Amosando publicacións coa etiqueta STEAM. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta STEAM. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de abril de 2026

Estreamos ferramentas!!!

Xa sabedes que no pasado Nadal o noso amigo Macín tróuxonos unhas ferramentas coas que traballar a madeira e nun curso no que nos inspiramos no deseño e a creatividade, desde a nosa biblioteca seguimos a apostar por actividades creativas nas que o alumnado aprende facendo. Así que tiñamos que estrear estas fabulosas ferramenteas: a serra de calar e o taladro, sempre con moito coidado e supervisión, para crear pequenas pezas e explorar novas formas de deseño.

Este é o inicio dunha actividade inspirada na obra da artista Judith Scott, que transformaba materiais sinxelos en creacións cheas de forma, textura e significado.

Deste xeito, o alumnado experimenta coa creatividade, descubre novas posibilidades dos materiais e comproba que tamén se pode aprender e expresar ideas a través do traballo manual e da experimentación.

BIBLIOTECA ESCOLAR + DESEÑO --> 

VIAXE Á CREATIVIDADE



martes, 7 de abril de 2026

Obradoiros de ciencia

O alumnado do 3º ciclo de Primaria participou nun interesantísimo obradoiro de ciencia organizado grazas ao CITEEC e promovido polo Concello de Neda, nunha proposta educativa que achegou a ciencia dun xeito práctico, manipulativo e moi motivador.

Ao longo da actividade, o alumnado converteuse en pequeno equipo de investigación, explorando diferentes ámbitos científicos a través da experimentación directa. Puideron experimentear coa hidráulica, onde puideron observar como a auga se comporta en distintos sistemas e como se pode empregar para transmitir forza e movemento. A través de montaxes sinxelas e sorprendentes, comprenderon mellor conceptos que adoitan parecer complexos cando se explican só na aula.

Outro dos talleres estivo dedicado á arquitectura de estruturas, no que o alumnado tivo que enfrontarse ao reto de construír e deseñar estruturas estables. A creatividade, o traballo en equipo e a capacidade de resolver problemas foron fundamentais para conseguir deseños resistentes, aprendendo así principios básicos da enxeñaría e da construción.

Tamén houbo espazo para a exploración das propiedades dos materiais, onde puideron tocar, comparar e experimentar con diferentes elementos para descubrir como se comportan ante presión, peso ou deformación. Esta actividade espertou moita curiosidade e permitiu comprender que cada material ten características propias que determinan o seu uso no mundo real.

Estes obradoiros foron unha oportunidade magnífica para achegar a ciencia á vida cotiá, fomentando a curiosidade, o pensamento crítico e o gusto por aprender facendo. A experiencia demostrou que a ciencia non só se estuda, senón que tamén se vive, se constrúe e se comparte.

Unha xornada chea de descubrimentos que, sen dúbida, deixa pegada no camiño do noso alumnado como pequenos e pequenas investigadoras.




mércores, 11 de febreiro de 2026

Día da Muller e a Nena na ciencia

Cada 11 de febreiro celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data que nos invita a mirar arredor e preguntarnos algo importante: quen imaxina, constrúe e transforma o mundo no que vivimos? A resposta debería ser sinxela: todas as persoas. Pero a realidade dinos que aínda queda moito camiño para conseguir unha presenza igualitaria das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

Por iso, desde a nosa biblioteca escolar queremos seguir dando visibilidade ás mulleres investigadoras, enxeñeiras, matemáticas, programadoras e científicas que, co seu traballo, abren portas ás novas xeracións. Porque cando unha nena ve a outra muller investigando, creando ou liderando proxectos tecnolóxicos, entende que ela tamén pode facelo.

Neste contexto enmárcase a nosa visita ao CITENI: Centro de Investigacións en Tecnoloxía Naval e Industrial, unha experiencia que nos permitiu achegarnos ao mundo da innovación naval e industrial desde dentro. Durante a xornada, o alumnado puido coñecer proxectos vinculados á tecnoloxía, á investigación aplicada e ao desenvolvemento naval e industrial, descubrindo como a ciencia e a enxeñaría forman parte da nosa vida diaria e tamén do futuro da nosa comarca.

 🏎️ No @limferrol experimentaron cun simulador de motor eléctrico: probaron como cambia o seu comportamento segundo as decisións tomadas ao volante.

💨✈️ No laboratorio de Mecánica de Fluídos gozaron dun dos momentos máis divertidos da mañá, grazas ao túnel de vento!: entre risas e peiteados revolucionados, aprenderon a teoría que fai posible que os avións voen.

 🚢🌊 E xa no Canal de Experiencias Hidrodinámicas convertéronse en auténticos enxeñeiros navais: a través de modelos feitos con plastilina averiguaron por qué un barco flota e navega sen afundirse.

Pero un dos aspectos máis enriquecedores da visita foi poder escoitar e coñecer o traballo de profesionais que desenvolven a súa carreira nun ámbito historicamente moi masculinizado. Ver mulleres formando parte activa destes equipos de investigación axuda a romper estereotipos e a construír referentes reais e próximos. 



A ciencia non entende de xénero, pero as oportunidades ás veces si estiveron condicionadas por el. Por iso é tan importante seguir celebrando días como este: para lembrar o talento de tantas mulleres invisibilizadas ao longo da historia e para impulsar vocacións científicas entre as máis novas.

Desde a biblioteca seguiremos apostando por lecturas, actividades e experiencias que esperten a curiosidade, fomenten o pensamento crítico e animen ao alumnado a explorar o mundo da ciencia sen límites nin etiquetas. Porque o futuro tamén se escribe en feminino. E porque cada descubrimento comeza, moitas veces, cunha pregunta feita na aula… ou nunha biblioteca.