xoves, 13 de novembro de 2025

O profesorado de Maciñeira fórmase en Radio na Biblio

Desde finais do curso pasado, a Biblioteca de Macín conta con equipamento de radio grazas ás dotacións de Polos Creativos, polo que este curso animámonos a participar no programa Radio na Biblio
Deste xeito, o profesorado do CEIP de Maciñeira comezamos esta tarde a formarnos en radio escolar da man de Isidoro Valerio, presentador do programa de radio Voces de Ferrol. Esta é unha das iniciativas do Plan de Formación Permanente do Profesorado do noso centro, coordinado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol. 
Nesta primeira sesión, aprendimos como funciona a nosa emisora de radio e o programa informático para gravar os nosos primeiros podcasts, coñecemos os distintos elementos da emisora e cómo empregalos e recibimos consellos técnicos para o uso dos micrófonos.
Tamén aprendimos certas nocións de edición de audio, o emprego de uso de música comercial e/ou libre de dereitos, as distintas formas de compartir podcasts en aplicacións específicas ou redes sociais e incluso, realizar entrevistas radiofónicas mediante chamadas por mensaxería.
Estamos desexando aprender máis e lanzar ao ar a nosa radio escolar. De momento, xa temos novo logo, ainda que conservamos o nome da antiga radio escolar do cole de Maciñeira: RadioBelelle.

Ningún comentario:

Publicar un comentario