Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, vivimos unha xornada moi especial na nosa horta escolar e no invernadoiro. Foi unha mañá chea de aprendizaxes, traballo en equipo e reflexións sobre a importancia de coidar a natureza e respectar os seus ritmos.
A actividade xirou arredor dunha idea fundamental: cando respectamos os ciclos das plantas e facemos un uso responsable dos recursos, a natureza devólvenos abundancia. Grazas ao traballo realizado ao longo do curso, puidemos recoller unha gran cantidade de produtos da horta. Colleitamos leitugas, acelgas, mini coles e outras verduras que puidemos aproveitar para nós.
Pero tamén aprendemos que non todo o que se recolle remata na mesa: unha parte importante da colleita, xunto coas herbas retiradas e as podas dos tomates máis asilvestrados, foi destinada á compostaxe.
|
Ao longo da xornada tamén falamos, adaptándonos á idade de cada grupo, da cadea trófica e das relacións que existen entre os distintos seres vivos do ecosistema da horta. Comprendemos que cada planta, insecto ou animal ten un papel importante e que todos forman parte dun mesmo equilibrio. |
Para rematar, cos grupos maiores xurdiu unha proposta solidaria e sostible: preparar paquetes de cinco plantas de tomate para poñer á disposición das familias e da comunidade educativa. A idea é compartilas mediante unha pequena achega voluntaria, promovendo así o coidado das plantas e a difusión da nosa experiencia hortícola.
A xornada concluíu cunha fermosa lección: a abundancia multiplícase cando se comparte. Repartimos colleitas, repartimos plantas, repartimos coñecementos e, sobre todo, repartimos ilusión por seguir aprendendo da natureza e coidando do medio ambiente entre todas e todos.
Agradecémoslle un ano máis a Peibol o acompañamento brindado ao longo de todo o curso e agardamos vernos á volta do verán!!!
Feliz Día Mundial do Medio Ambiente! 🌱🌍💚
Ningún comentario:
Publicar un comentario