Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.
Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.
Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.
As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!






Ningún comentario:
Publicar un comentario