A planificación da horta escolar, xunto coa compostaxe e a simplificación do rego, pode entenderse como unha pequena introdución práctica á permacultura, onde cada decisión busca harmonía e equilibrio co medio.
Organizar os cultivos segundo as estacións, aproveitar os restos orgánicos para crear compost e deseñar sistemas de rego eficientes ensina ao alumnado a observar, a anticipar e a coidar os recursos con responsabilidade.
Deste xeito, a horta convértese nun espazo intelixente e sostible, no que nada se desperdicia e todo cumpre unha función, promovendo unha aprendizaxe consciente, creativa e comprometida co respecto pola natureza.
A liña conductora de hoxe foi o compost. Démoslle unha boa limpeza de follas malas e herbas non desexadas no invernadoiro que foron ás composteiras. Tentamos peneirar o compost para incorporalo aos bancais.
Colleitamos nabizas, rúcula e acelgas.
Deixamos plantados tomateiras, pementos, leitugas, brécoles, perixel, cilantro e algunhas remolachas e consoldas nos bancais.
Fixemos espiches de sálix "de colección" e salgueiro bravo nos laterais do invernadero para conter o mega hotel de insectos. A ver os que tiran para diante!
E planificamos a automatización do rego polo teito do invernadoiro a través de difusores, para simplificar esta tarefa. De momento, hoxe tocou regar coa mangueira!
Ningún comentario:
Publicar un comentario