Amosando publicacións coa etiqueta Radio na biblio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Radio na biblio. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

Pechamos o club de lectura de 5º e 6º de EP nunha sesión conxunta

Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.


Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos  compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.


Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.


As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!









mércores, 3 de xuño de 2026

Teatro radiofónico

Como sabedes, o Club de lectura "@s amig@s de Macín" realizou unha adaptación radiofónica da obra de teatro A letra pequena das cousas, de Jose Luis Baños de Cos, editado por Galaxia.

Contamos co permiso expreso da editorial tanto para a realización da adaptación como para a publicación da plataforma iVoox e no blog da biblioteca. Despois dunha edición básica, podedes escoitar o noso podcast desde xa!





luns, 4 de maio de 2026

O alumnado de 6ºEP participa no VIII Concurso de Podcast - Radio na Biblio

Como sabedes, este curso botamos a andar a nosa radio escolar - Radio Belelle -, ao abeiro  do programa Radio na Biblio, polo que, aproveitando a formación recibida polo alumnado e o profesorado, decidimos participar no VIII Concurso de Pódcast - Radio na Biblio para o curso 2025/26.

Este concurso ten como obxectivo divulgar e poñer en valor as persoas homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Este ano homenaxeamos a Begoña Caamaño, polo que escribimos e gravamos un podcast en que entrevistamos a persoas vencelladas coa súa vida persoal, así como ás mulleres protagonistas dos seus libros. 



Aínda que o noso podcast non resultou premiado nesta ocasión, queremos compartilo con toda a comunidade educativa desde a nosa conta de Ivoox. Pero tamén podedes escoitalo aquí:

 




luns, 20 de abril de 2026

Seguimos transformando espazos

Pouco a pouco, a nosa biblioteca vai transformándose para adaptarse ás novas actividades que nela se desenvolven. Non é só un espazo para ler ou consultar libros: tamén é un lugar onde crear, investigar, comunicar e aprender de moitas maneiras diferentes.

Neste curso incorporamos novo mobiliario para a radio escolar grazas ao programa Radio na Biblio. Con este equipamento contamos cun espazo máis cómodo e organizado para preparar e gravar os nosos programas, facer entrevistas, recomendar lecturas ou compartir todo aquilo que queremos contar coa comunidade educativa.


Ademais, grazas á dotación económica do programa Biblioteca Creativa, a biblioteca conta agora cun croma, un recurso que nos permitirá crear vídeos e desenvolver novas propostas relacionadas coa comunicación audiovisual. Seguro que será unha ferramenta moi útil para presentar traballos, gravar pequenas pezas ou dar forma a proxectos que combinen creatividade e aprendizaxe.

Estas melloras axúdannos a seguir facendo da biblioteca un espazo vivo e versátil, que se adapta ás necesidades do centro e ofrece novas oportunidades para que o alumnado participe, experimente e aprenda.

Seguimos medrando e enchendo a biblioteca de novos proxectos!!!


xoves, 12 de marzo de 2026

O alumnado de 5º e 6º grava os seus primeiros pódcast

Despois da formación recibida con Radio Espora, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria iniciou nas súas titorías o deseño e escritura de pódcast para Radio Belelle. En equipos cooperativos escribiron as escaletas e gravaron os seus programas na radio escolar. 



Despois, traballaron na edición dos mesmos e publicáronse no perfil de iVoox de Rádio Belelle. Xa os tedes dispoñibles nas seguintes ligazóns:


La importancia de la Radio Escolar

Las matemáticas en la radio



 

martes, 16 de setembro de 2025

Unha biblioteca renovada!

Despois dun intenso traballo ao longo do verán, a nosa biblioteca abre as súas portas completamente renovada e preparada para converterse nun auténtico centro de aprendizaxe, creación e encontro para toda a comunidade educativa.

A transformación comezou coa ampliación do espazo, que agora duplica a súa superficie, permitíndonos ofrecer novos ambientes e mellorar a organización dos recursos. Esta renovación veu acompañada da incorporación de novo mobiliario, pensado para facer da biblioteca un lugar máis cómodo, funcional e acolledor para todo o alumnado.

Un dos obxectivos principais foi adaptar os espazos ás necesidades dos distintos niveis lectores. Así, actualizamos e reorganizamos a sección destinada aos prelectores e primeiros lectores, creando un entorno atractivo que favoreza o descubrimento dos libros desde as primeiras idades. Tamén reubicamos os fondos para lectores autónomos e expertos, facilitando o acceso ás lecturas máis axeitadas para cada etapa.

Entre as novidades destaca a creación dunha sección específica de cómic, ampliando considerablemente os fondos dispoñibles para todos os niveis lectores e dando resposta ao crecente interese do alumnado por este formato.

A ampliación da biblioteca permitiunos tamén reorganizar os fondos de consulta, incorporando puntos de acceso a internet con ordenadores e outros dispositivos móbiles que facilitan a busca, selección e uso da información, competencias fundamentais na sociedade actual.

Pero a nosa biblioteca é moito máis que un espazo para ler. Queremos que sexa tamén un laboratorio de ideas e de creación. Por iso, reorganizamos os recursos de robótica, os xogos educativos, o recuncho de impresión 3D e a cortadora láser, integrándoos nun espazo que fomente a experimentación, a resolución de problemas e o desenvolvemento da creatividade.

Ademais, incorporamos dous novos recunchos que amplían as posibilidades de aprendizaxe e expresión do alumnado: o espazo de radio escolar e o recuncho do croma, que permitirán desenvolver proxectos de comunicación, creación audiovisual e traballo colaborativo.


Comeza así unha nova etapa para a nosa biblioteca, que aspira a ser un verdadeiro fervedoiro de aprendizaxes arredor da lectura, da escritura e do acceso á información, pero tamén un lugar onde as ideas medran, os proxectos cobran vida e a creatividade atopa o seu espazo.

Convidamos a toda a comunidade educativa a descubrir e gozar desta renovada biblioteca, un espazo vivo que seguirá medrando coas achegas, intereses e ilusións de todas e todos.




sábado, 17 de maio de 2025

Feliz Día das Letras Galegas!


Ao longo da semana andivemos moi atarefadas preparando o vídeo co que poñeremos o broche dourado á celebración das Letras Galegas adicadas ás nosas cantareiras, transmisoras da cultura popular a través da poesía da tradición oral. 
Gravamos os audios na nova radio de Polos Creativos coa axuda do noso recén estreado conserxe e a pandeireta da profe Laura e tamén  contamos cunha colaboración profesional para a edición de vídeo. 
Temos que agradecer tamén á Agrupación Folclórica e Cultural Orballo que compartiron con nós unha das cantigas do seu cancioneiro, a Mazurca de Lebozán, e que nos acompañará xa para sempre.


E para rematar esta semana de preparativos, pedímosvos que decoredes estas pandeiretas coas coplas que coñezades, xa que con elas adornaremos a escola a vindeira semana para celebrar a nosa I Foliada das Letras o vindeiro venres.