libros! Como xa é tradición, recibimos a visita de Macín, o noso mago feiticeiro, que apareceu cargado de novidades lectoras para agasallar ao alumnado e encher as estanterías de novas historias, aventuras e personaxes por descubrir.


Cada chegada de Macín convértese nun momento moi especial, no que os libros aparecen envoltos en misterio e sorpresa, despertando a curiosidade e as ganas de ler de grandes e pequenos. Pero como xa é habitual, ademais dos agasallos lectores, o mago trouxo tamén unha carta cunha misión moi importante para todo o alumnado.

A encomenda deste mes de abril será escoller un conto da biblioteca para preparalo e compartilo con outro grupo do cole. Un reto que nos converte en lectoras e lectores, pero tamén en contadoras e contadores de historias, capaces de transmitir emocións, aventuras e imaxinación a través da palabra.

Con actividades coma esta, seguimos facendo da nosa biblioteca un espazo vivo, onde a lectura se comparte, se disfruta e se converte nunha experiencia máxica que une a toda a comunidade escolar. Estades preparados e preparadas?



xoves, 8 de xaneiro de 2026

Unha biblioteca chea de maxia!!!

Pero que sorpresa tiñamos preparada na nosa Biblioteca ao chegar á volta das vacacións de Nadal!!! Entre Macín e os Reis Magos encheronna de maxia un ano máis e recibiunos cunha morea de libros, xogos e novas ferramentas para a nosa Biblioteca das que xa estamos desexando dar boa conta.


E tamén deixounos unha carta, que Macín sempre que pasa polo cole sempre nos deixa algunha encomenda coa que poñernos en acción. 
Ao longo da mañá pasou todo o cole pola biblio para descubrir estes marabillosos agasallos e temos que dicir que xa temos algunha novidade con lista de agarda!!! 
E que menuda pintaza que teñen estas novidades lectoras e xogonas! 

Así que o noso próximo Día da Paz vai de xogos. 
Estades preparados? Comezamos un novo ano!



mércores, 24 de setembro de 2025

Chegou a maxia do mago Macín á nosa Biblioteca!

Comeza a actividade na biblio. Despois de duplicar o espazo, renovar o mobiliario e reorganizar os fondos durante o verán, xa estamos listos para que a nosa renovada biblioteca sexa un fervedoiro de aprendizaxes en torno a lectura, a escritura e o acceso á información, pero tamén un laboratorio de ideas e de creación. 

E para celebrar todo isto o noso feiticeiro Macín tiña preparada unha sorpresa incríble. Deixounos unhas cartas nas aulas nas que nos explicaba todo o que a nosa biblioteca medrara neste verán e que para axudarnos a completar tanto oco por encher, nos tiña preparada unha sorpresa na nosa biblio. Unha manchea de libros e xogos novos!



Tamén pediunos que no mes durante o mes do outubro elaborásemos os nosos contos de medo, desta volta en formato audiovisual, para que o día que celebremos o SanMagostín poidamos xuntarnos na biblioteca a ver e escoitar esas historias tan arrepiantes coas que gozamos tanto.

E cando subimos á nosa biblio e vimos tooooodos eses libros e xogos novos, ilusionámonos moito con todo o que íamos poder aprender na nosa renovada biblioteca. 
Redistribuimos o espazo renovando o mobiliario e actualizando os fondos na sección adicada aos prelectores e os primeiros lectores; asimesmo reubicamos os fondos de lectores autónomos e expertos e engadimos unha sección específica de cómic ampliando os fondos para todos os niveis lectores; reubicamos os fondos de consulta na ampliación da biblioteca engadindo puntos de acceso a internet con ordenadores e outros dispositivos móbis para consulta; reorganizamos o material de robótica, os xogos, o recuncho da impresión 3D e a cortadora láser, así como incorporamos á nosa biblioteca os recunchos da radio e do croma. 
Queda camiño por recorrer, pero este é un moi bo comezo.




Estades preparados? Isto acaba de comezar!!!