Amosando publicacións coa etiqueta Paula Carballeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paula Carballeira. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de febreiro de 2025

MACÍN LE… “Somos os monstros”

Este mes, no club de lectura, limos “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira coa que puidemos vivir o lema das Bibliotecas Escolares deste curso 24/25 “Biblioteca Escolar, a escena!

Aproveitando o bo tempo, decidimos compartir o xantar na parte exterior do centro, facendo á súa vez a tertulia sobre o libro. Resolvimos dúbidas, compartimos impresións sobre a obra e aprendimos moito sobre o teatro.


Despois, na biblioteca, fixemos unha lectura dramatizada da obra, interpretando diferentes personaxes, meténdonos en situación e interpretando as acotacións. Meténdonos na pel das personaxes entendimos moito mellor a historia e como funciona o teatro. 


Finalmente, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos do vindeiro mes: “Plan de rescate”, de Antía Yáñez, que nos visitará en breve na nosa biblioteca.




martes, 14 de xaneiro de 2025

MACÍN LE …. “No corazón do bosque”

Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Agustín Fernández Paz “No corazón do bosque”, ilustrado por Miguelanxo Prado e, aproveitando a temática, comezamos así mesmo a deseñar a nosa “Maciñeira de Libros”.


Despois de xantar, comezamos a tertulia na biblioteca. A maioria do alumnado recoñeceu que o libro lles foi cativando a medida que o lían e acabaron todos encantados coa historia. Falamos moito da amizade e as relacións persoais dentro do grupo de iguais, afondando no tema do acoso, que se reflicte no libro coa relación de Carlos e Raquel. Saíron reflexións moi interesantes, tratando sempre o tema desde o respecto e a empatía. 

Para comezar a nosa Maciñeira de Libros, aproveitamos a contorna tan especial do noso centro e recollimos pólas, follas secas e pedras para poder empezar a montaxe da nosa maciñeira, queríamos facer algo con elementos naturais e que fose representativa do noso centro e a nosa contorna. 


Como sempre, para finalizar a sesión, xogamos unha partida a un xogo de mesa, unha adaptación do Just One en que cada equipo tiña que dar pistas a outro para que adiviñase palabras e expresións que tiñan que ver co libro. Repasamos a historia, empregamos a lóxica e aprendemos novo vocabulario da maneira máis divertida posible, xogando. Gustounos un montón!


Para a vindeiro reunión do club de lectura deberemos ler “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira, que nos permirá mergullarnos no mundo do Teatro, que este curso homenaxeamos co lema “Biblioteca Escolar, a escena!”.




venres, 13 de outubro de 2023

DÍA DAS ESCRITORAS

      O luns 16 conmemórase o Día das escritoras. Dende a biblio animámosvos a que leades libros escritos por mulleres, aquí temos un montón: de Ledicia Costas, Fina Casalderrey, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Susana Isern, Gloria Fuertes, J.K. Rowling.....
     Ademais este ano estamos de celebración porque dúas escritoras galegas levaron premios nacionais:
     YOLANDA CASTAÑO: Premio nacional de Poesía. Dela temos os libros: Punver e Punver de volta.


 

     PAULA CARBALLEIRA: Premio nacional de literatura dramática. Dela podedes ler: Paco, Mateo, O refugallo, Somos os monstros... e moitos máis.