O curso está a piques de rematar, pero nesta biblio non se para. Hoxe vivimos unha xornada máxica na biblioteca co alumnado de 3º e 4º de Primaria. Ao abeiro do programa Biblioteca Creativa, as nosas mesas transformáronse nun auténtico laboratorio de ideas, tecnoloxía e robótica grazas aos kits de Lego WeDo e da man de Gazapo. Queres saber como foi a aventura? Contámoscho todo!
O reto comezou coas tablets na man. Seguindo as instrucións dixitais paso a paso, os diferentes grupos demostraron unha gran habilidade para construír os seus propios vehículos robóticos con pezas de Lego. Unha vez montados, chegou o momento clave: conectar os sensores e motores para programar os códigos que lles darían vida e movemento.
Co robot listo, tocaba pasar á zona de probas da biblioteca, onde os agardaba un circuíto cheo de obstáculos. Conseguilo á primeira? Non era tan fácil! Cando o robot fallaba ou non era quen de superar unha barreira, os equipos non se rendían. Analizaban o problema, pensaban solucións e aplicaban modificacións creativas no deseño de Lego ou na programación da tablet.
O mellor de todo foi ver como cada grupo buscou camiños diferentes. Cada prototipo de Lego WeDo recibiu retoques e deseños totalmente distintos, pero todos e cada un dos equipos lograron superar os retos e chegar á meta.
A xornada rematou con sorrisos, aplausos e un alumnado absolutamente encantado de ver como o seu esforzo daba froito. Que grandes científicos e enxeñeiras temos na escola!
Moitas grazas a Gazapo por esta fantástica proposta que nos plantexou e que nos puxo en acción. Grazas por facernos gozar e aprender tanto coa robótica!

Ningún comentario:
Publicar un comentario