venres, 19 de xuño de 2026

Empréstito de verán

Chega o verán e é tempo de lecer e de gozar a tope do sol, da praia, dos paseos, da amizade e da familia... e cómo non, tamén de gozar da lectura! Lembrade que durante este mes a nosa biblio segue aberta e podedes pasarvos para levar un lotiño (ou lotazo) de libros para ler durante as vacacións. 

E tamén, familias, podedes pasarvos por aquí para facervos usuarias da nosa biblio e poder acceder ao empréstito dixital a través de E-LBE.2. Agardamos por vós! 


xoves, 18 de xuño de 2026

UNBOUND: BE + Deseño --> Viaxe á creatividade

Na nosa biblioteca escolar seguimos a descubrir que a creatividade nace cando se mesturan a curiosidade, a experimentación e as ganas de facer. Dentro do programa Biblioteca Creativa, levamos a cabo unha actividade inspirada na obra da artista Judith Scott, cuxa traxectoria nos convida a reflexionar sobre o valor da expresión artística, a diversidade e as infinitas posibilidades dos materiais máis sinxelos.

A proposta partiu dun reto: transformar pezas de madeira, fíos e tecidos en creacións únicas. Para iso, o alumnado tivo a oportunidade de utilizar ferramentas de corte adaptadas ao ámbito escolar, como a serra de calar e os taladros, sempre seguindo as normas de seguridade e aprendendo a empregalas de maneira responsable. Esta experiencia permitiulles achegarse ao deseño e á fabricación como procesos creativos, desenvolvendo habilidades manuais, planificación e traballo cooperativo.

Unha vez preparadas as estruturas de madeira, chegou o momento de explorar texturas, cores e volumes. Fíos, la, teas e outros materiais téxtiles foron envolvendo as pezas ata convertelas en obxectos artísticos cheos de personalidade, evocando a técnica tan característica de Judith Scott, quen transformaba elementos cotiáns en esculturas envoltas de misterio e emoción.


Máis alá do resultado final, esta actividade foi unha oportunidade para experimentar sen medo ao erro, descubrir novas formas de expresión e comprender que cada creación é única porque tamén o é a mirada de quen a realiza. Ademais, achegounos á figura dunha artista que converteu a arte nunha poderosa forma de comunicación, demostrando que a creatividade non entende de límites.

Na nosa Biblioteca Escolar + Deseño, seguimos viaxando cara á creatividade, facendo da biblioteca un espazo onde ler, pensar, experimentar, construír e crear van sempre da man. Porque cada proxecto é unha nova oportunidade para aprender facendo e para descubrir que a arte tamén se pode tocar, envolver, transformar... e vivir.

mércores, 17 de xuño de 2026

Ai, Mamasiña, que medo!

Hoxe e como broche dourado da súa andaina no cole, este grupazo de 6º de Primaria ao que botaremos moitíiiiiisimo de menos, quixo compartir con toda a comunidade educativa o resultado do seu esforzo e ilusión coa representación da obra Mamasiña, que medo, de Chus Pereiro. Trátase dunha proposta chea de humor, emocións e situacións sorprendentes que permitiu aos rapaces e rapazas demostrar o seu talento artístico e o seu compromiso.


Preparar unha representación teatral supón un proceso de aprendizaxe no que cada participante ten un papel importante. Memorizar textos, comprender personaxes, coordinar movementos, controlar os nervios e colaborar cos compañeiros e compañeiras son retos que contribúen ao crecemento persoal da rapazada.




Durante semanas prepararon os diálogos, ensaiaron as escenas e coidaron cada detalle para ofrecer unha actuación da que sentirse orgullosos. A experiencia foi unha magnífica oportunidade para aprender dun xeito diferente, gozando da literatura dramática e descubrindo a maxia que se crea cando un grupo traballa unido cara a un mesmo obxectivo.

Desde a biblioteca queremos felicitar ao alumnado de 6º de Primaria polo excelente traballo realizado. Con iniciativas como esta, o teatro segue demostrando que é unha ferramenta educativa de enorme valor e unha fonte inesgotable de aprendizaxe, convivencia e diversión.

Grazas rapazada! Deixades unha grande pegada no cole e por suposto, na biblio 💜



Ciencia, traballo en equipo e moita creatividade

O curso está a piques de rematar, pero nesta biblio non se para. Hoxe vivimos unha xornada máxica na biblioteca co alumnado de 3º e 4º de Primaria. Ao abeiro do programa Biblioteca Creativa, as nosas mesas transformáronse nun auténtico laboratorio de ideas, tecnoloxía e robótica grazas aos kits de Lego WeDo e da man de Gazapo. Queres saber como foi a aventura? Contámoscho todo!


O reto comezou coas tablets na man. Seguindo as instrucións dixitais paso a paso, os diferentes grupos demostraron unha gran habilidade para construír os seus propios vehículos robóticos con pezas de Lego. Unha vez montados, chegou o momento clave: conectar os sensores e motores para programar os códigos que lles darían vida e movemento.

Co robot listo, tocaba pasar á zona de probas da biblioteca, onde os agardaba un circuíto cheo de obstáculos. Conseguilo á primeira? Non era tan fácil! Cando o robot fallaba ou non era quen de superar unha barreira, os equipos non se rendían. Analizaban o problema, pensaban solucións e aplicaban modificacións creativas no deseño de Lego ou na programación da tablet.

O mellor de todo foi ver como cada grupo buscou camiños diferentes. Cada prototipo de Lego WeDo recibiu retoques e deseños totalmente distintos, pero todos e cada un dos equipos lograron superar os retos e chegar á meta.

A xornada rematou con sorrisos, aplausos e un alumnado absolutamente encantado de ver como o seu esforzo daba froito. Que grandes científicos e enxeñeiras temos na escola!

Moitas grazas a Gazapo por esta fantástica proposta que nos plantexou e que nos puxo en acción. Grazas por facernos gozar e aprender tanto coa robótica!



luns, 15 de xuño de 2026

Tobi: unha curtametraxe de plastilina

Ao longo destes últimos meses o alumnado de 4º de Primaria creou esta curtametraxe na que empregaron a técnica de stop-motion. Crearon o guión, as personaxes, os escenarios e puxéronlle voz. Menudos artistas! E como non podía ser doutra forma, compartiron o seu traballo co resto de nenos e nenas do cole.


Deixámolo por aquí para que gocedes tanto coma nós desta historia que fala sobre o abandono animal e a adopción responsable.


Bravo rapazada! Menudo talento o voso!!!

mércores, 10 de xuño de 2026

III e última sesión de xogos tradicionais aberta ás familias

Hoxe foi a derradeira sesión de xogos tradicionais aberta ás familias deste curso e creo que podemos dicir que non será a última. 

Organizámonos en equipos heteroxéneos e acompañados das nosas nais, os nosos pais, avoas e quen se quixo arrimar, gozamos destes xogos de sempre no patio da nosa escola.

O pasamos tan ben e estivemos taaaaaan ocupadas que nin nos deu tempo a tirar unha soa foto. Peeeeero... e o ben que o pasamos??? Iso non se pode contar. Hai que vivilo!!! 

E para celebralo e recordalo sempre fixemos unhas chapas de recordo para todas e todos os participantes!!! A que son chulísimas?


martes, 9 de xuño de 2026

Pechamos o club de lectura de 5º e 6º de EP nunha sesión conxunta

Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.


Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos  compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.


Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.


As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!