Hoxe tivemos a grandísima sorte de contar coa presenza de Cris e Jean-Ba de Alouette Machine e a súa imprenta, máxica e centenaria, para realizar un obradoiro polo que pasou todo o alumnado da escola e no que puidemos explorar e experimentar co deseño tipográfico do vocabulario do noso PDI.
Un curso no que se quere abrir a porta á creatividade nas bibliotecas escolares a través do deseño, que acompaña desde o inicio a comunicación escrita e que é orixe de tipografías, logotipos e páxinas.
Unha oportunidade para mirar os libros desde a súa orixe, coñecer o proceso da edición, da composición, da escolla de tipos, papeis, cubertas e encadernacións, ... Un deseño que trascende e que está presente en moitos ámbitos da nosa vida cotiá.
Os máis pequenos do cole, realizaron uns carteis sobre a fauna autóctona, empregando elementos figurativos e tipografías grandes.
O alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil elaboraron uns acrósticos co vocabulario dos xogos populares cos que están a traballar. Moito traballo previo nas aulas de infantil de conciencia fonolóxica, precursora da lectura e escritura, fixo que puideran aproveitar a tope a súa sesión, elaborando dúas composicións completísimas!!!
|
|
|
Na sesión de 1º e 2º de primaria exploraron o espazo tipográfico dun xeito moi creativo elaborando uns carteis para cada aula co vocabulario traballado sobre as árbores autóctonas e presentes na nosa escola. Preciosísimos!
Nas quendas de 3º e 4º de Primaria falaron da lenda da serpe do Río Belelle: unha lenda local que conecta a tradición oral co noso entorno. Deseñaron uns carteis sobre este ser mitolóxico, conectando oralidade e tipografía a través do deseño.
E finalmente, os maiores de 5º e 6º de Primaria deseñaron varios carteis xogando coas diversas tipografías, para crear acrósticos cos seres mitolóxicos galegos.
Foi unha incríble xornada na que se abriu a porta dunha marabillosa viaxe á creatividade da man do deseño tipográfico e que nos da pe a seguir investigando sobre as nosas tradicions: xogos, fauna e flora autóctona, lendas locais, mitoloxía...
Grazas a Cris e a Jean-Ba. Foi un pracer contar co voso bo facer para espertar en nós a curiosidade polo deseño tipográfico 💖.

Ningún comentario:
Publicar un comentario