mércores, 30 de abril de 2025

E tras o apagón... poñemos o foco na nosa horta

E tras o apagón... menos mal que a natureza non para! Nesta nova xornada de horta actuamos sobre dous puntos: a zona da nova maceira e o invernadoiro.

Na zona da maceira nova, démoslle moitos mimos cos primeiros grupos, meténdolle algunha aromática que nos cederon desde ASPADISOL e limpamos as herbas non desexadas. Démoslle tamén unha boa poda á froiteira do lado, aprendendo sobre os criterios de poda e todo esas madeiras picámolas para aboar o chan xunto coas follas que comeza a ter a froiteira. Tamén fixemos varios espiches para ver se algún saca raíces e podemos propagar froiteiras polo patio. Imaxinádesvos poder merendar a froita da nosa escola?

Cos seguintes grupos traballamos no invernadoiro. Fixemos aporte de follas para as zonas de paso e os bancais, limpamos as zonas de cultivo tanto de verduras pasadas como de herbas non desexadas e compostamos todos estos restos tanto na bordura interior do invernadoiro coma nas composteiras.

Plantamos chícharos e leitugas que sementaron os de infantil e metemos patacas polos bordes que serán mini-bancais perennes. Tamén vimos - con moita cautela - un niño de musarañas que estaba no montón dos restos de poda na zona de compostaxe. Menuda sorpresa!!!

Que sorte a nosa ter un patio de escola tan vivo!!!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario