
Este curso iniciamos unha nova andaina na Biblioteca de Macín. Ao aveiro do programa de Bibliotecas Escolares CLUB DE LECTURA, decidimos crear un club de lectura no noso centro destinado ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.
Así que hoxe tivemos a nosa primeira reunión, na que as persoas que conformamos o club de lectura (a profe Fátima e 20 crianzas) presentámonos e compartimos as nosas ideas e inquedanzas sobre o noso club de lectura.
Como equipo, decidimos o nome do noso club "MACÍN LE" e deseñamos un logo que nos identificase como club.
Tamén coñecemos a nosa primeira lectura do club, "Escarlatina, a cociñeira defunta", da autora galega contemporánea Ledicia Costas, con ilustracións de Victor Rivas. Estamos desexando que chegue a vindeira reunión para compartir as nosas impresións sobre o libro e descubrir todas as sorpresas que nos esperan na nosa Biblio.
________________________________________________________________________________
26 de novembro de 2024
Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Ledicia Costas “Escarlatina, a cociñeira defunta”, ilustrado por Victor Rivas e a profe Fátima quixo traer algo do Inframundo á nosa biblioteca…
Despois de xantar e da tertulia ao redor do libro, cada que elaborou a súa propia chapa do Club de Lectura, empregando a máquina de chapas emprestada polo IES Fernando Esquío e co deseño do logo que creamos o mes anterior, lembrándonos por suposto das persoas que por algún motivo non puideron acudir á reunión.
Posteriormente, elaboramos unha das receitas do “Libro de cociña de Román”: as Piruletas de chocolate. Viñemos preparados con mandil ou roupa que poder manchar e tivemos que consultar o libro para elaboralas. Pasámolo en grande e as piruletas estaban deliciosas.
Para finalizar a sesión, por equipos, xogamos unha partida a un xogo de mesa, o “Escarlatrivial”, unha adaptación do Trivial Pursuit con preguntas sobre o libro. Gustounos un montón recordar as mellores partes e os momentos máis interesantes deste xeito.
Para a volta das vacacións teremos a vindeira reunión do Club para a cal debemos ler previamente “No corazón do bosque”, do mestre Agustín Fernández Paz.
Toca gozar da lectura durante as vacacións de Nadal!
_______________________________________________________
Ningún comentario:
Publicar un comentario