Co gallo do 25N, e grazas á nosa ANPA molona, tivemos a sorte de que nos visitara Pakolas co seu espectáculo Cores, Contos & Rock' N' Roll con Ramona Orbita.
A ritmo de rock cantamos a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento.
Con ela viaxamos ao futuro e ao pasado saltando a diferentes épocas, dende as cavernas ata o futuro para facernos tomar conciencia da necesidade de lograr un mundo mellor e máis comprometido.
Ademais, veu acompañado de Laura Romero quen ilustrou esta incríble aventura.
E antes de despedirse Pakolas e Laura Romero asinaron os libros-disco que temos na nosa biblio e que a partir de xa, podedes levar en empréstito ás vosas casas.
Grazas á nosa ANPA por facer de hoxe un día xenial, no que con este concerto que pon o foco nas mulleres do rural, pero tamén no papel das mulleres ciencíficas ao longo da historia, reivindicamos a necesidade de vivir en igualdade e rachar coas barreiras da identidade de xénero.
Porque o talento, non sabe de xéneros.
Reivindiquemos a igualdade de oportunidades como xeito de rachar cos estereotipos machistas.


Ningún comentario:
Publicar un comentario