Dentro do Proxecto Documental Integrado “As nosas tradicións”, o alumnado de Educación Infantil centrou a súa investigación nos xogos populares e tradicionais, unha parte fundamental do noso patrimonio cultural que nos permite coñecer mellor as nosas raíces e manter vivas as tradicións da nosa contorna.
O proxecto comezou cun valioso traballo de colaboración coas familias, que participaron na recollida de información sobre os xogos tradicionais que coñecían e aos que xogaran durante a súa infancia. Grazas ás achegas de pais, nais, avós e avoas, puidemos reunir un amplo repertorio de xogos que forman parte da memoria colectiva da nosa comunidade.
A partir desta investigación inicial, o alumnado elaborou un acróstico co lema dos xogos populares, unha actividade que lles permitiu reflexionar sobre os valores asociados a estas formas de lecer: a diversión, a cooperación, a amizade, o respecto e a participación.Como culminación deste traballo, iniciamos un ciclo de sesións de xogos tradicionais aberto ás familias. Estas xornadas convertéronse nun auténtico encontro interxeracional no que pais, nais, avós, avoas e outros familiares compartiron espazos de xogo co alumnado, ensinándolles regras, cancións e dinámicas que pasaron de xeración en xeración. Foi unha experiencia moi enriquecedora que permitiu aprender xogando, fortalecer os vínculos entre a escola e as familias e crear momentos de convivencia cheos de emoción e lembranzas.
Queredes velas en acción? Pois non perdades ollo destas fotos!

Ningún comentario:
Publicar un comentario