Amosando publicacións coa etiqueta Robótica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Robótica. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de xuño de 2026

Ciencia, traballo en equipo e moita creatividade

O curso está a piques de rematar, pero nesta biblio non se para. Hoxe vivimos unha xornada máxica na biblioteca co alumnado de 3º e 4º de Primaria. Ao abeiro do programa Biblioteca Creativa, as nosas mesas transformáronse nun auténtico laboratorio de ideas, tecnoloxía e robótica grazas aos kits de Lego WeDo e da man de Gazapo. Queres saber como foi a aventura? Contámoscho todo!


O reto comezou coas tablets na man. Seguindo as instrucións dixitais paso a paso, os diferentes grupos demostraron unha gran habilidade para construír os seus propios vehículos robóticos con pezas de Lego. Unha vez montados, chegou o momento clave: conectar os sensores e motores para programar os códigos que lles darían vida e movemento.

Co robot listo, tocaba pasar á zona de probas da biblioteca, onde os agardaba un circuíto cheo de obstáculos. Conseguilo á primeira? Non era tan fácil! Cando o robot fallaba ou non era quen de superar unha barreira, os equipos non se rendían. Analizaban o problema, pensaban solucións e aplicaban modificacións creativas no deseño de Lego ou na programación da tablet.

O mellor de todo foi ver como cada grupo buscou camiños diferentes. Cada prototipo de Lego WeDo recibiu retoques e deseños totalmente distintos, pero todos e cada un dos equipos lograron superar os retos e chegar á meta.

A xornada rematou con sorrisos, aplausos e un alumnado absolutamente encantado de ver como o seu esforzo daba froito. Que grandes científicos e enxeñeiras temos na escola!

Moitas grazas a Gazapo por esta fantástica proposta que nos plantexou e que nos puxo en acción. Grazas por facernos gozar e aprender tanto coa robótica!



venres, 22 de maio de 2026

Celebrando as Letras Galegas 2026

Como xa é ben sabido, este ano adícaselle o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño, que foi unha escritora, xornalista e activista galega moi comprometida coa defensa da lingua galega, coa igualdade e coa xustiza social. Desde moi nova mostrou interese pola comunicación e pola cultura. Traballou durante moitos anos na radio, especialmente na Radio Galega.

Ademais de escribir novelas, Begoña Caamaño destacou polo seu labor como feminista. Defendía que as mulleres debían ter máis presenza na literatura, na cultura e na sociedade. Por iso, nas súas historias gustáballe dar voz a personaxes femininos fortes e valentes, recuperando figuras da mitoloxía e dos contos tradicionais desde unha mirada nova e máis igualitaria.

As súas obras máis coñecidas son Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, novelas nas que revisa antigas lendas para presentar mulleres protagonistas con personalidade propia, intelixentes e libres. A través dos seus libros, Begoña convidaba ás persoas lectoras a pensar sobre a liberdade, a amizade, o amor e o papel das mulleres ao longo da historia.

Tamén participou en movementos sociais e culturais en defensa dos dereitos das mulleres, da lingua galega e dunha sociedade máis xusta e solidaria. O seu compromiso fixo dela unha figura moi querida e admirada en Galicia.

Por todo o seu traballo literario, cultural e social, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas 2026, un recoñecemento moi importante para lembrar e valorar a súa achega á cultura galega.

_______

E nós celebramos esta gran festa da nosa língua, cunha xornada moi especial: organizamos un gran xogo no que, en grupos interniveis, todo o alumnado do colexio pasou por oito probas seguindo un itinerario, e nas que realizaron diversas actividades para coñecer un chisco mellor á homenaxeada nestas Letras Galegas 2026.

Un grande esforzo organizativo, xa que mobilizar a todo o alumnado en diferentes ubicacións da escola simultáneamente e en constante movemento require artellar moi ben todas as pezas. Pero a verdade é que todo funcionou de marabilla, xa que a rapazada do Equipo Biblio é un piar fundamental na organización das actividades de dinamización.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, por aquí vos deixamos algunhas fotos do desenvolvemento das diferentes probas deste gran xogo. Estades preparados?


Teléfono escacharrado


Xogos tradicionais


Busca a parella

Quebracabezas


O paso do río

Un paseo polas letras

A cantar e bailar

Xogo da CDU e mural de Begoña Caamaño






Que ben o pasamos e canto aprendimos!!!
Que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua.
Vivan as Letras Galegas!!!