domingo, 2 de febreiro de 2025

Día da Candeloria: o día no que os paxariños casan 💗

O 2 de febreiro celébrase o Día da Candeloria, ou Festa da Luz. É unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar xusto na metade do inverno e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza. 

Como sucedeu en moitas ocasións, esta festa pagana foi cristianizada e convertiuse na Candeloria, traducíndose no costume de acender candeas. 

Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer da primavera.É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. 

Mesmo deféndese que o día 2 de febreiro debería ser a data do amor romántico na nosa cultura, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!  

O noso refraneiro popular tamén lembra que: 

“a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. 

A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: 

“Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra;

 cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”.

En Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas. 


Por iso, esta semana na Biblio teremos unha fermosa actividade de escrita creativa para celebrar este momento do ciclo natural no que as parellas de paxaros xúntanse para preparar o gran acontecemento que terá lugar na primavera: o nacemento de novos paporroibos, ferreiriños, carrizos, e moitas aves máis... que encherán de rechouchíos os nosos días.


E tamén ao longo da semana faremos un obradoiro de chapas con imaxes de parexas de paxaros elaboradas para celebrar esta festa da luz. Ao final da semana veredes os resultados destas dúas actividades.


Que viva o amor e que viva a Candeloria!







Ningún comentario:

Publicar un comentario