Amosando publicacións coa etiqueta A nosa biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A nosa biblioteca. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de maio de 2026

Os nosos recreos na biblio

Hai quen pensa que a biblioteca é un lugar onde só se vén buscar libros. E si, os libros están aquí, orgullosos nas súas estanterías, agardando por novas mans e novas imaxinacións. Pero durante o tempo de lecer, a nosa biblioteca convértese en moito máis ca iso: nun espazo cheo de movemento, creatividade e, sobre todo, ganas de compartir.


Mentres algúns aproveitan para mergullarse nas páxinas dunha novela de aventuras, doutros recunchos chegan risas e conversas arredor dos xogos de mesa. Estratexias imposibles, partidas épicas e algunha que outra revancha forman parte do día a día deste pequeno universo recreativo.

Os máis creativos tamén atopan aquí o seu lugar. Non é raro ver grupos elaborando marcapáxinas, participando en retos artísticos, creando historias colectivas ou dando forma a proxectos que nacen dunha simple idea compartida entre amizades.

A biblioteca tamén se converte, ás veces, nun laboratorio de curiosidades. Hai quen investiga sobre temas que lle interesan, quen descubre datos sorprendentes ou quen se atreve a resolver enigmas e desafíos propostos polo equipo da biblioteca. Porque aprender tamén pode ser unha aventura... e das boas!

E por suposto, non faltan os encontros lectores. Recomendacións de libros que pasan de man en man, conversas sobre personaxes inesquecibles ou descubrimentos que fan que alguén exclame: "Tes que ler este libro!".

Estes días pasou por aquí a nosa alumna Alicia Morales, autora do libro ¡A la aventura! para adicarnos o exemplar doado á nosa biblioteca. 

Agardámoste un futuro prometedor como escritora e xa estamos arelando a seguinte historia que de seguro chegará moi cedo. 

O máis bonito de todo é que cada recreo é diferente. Nun mesmo espazo conviven lectores silenciosos, xogadores entusiastas, artistas improvisados, investigadores curiosos e amizades que atopan na biblioteca un lugar acolledor para compartir o seu tempo.

Así que, se algunha vez te preguntas que pasa detrás das portas da biblioteca cando soa o timbre do recreo, a resposta é sinxela: pasan cousas marabillosas. Porque aquí non só se gardan libros; tamén se crean recordos, nacen ideas e medran as ganas de aprender e de estar xuntos. A nosa biblioteca está chea de historias... e moitas delas aínda se están escribindo cada día, durante o recreo.









luns, 20 de abril de 2026

Seguimos transformando espazos

Pouco a pouco, a nosa biblioteca vai transformándose para adaptarse ás novas actividades que nela se desenvolven. Non é só un espazo para ler ou consultar libros: tamén é un lugar onde crear, investigar, comunicar e aprender de moitas maneiras diferentes.

Neste curso incorporamos novo mobiliario para a radio escolar grazas ao programa Radio na Biblio. Con este equipamento contamos cun espazo máis cómodo e organizado para preparar e gravar os nosos programas, facer entrevistas, recomendar lecturas ou compartir todo aquilo que queremos contar coa comunidade educativa.


Ademais, grazas á dotación económica do programa Biblioteca Creativa, a biblioteca conta agora cun croma, un recurso que nos permitirá crear vídeos e desenvolver novas propostas relacionadas coa comunicación audiovisual. Seguro que será unha ferramenta moi útil para presentar traballos, gravar pequenas pezas ou dar forma a proxectos que combinen creatividade e aprendizaxe.

Estas melloras axúdannos a seguir facendo da biblioteca un espazo vivo e versátil, que se adapta ás necesidades do centro e ofrece novas oportunidades para que o alumnado participe, experimente e aprenda.

Seguimos medrando e enchendo a biblioteca de novos proxectos!!!


xoves, 30 de outubro de 2025

Contos de Medo na nosa biblio

Hoxe, véspera do Día de Defuntos, celebramos o Samaín xuntándonos na nosa biblio para visionar os audivisuais de medo que fixemos ao longo deste mes nas aulas. 

Xuntámonos por niveis, adaptando as historias aos nosos medos. Nos cursos máis baixos ilustramos as nosas historias e nos máis altos empregaron a IA para xerar as imaxes, que temos que dicir que son do máis realistas e algunhas poden dar algo de medo aos máis miudos.

Así que avisados quedadades. 

Non queremos que teñades pesadelos!

EDUCACIÓN INFANTIL

1º, 2º EDUCACIÓN PRIMARIA

3º e 4º EDUCACIÓN PRIMARIA


E cos de 5º e 6º de Primaria estamos tendo algún problemiña técnico e cando o solucionemos, poderedes velos por aquí.


Agardamos que o pasárades de medo vendo estas terroríficas historias!

venres, 24 de outubro de 2025

Contra a desinformación: Bibliotecas

 

O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.


A biblioteca escolar é a primeira biblioteca que nos aprende a usar outras bibliotecas e a que o pon en contacto á infancia con eses outros espazos do coñecemento e do lecer: as bibliotecas públicas. 

Neste curso no que duplicamos espazos e diversificamos os recursos da nosa Biblioteca, temos como obxectivo lograr unha maior apertura á comunidade educativa, para se converter nunha ferramenta ao seu servizo. 

Isto trae consigo a necesidade de mediación dos axentes implicados: 

  • Por unha parte, as mestras, que actúan como mediadoras de contidos e apoio aos usuarios na procura de información a través de fontes fiables e contrastadas.


  • Por outra banda, o noso Equipo de Biblioteca, que fai unha labor fundamental para lograr o bo funcionamento do servizo co acompañamento dos máis pequenos nos tempos de lecer.

  • E outros membros da comunidade educativa, como as familias colaboradoras ou a ANPA da escola, que amplian coñecementos sobre os proxectos desenvolvidos nas aulas ou organizan actividades de extensión cultural.



E para celebrar esta sorte nosa, no Día das Bibliotecas, pasamos pola nosa biblio e nela puidemos estrear a nosa zona STEAM, na que se incorporan os fondos de consulta e outros recursos tecnolóxicos, e na que, seguindo un texto instrutivo, fixemos unhas chapas para conmemorar este día.

#Bibliotecas_para_todos_os_públicos
#contra_a_desinformación_Bibliotecas  

martes, 16 de setembro de 2025

Unha biblioteca renovada!

Despois dun intenso traballo ao longo do verán, a nosa biblioteca abre as súas portas completamente renovada e preparada para converterse nun auténtico centro de aprendizaxe, creación e encontro para toda a comunidade educativa.

A transformación comezou coa ampliación do espazo, que agora duplica a súa superficie, permitíndonos ofrecer novos ambientes e mellorar a organización dos recursos. Esta renovación veu acompañada da incorporación de novo mobiliario, pensado para facer da biblioteca un lugar máis cómodo, funcional e acolledor para todo o alumnado.

Un dos obxectivos principais foi adaptar os espazos ás necesidades dos distintos niveis lectores. Así, actualizamos e reorganizamos a sección destinada aos prelectores e primeiros lectores, creando un entorno atractivo que favoreza o descubrimento dos libros desde as primeiras idades. Tamén reubicamos os fondos para lectores autónomos e expertos, facilitando o acceso ás lecturas máis axeitadas para cada etapa.

Entre as novidades destaca a creación dunha sección específica de cómic, ampliando considerablemente os fondos dispoñibles para todos os niveis lectores e dando resposta ao crecente interese do alumnado por este formato.

A ampliación da biblioteca permitiunos tamén reorganizar os fondos de consulta, incorporando puntos de acceso a internet con ordenadores e outros dispositivos móbiles que facilitan a busca, selección e uso da información, competencias fundamentais na sociedade actual.

Pero a nosa biblioteca é moito máis que un espazo para ler. Queremos que sexa tamén un laboratorio de ideas e de creación. Por iso, reorganizamos os recursos de robótica, os xogos educativos, o recuncho de impresión 3D e a cortadora láser, integrándoos nun espazo que fomente a experimentación, a resolución de problemas e o desenvolvemento da creatividade.

Ademais, incorporamos dous novos recunchos que amplían as posibilidades de aprendizaxe e expresión do alumnado: o espazo de radio escolar e o recuncho do croma, que permitirán desenvolver proxectos de comunicación, creación audiovisual e traballo colaborativo.


Comeza así unha nova etapa para a nosa biblioteca, que aspira a ser un verdadeiro fervedoiro de aprendizaxes arredor da lectura, da escritura e do acceso á información, pero tamén un lugar onde as ideas medran, os proxectos cobran vida e a creatividade atopa o seu espazo.

Convidamos a toda a comunidade educativa a descubrir e gozar desta renovada biblioteca, un espazo vivo que seguirá medrando coas achegas, intereses e ilusións de todas e todos.




martes, 25 de febreiro de 2025

MACÍN LE… “Somos os monstros”

Este mes, no club de lectura, limos “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira coa que puidemos vivir o lema das Bibliotecas Escolares deste curso 24/25 “Biblioteca Escolar, a escena!

Aproveitando o bo tempo, decidimos compartir o xantar na parte exterior do centro, facendo á súa vez a tertulia sobre o libro. Resolvimos dúbidas, compartimos impresións sobre a obra e aprendimos moito sobre o teatro.


Despois, na biblioteca, fixemos unha lectura dramatizada da obra, interpretando diferentes personaxes, meténdonos en situación e interpretando as acotacións. Meténdonos na pel das personaxes entendimos moito mellor a historia e como funciona o teatro. 


Finalmente, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos do vindeiro mes: “Plan de rescate”, de Antía Yáñez, que nos visitará en breve na nosa biblioteca.




martes, 14 de xaneiro de 2025

MACÍN LE …. “No corazón do bosque”

Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Agustín Fernández Paz “No corazón do bosque”, ilustrado por Miguelanxo Prado e, aproveitando a temática, comezamos así mesmo a deseñar a nosa “Maciñeira de Libros”.


Despois de xantar, comezamos a tertulia na biblioteca. A maioria do alumnado recoñeceu que o libro lles foi cativando a medida que o lían e acabaron todos encantados coa historia. Falamos moito da amizade e as relacións persoais dentro do grupo de iguais, afondando no tema do acoso, que se reflicte no libro coa relación de Carlos e Raquel. Saíron reflexións moi interesantes, tratando sempre o tema desde o respecto e a empatía. 

Para comezar a nosa Maciñeira de Libros, aproveitamos a contorna tan especial do noso centro e recollimos pólas, follas secas e pedras para poder empezar a montaxe da nosa maciñeira, queríamos facer algo con elementos naturais e que fose representativa do noso centro e a nosa contorna. 


Como sempre, para finalizar a sesión, xogamos unha partida a un xogo de mesa, unha adaptación do Just One en que cada equipo tiña que dar pistas a outro para que adiviñase palabras e expresións que tiñan que ver co libro. Repasamos a historia, empregamos a lóxica e aprendemos novo vocabulario da maneira máis divertida posible, xogando. Gustounos un montón!


Para a vindeiro reunión do club de lectura deberemos ler “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira, que nos permirá mergullarnos no mundo do Teatro, que este curso homenaxeamos co lema “Biblioteca Escolar, a escena!”.




mércores, 8 de xaneiro de 2025

Por un 2025 cargado de fermosas lecturas!



Pero que grandísima sorpresa nos estaba agardando na biblio á volta das vacacións de nadal! Libros, libros e máis libros, pero tamén unha chea de xogos novos para compartir, novas mochilas viaxeiras para o empréstito familiar e... tachán! Un fermosísimo boneco do noso benquerido Mago Macín cos brazos ben abertos para espallar o seu amor pola lectura, 100% achuchable 💜. 

E quen fixo todo isto? Pois non podía ser doutra forma... A maxia dos tres Reis Magos encheu a nosa biblioteca de ilusión. Deixáronnos unha carta explicándonolo todo e ademais transmitíronnos unha mensaxe do propio Macín, que quere que compartamos un conto para a paz cos nosos compañeiros e compañeiras a través do Kamishibai, unha sorte de teatriño de papel para contar historias. Animádesvos?

 

Por un 2025 avengoso cheo de fermosas lecturas!

martes, 3 de decembro de 2024

Aprendendo a xogar para aprender xogando: Escola de familias

Este martes 3 de decembro vivimos unha xornada moi especial co alumnado e as súas familias coa primeira xornada da Escola de Familias cun obradoiro sobre a Aprendizaxe Baseada en Xogos (ABX) baixo o título "Alternativas lúdicas para todas as idades"

As ponentes, Carolina Casal e Sonia Martínez, amosáronlle ás familias unha morea de xogos para aprender xogando e pasalo ben tanto na casa como no cole mentres o alumnado desfrutaba de diferentes servizos da biblioteca. As familias puideron aprender a empregar diferentes xogos de mesa en diferentes momentos, presentándoos como alternativa lúdica a outras actividades máis ligadas ás pantallas e a tecnoloxía. 


Finalmente, profesorado, alumnado e familias compartimos xogos e momentos de diversión nunha tarde inolvidable repleta de xogos.