Para celebrar o Día da Nena e a muller na ciencia, no que ademais de render homenaxe ás mulleres científicas do pasado pensamos que é fundamental que as nenas - e os nenos tamén - teñan referentes femininos actuais nas carreiras científicas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), inspirando así ás novas xeracións de nenas para que poidan interesarse pola ciencia desde idades temperás, reforzando a mensaxe de que a ciencia é un campo aberto a toda a sociedade, sen distinción de xénero.
Por iso, veu darnos unha charla e a falar do seu traballo, Beatriz Rodríguez Martínez, enxeñeira química que traballa para a UVigo.
Bea fixo tres sesións, cada unha delas adaptada aos niveis dos participantes. Falounos dalgunhas mulleres científicas como a física Lise Meitner, que descubriu a fisión nuclear pero lle deron o Premio Nobel ao seu compañeiro de traballo; a bioquímica Katalín Karikó, que estudou o ARN e grazas aos seu estudios se puideron facer as vacinas contra o COVID; a enxeñeira, médico e astronauta Mae Jemison, que desenvolveu un sistema de telecomunicacións co fin de mellorar o coidado médico en países non desenvolvidos; ou a enxeñeira industrial española Elena García Armada, que creou o primeiro exoesqueleto pedíatrico do mundo para nenos e nenas con patoloxías neuromusculares e parálise cerebral.
Ademais, falounos do seu traballo no laboratorio da Universidade dando unha nova vida a desfeitos alimentarios como mondas de pataca, ósos de aguacate, follas de eucalipto... que son considerados subprodutos para obter bioetanol e outros produtos químicos.
Pero non só iso, amosounos como facer unha extración e unha filtración, a utilizar unha micropipeta e a facer esferificacións.
Grazas Bea por compartir o teu tempo con nós e contarnos a túa experiencia. Tal vez, hoxe espertaches a motivación polas carreiras científicas nas nenas do noso cole, porque...
A ciencia é cousa de todas.
A ciencia non ten xénero.
Ti tamén podes ser científica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario