Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Ledicia Costas “Escarlatina, a cociñeira defunta”, ilustrado por Victor Rivas e a profe Fátima quixo traer algo do Inframundo á nosa biblioteca…
Despois de xantar e da tertulia ao redor do libro, cada que elaborou a súa propia chapa do Club de Lectura, empregando a máquina de chapas emprestada polo IES Fernando Esquío e co deseño do logo que creamos o mes anterior, lembrándonos por suposto das persoas que por algún motivo non puideron acudir á reunión.
Posteriormente, elaboramos unha das receitas do “Libro de cociña de Román”: as Piruletas de chocolate. Viñemos preparados con mandil ou roupa que poder manchar e tivemos que consultar o libro para elaboralas. Pasámolo en grande e as piruletas estaban deliciosas.
Para finalizar a sesión, por equipos, xogamos unha partida a un xogo de mesa, o “Escarlatrivial”, unha adaptación do Trivial Pursuit con preguntas sobre o libro. Gustounos un montón recordar as mellores partes e os momentos máis interesantes deste xeito.
Para a volta das vacacións teremos a vindeira reunión do Club para a cal debemos ler previamente “No corazón do bosque”, do mestre Agustín Fernández Paz.
Así que xa sabedes, toca gozar da lectura durante as vacacións de Nadal!
Ningún comentario:
Publicar un comentario