venres, 27 de marzo de 2026

Atrapados no Museo, unha obra de teatro chea de misterio.

Rematamos o trimestre celebrando o Día Mundial do Teatro grazas ao alumnado de 5º de Primaria que representou para o resto da escola a obra "Atrapados no Museo" de Vicente Cañón, unha obra adaptada por eles mesmos e que deixounos embelesados desde o primeiro minuto.


O que máis nos abraiou non foi só a súa soltura no escenario, senón o inmenso traballo previo que realizaron durante semanas. Dende as primeiras sesións para adaptar este guión cheo de suspense, ata a confección do vestiario e escenografía, os ensaios... esta rapazada amosou ser un equipo creativo imparable.


Fixeron dous pases, un para o alumnado de infantil e 1º ciclo de Primaria e outro para o alumnado de 2º e 3º ciclo. A posta en escena trasladounos directamente ás salas dun museo de historia antiga, onde o gran misterio xiraba arredor do roubo dunhas valiosas xoias. O escenario estaba cheo de detalles: o sarcófago, o esquelete e a momia que cobraba vida... 

Ver o alumnado de 5º movéndose entre os elementos do Antigo Exipto mentres resolvían o misterio foi unha experiencia emocionante para todo o colexio, que seguiu a trama sen pestanexar.

Con esta representación, quedou claro que o teatro é unha ferramenta máis que potente para traballar a expresión oral, a perda do medo escénico e, sobre todo, a cohesión do grupo. Foi un orgullo ver o ben que o fixeron.

¡Unha ovación de gala para estes novos talentos que converteron o cole nun escenario cheo de maxia e intriga!

Ningún comentario:

Publicar un comentario