Amosando publicacións coa etiqueta Xogos tradicionais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xogos tradicionais. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de xuño de 2026

III e última sesión de xogos tradicionais aberta ás familias

Hoxe foi a derradeira sesión de xogos tradicionais aberta ás familias deste curso e creo que podemos dicir que non será a última. 

Organizámonos en equipos heteroxéneos e acompañados das nosas nais, os nosos pais, avoas e quen se quixo arrimar, gozamos destes xogos de sempre no patio da nosa escola.

O pasamos tan ben e estivemos taaaaaan ocupadas que nin nos deu tempo a tirar unha soa foto. Peeeeero... e o ben que o pasamos??? Iso non se pode contar. Hai que vivilo!!! 

E para celebralo e recordalo sempre fixemos unhas chapas de recordo para todas e todos os participantes!!! A que son chulísimas?


mércores, 13 de maio de 2026

II sesión de xogos populares aberta ás familias

E imos a por unha segunda sesión de xogos tradicionais aberta ás familias!!!

Ao longo destas sesións, as nenas e os nenos descubriron que moitos dos xogos de antes seguen a ser unha magnífica forma de divertirse, desenvolver habilidades motrices e sociais e compartir tempo cos demais. Ademais, comprenderon que estas prácticas forman parte da nosa identidade cultural e que coñecelas e transmitilas contribúe a conservar un legado que merece ser valorado.

Desde a biblioteca escolar seguimos apostando por proxectos que fomenten a investigación, a participación da comunidade educativa e o coñecemento do noso patrimonio cultural. A experiencia dos xogos populares e tradicionais demostrou que aprender das nosas tradicións é tamén unha maneira de construír futuro, fortalecendo os lazos entre xeracións e mantendo viva a nosa memoria colectiva.



mércores, 15 de abril de 2026

I sesión de xogos tradicionais aberta ás familias

Dentro do Proxecto Documental Integrado “As nosas tradicións”, o alumnado de Educación Infantil centrou a súa investigación nos xogos populares e tradicionais, unha parte fundamental do noso patrimonio cultural que nos permite coñecer mellor as nosas raíces e manter vivas as tradicións da nosa contorna.

O proxecto comezou cun valioso traballo de colaboración coas familias, que participaron na recollida de información sobre os xogos tradicionais que coñecían e aos que xogaran durante a súa infancia. Grazas ás achegas de pais, nais, avós e avoas, puidemos reunir un amplo repertorio de xogos que forman parte da memoria colectiva da nosa comunidade.

A partir desta investigación inicial, o alumnado elaborou un acróstico co lema dos xogos populares, unha actividade que lles permitiu reflexionar sobre os valores asociados a estas formas de lecer: a diversión, a cooperación, a amizade, o respecto e a participación.

Como culminación deste traballo, iniciamos un ciclo de sesións de xogos tradicionais aberto ás familias. Estas xornadas convertéronse nun auténtico encontro interxeracional no que pais, nais, avós, avoas e outros familiares compartiron espazos de xogo co alumnado, ensinándolles regras, cancións e dinámicas que pasaron de xeración en xeración. Foi unha experiencia moi enriquecedora que permitiu aprender xogando, fortalecer os vínculos entre a escola e as familias e crear momentos de convivencia cheos de emoción e lembranzas. 

Queredes velas en acción? Pois non perdades ollo destas fotos!



Que ben o pasamos!!! Xa estamos desexando que se repita!!!


xoves, 19 de febreiro de 2026

Un obradoiro de brinquedos tradicionais con Antón Cortizas

Os maiores de 3º a 6º de Primaria tamén celebraron os 100 días de cole cun marabilloso obradoiro de fabricación de brinquedos tradicionais da man de Antón Cortizas. Máis que mestre, máis que contador de historias, máis que escritor e poeta, máis que investigador, máis que etnógrafo... grande amigo!

Como vedes a nosa biblio estaba ateigada de ollos atentos, orellas espertas e mans bulideiras! 

Puidemos gozar da súa xenerosidade aprendendo un feixe de artes en torno aos brinquedos tradicionais e as palabras: papiroflexia, asubíos, castañolas... e outros inventos! E o mellor de todo foi que cada grupo aprendeu cousas diferentes, polo que nos próximos días teremos moito que facer compartindo estes novos saberes cos compañeiros e compañeiras das outras clases.

Un bico do galo cheo de adiviñas.


Un vaso de papel cunha pelotiña para encestala.



Unha pita choca.

Un asubío feito dun bugallo que soa a curuxa.

E ata unha castañola feita de cana que nos serviu de acompañamento a algunha que outra cantiga.

Todos estes brinquedos, e moitos máis, podes atopalos no seu libro "Tastarabás".

Despedímonos del cun pequeno agasallo e os arelos postos nunha próxima visita. Nesta sementamos tradicións e língua.

Moitas grazas pola compartir connosco o teu tempo, Antón!



Celebramos os 100 días de cole cunha xornada de xogos tradicionais

Chegaron os 100 días de cole, que para iso levan boa conta os nenos e nenas de Educación Infantil e celebrámolo ao grande.

Como este ano os pequenos do cole están a traballar dentro do PDI "As nosas tradicións" os xogos populares, decidiron celebrar tan sinalada data cunha xornada de xogos tradicionais que compartiron coa compañeiros e compañeiras do primeiro ciclo de Primaria.

Houbo unha chea de xogos e brinquedos cos que o pasamos en grande: xogos de puntería, de coordinación, de habilidade, ... xogos cooperativos, algún que outro tamén competitivo... uns máis difíciles e outros máis doados, xogos para todas as idades e para todos os gustos. 

Pero mellor que contalo é que vexades o ben que o pasamos! 













Que vivan os 100 días do cole 
e que vivan os xogos tradicionais!!!