Amosando publicacións coa etiqueta @s Amig@s de Macín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta @s Amig@s de Macín. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

Pechamos o club de lectura de 5º e 6º de EP nunha sesión conxunta

Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.


Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos  compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.


Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.


As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!









mércores, 3 de xuño de 2026

Teatro radiofónico

Como sabedes, o Club de lectura "@s amig@s de Macín" realizou unha adaptación radiofónica da obra de teatro A letra pequena das cousas, de Jose Luis Baños de Cos, editado por Galaxia.

Contamos co permiso expreso da editorial tanto para a realización da adaptación como para a publicación da plataforma iVoox e no blog da biblioteca. Despois dunha edición básica, podedes escoitar o noso podcast desde xa!





martes, 19 de maio de 2026

“@s amig@s de Macín” len a última obra deste curso

Este último mes, o alumnado do club de lectura de 6º de Educación Primaria "@s amig@s de Macín" tivemos a nosa última lectura do curso e da etapa, posto que o curso que vén xa non estaremos no cole. Así, para celebrar a experiencia, no canto de compartir unha lectura, cada persoa membra do club tivo a sorte de ler unha obra literaria diferente. 

Os libros escollidos para esta última lectura foron: 

 - Douche a miña palabra, de Fran Alonso. 
- A señorita Bubble, de Ledicia Costas. 
- Conta nove estrelas, de Andrea Maceiras. 
- Dúas bágoas por Máquina, de Fina Casalderrey.
- Laia, a nena da illa, de Ánxela Loureiro. 
- Rapazas, de Agustín Fernández Paz. 
- Matilda, de Roald Dahl. 
- O Nicolasiño, de Goscinny e Sempé. 

Despois dunha comida campestre nas mesas do noso patio, fixemos a nosa tertulia literaria sentados no campo. Cada persoa membra do club presentou o seu libro e respondeu ás preguntas do resto.
Para finalizar a sesión fixemos un Knolling literario, unha prosposta creativa e persoal de cada persoa membra do club que, preparando con anterioridade unha serie de obxectos vencellados co libro (ou coa súa visión do libro) que trouxo á sesión do club e fixo unha fotografía con plano cenital incluíndo este libro e os obxectos dispostos a modo de "bodegón". Velaquí os resultados!
Aínda nos queda unha última sesión do club, a modo de despedida, que compartiremos co club de lectura de 5ºEP "Macín e os Megalectores".



martes, 21 de abril de 2026

“@s amig@s de Macín” len Erin e o lobo

Este mes, no Club de Lectura de 6º de Primaria "@s amig@s de Macín" limos "Erin e o lobo", de Érica Esmorís. Despois da comida, falamos do libro,das súas impresións, dúbidas sobre o final... tamén sobre o que era un epílogo dentro da narrativa dun libro, como foi a experiencia de coñecer a autora e o valor engadido dun libro cando está asinado pola súa autora ou ten un Ex-libris.
Entre todos, elaboramos un póster para animar a posteriores membros do club de lectura a ler o libro. Para finalizar a sesión xogamos a unha versión do xogo de mesa "Carreira de Letras" con tarxetas vencelladas coa historia da obra.


martes, 10 de marzo de 2026

"@s amig@s de Macin" len Alma de Elefante

Este mes, o libro que limos no club de lectura de 6º EP "@s amig@s de Macín" foi Alma de elefante, de Andrea Maceiras ilustrado por Jordi Solano. Xa é o segundo libro que lemos dela e tivemos a oportunidade de coñecela o ano pasado na súa visita á nosa biblioteca así que collémolo con moitas ganas. 
Foi un libro que nos deixou con moitas preguntas e, na tertulia habitual coméntamolas entre todos os membros do club. Cada un e cada unha de nós comentamos as nosas impresións sobre a obra e sobre os temas que nela se tratan, así como das partes da historia que máis ou menos lles gustou, os momentos en que sentiron tensión ou nervios, pero tamén sobre as características e as actitudes dos protagonistas en diferentes momentos da narración. 
A verdade é que foi unha das tertulias nas que máis interviñemos pois tiñamos moito que dicir. Ademais, ao fío do espírito da propia obra, cada quen quixo compartir co grupo coa alma de que animal se sentía identificado ou identificada e por que o sentía así. Foi un momento moi especial.
Posteriormente, en equipo, realizamos un mural co mapa que imaxinamos que seguiron Lawen e Suy para ir a Ru desde Sat Naapa. Foi unha tarefa moi completa, recordando todos os lugares polos que pasaron e o que lles aconteceu alí e imaxinando os camiños que seguiron para ir dun lugar a outro. Como adoitamos facer cando traballamos en equipo debatimos, chegamos a acordos, establecimos diferentes tarefas e fomos realizándoas de forma ordenada.
O resultado quedou realmente fermoso, non vos parece?
Para finalizar, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos seguintes, Erin e o lobo, de Érica Esmorís.


xoves, 19 de febreiro de 2026

“@s amig@s de Macin” len A excursión a Cans

Durante o último mes, o club de lectura de 6º de EP "@s amig@s de Macin" limos o libro A excursión a Cans. Unha veciña de película, de Iria Misa, con ilustracións de Laura Suárez. Despois da comida, iniciamos a tertulia, como cada mes, sobre a súa opinión sobre o libro. Falamos de cal dos guións das curtametraxes lles gustou máis e por que, como foi a lectura, as dificultades que supuxo ter dous tipos de textos: narración e guións de cine.
Posteriormente, realizamos unha actividade en equipo convertindo un dos guións das curtametraxes da obra nunha historia de banda deseñada. Repartimos as tarefas, tomamos decisións, escribimos diálogos resumidos nos bocadillos, debuxamos... Foi unha actividade moi completa que nos encantou realizar en equipo. O resultado quedou exposto na biblioteca, no taboleiro dos Clubs de Lectura
Finalmente, facemos a devolución dos libros e o empréstito dos seguintes: Alma de elefante, de Andrea Maceiras.


martes, 13 de xaneiro de 2026

“@s amig@s de Macín” len A letra pequena das cousas

Este mes, no club de lectura de 6º de EP "@s amig@s de Macín" limos "A letra pequena das cousas", de José Luis Baños de Cos e ilustrado por Ana Tasende. Trátase dunha obra teatral que adaptamos para facer en teatro radiofónico. Tomando como referencia a obra, a mestra Fátima fixo unha escaleta adaptándoa para a radio, sinalando diferentes efectos de son e músicas que íamos incluír posteriormente. O alumnado, durante as festas de Nadal, estivo practicando na casa a lectura dramatizada da obra para poder realizala na radio escolar. Repartimos os papeis, recordamos todo o aprendido nas sesións de formación de Radio Espora e con Isidoro Valerio e puxémonos mans á obra. A mestra Fátima actuou de narradora e introduciu a obra e o alumnado interpretou os diferentes papeis e manexou a mesa de son e o programa de gravación.
Agora só nos queda o proceso de edición. Esperamos compartir neste espazo proximamente o resultado, posto que contamos coa autorización da Editorial Galaxia para difundir este podcast da súa obra. Para finalizar a sesión, realizamos al fin as nosas chapas identificativas do club de lectura co noso nome e o noso logo.

martes, 18 de novembro de 2025

“@s amig@s de Macín” len Liliam Strawberry e o paxaro da morte

Este mes, no club de lectura  de 6º EP “@s amig@s de Macín” limos “Liliam Strawberry e o paxaro da morte”, de Abel Tomé, ilustrado pola ferrolana Blanca Vila, veciña da nosa bisbarra.


Hoxe tivemos a nosa segunda reunión e, ademais, estreamos logo do noso club de lectura.


Despois da comida, como xa é habitual, fixemos unha tertulia sobre o libro, a nosa opinión persoal, as mellores e peores partes do libro, as personaxes que máis nos chamaron a atención, que sentimos ao ler o final da historia… Ademais, saíron temas moi interesantes como o acoso escolar, a morte ou o xeito en que os acontecementos da infancia poden influír na nosa personalidade.

A continuación, puxemos en común a información que atopamos nas diferentes fontes sobre a ilustradora Blanca Vila: a súa vida, a súa obra, onde poder coñecer os seus traballos etc. Gozamos moito vendo as ilustracións que a autora fixo de persoas coñecidas ou de acontecementos que suceden na nosa contorna.


Para finalizar a sesión xogamos ao Strawberry Tabú, unha versión do xogo de mesa en que, por equipos, tentamos adiviñar a palabra que describe un compañeiro ou compañeira evitando dicir as palabras prohibidas e sen facer mímica ou dar pistas sonoras.


Para a vindeira sesión leremos “A letra pequena das cousas”, unha obra de teatro de Jose Luis Baños de Cos e imos preparar algo moooi especial… estamos desexando compartilo!




martes, 21 de outubro de 2025

Bota a andar o club de lectura de 6º de Educación Primaria

Este ano o club de lectura Maciñeira de Libros conta con dous grupos, un grupo de 5º de EP coa profe Lidia e un grupo de 6º de EP que repite coa profe Fátima. 

Hoxe comezamos esta nova andaina renovando o compromiso do alumnado e recordando os momentos vividos o pasado ano no club. Dado que somos un novo club de lectura, xa que marcharon os membros que pasaron ao instituto, escollimos un novo nome para identificarnos. Despois dunha chuvia de ideas e dun longo debate e votación saiu escollido “@s Amig@s de Macín”.

Unha vez tivemos claro o noso nome, puxémonos mans á obra para, por equipos, deseñar un novo logo para o noso club. Colaboramos, compartimos ideas e finalmente escollimos o noso logo. O vindeiro día elaboraremos as chapas que nos identifique como membros deste club.



Ademais, coñecimos e levamos en empréstito o libro que leremos este mes: “Liliam Strawberry e o paxaro da morte”, de Abel Tomé e ilustrado pola ferrolana Blanca Vila. Sobre esta última comezamos a investigar un pouco na rede para saber algo máis dela e compartir información na vindeira sesión.