Amosando publicacións coa etiqueta Xogos en familia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xogos en familia. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de xuño de 2026

III e última sesión de xogos tradicionais aberta ás familias

Hoxe foi a derradeira sesión de xogos tradicionais aberta ás familias deste curso e creo que podemos dicir que non será a última. 

Organizámonos en equipos heteroxéneos e acompañados das nosas nais, os nosos pais, avoas e quen se quixo arrimar, gozamos destes xogos de sempre no patio da nosa escola.

O pasamos tan ben e estivemos taaaaaan ocupadas que nin nos deu tempo a tirar unha soa foto. Peeeeero... e o ben que o pasamos??? Iso non se pode contar. Hai que vivilo!!! 

E para celebralo e recordalo sempre fixemos unhas chapas de recordo para todas e todos os participantes!!! A que son chulísimas?


mércores, 13 de maio de 2026

II sesión de xogos populares aberta ás familias

E imos a por unha segunda sesión de xogos tradicionais aberta ás familias!!!

Ao longo destas sesións, as nenas e os nenos descubriron que moitos dos xogos de antes seguen a ser unha magnífica forma de divertirse, desenvolver habilidades motrices e sociais e compartir tempo cos demais. Ademais, comprenderon que estas prácticas forman parte da nosa identidade cultural e que coñecelas e transmitilas contribúe a conservar un legado que merece ser valorado.

Desde a biblioteca escolar seguimos apostando por proxectos que fomenten a investigación, a participación da comunidade educativa e o coñecemento do noso patrimonio cultural. A experiencia dos xogos populares e tradicionais demostrou que aprender das nosas tradicións é tamén unha maneira de construír futuro, fortalecendo os lazos entre xeracións e mantendo viva a nosa memoria colectiva.



mércores, 15 de abril de 2026

I sesión de xogos tradicionais aberta ás familias

Dentro do Proxecto Documental Integrado “As nosas tradicións”, o alumnado de Educación Infantil centrou a súa investigación nos xogos populares e tradicionais, unha parte fundamental do noso patrimonio cultural que nos permite coñecer mellor as nosas raíces e manter vivas as tradicións da nosa contorna.

O proxecto comezou cun valioso traballo de colaboración coas familias, que participaron na recollida de información sobre os xogos tradicionais que coñecían e aos que xogaran durante a súa infancia. Grazas ás achegas de pais, nais, avós e avoas, puidemos reunir un amplo repertorio de xogos que forman parte da memoria colectiva da nosa comunidade.

A partir desta investigación inicial, o alumnado elaborou un acróstico co lema dos xogos populares, unha actividade que lles permitiu reflexionar sobre os valores asociados a estas formas de lecer: a diversión, a cooperación, a amizade, o respecto e a participación.

Como culminación deste traballo, iniciamos un ciclo de sesións de xogos tradicionais aberto ás familias. Estas xornadas convertéronse nun auténtico encontro interxeracional no que pais, nais, avós, avoas e outros familiares compartiron espazos de xogo co alumnado, ensinándolles regras, cancións e dinámicas que pasaron de xeración en xeración. Foi unha experiencia moi enriquecedora que permitiu aprender xogando, fortalecer os vínculos entre a escola e as familias e crear momentos de convivencia cheos de emoción e lembranzas. 

Queredes velas en acción? Pois non perdades ollo destas fotos!



Que ben o pasamos!!! Xa estamos desexando que se repita!!!