Amosando publicacións coa etiqueta Inauguración da biblioteca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inauguración da biblioteca. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de setembro de 2025

Chegou a maxia do mago Macín á nosa Biblioteca!

Comeza a actividade na biblio. Despois de duplicar o espazo, renovar o mobiliario e reorganizar os fondos durante o verán, xa estamos listos para que a nosa renovada biblioteca sexa un fervedoiro de aprendizaxes en torno a lectura, a escritura e o acceso á información, pero tamén un laboratorio de ideas e de creación. 

E para celebrar todo isto o noso feiticeiro Macín tiña preparada unha sorpresa incríble. Deixounos unhas cartas nas aulas nas que nos explicaba todo o que a nosa biblioteca medrara neste verán e que para axudarnos a completar tanto oco por encher, nos tiña preparada unha sorpresa na nosa biblio. Unha manchea de libros e xogos novos!



Tamén pediunos que no mes durante o mes do outubro elaborásemos os nosos contos de medo, desta volta en formato audiovisual, para que o día que celebremos o SanMagostín poidamos xuntarnos na biblioteca a ver e escoitar esas historias tan arrepiantes coas que gozamos tanto.

E cando subimos á nosa biblio e vimos tooooodos eses libros e xogos novos, ilusionámonos moito con todo o que íamos poder aprender na nosa renovada biblioteca. 
Redistribuimos o espazo renovando o mobiliario e actualizando os fondos na sección adicada aos prelectores e os primeiros lectores; asimesmo reubicamos os fondos de lectores autónomos e expertos e engadimos unha sección específica de cómic ampliando os fondos para todos os niveis lectores; reubicamos os fondos de consulta na ampliación da biblioteca engadindo puntos de acceso a internet con ordenadores e outros dispositivos móbis para consulta; reorganizamos o material de robótica, os xogos, o recuncho da impresión 3D e a cortadora láser, así como incorporamos á nosa biblioteca os recunchos da radio e do croma. 
Queda camiño por recorrer, pero este é un moi bo comezo.




Estades preparados? Isto acaba de comezar!!!

martes, 16 de setembro de 2025

Unha biblioteca renovada!

Despois dun intenso traballo ao longo do verán, a nosa biblioteca abre as súas portas completamente renovada e preparada para converterse nun auténtico centro de aprendizaxe, creación e encontro para toda a comunidade educativa.

A transformación comezou coa ampliación do espazo, que agora duplica a súa superficie, permitíndonos ofrecer novos ambientes e mellorar a organización dos recursos. Esta renovación veu acompañada da incorporación de novo mobiliario, pensado para facer da biblioteca un lugar máis cómodo, funcional e acolledor para todo o alumnado.

Un dos obxectivos principais foi adaptar os espazos ás necesidades dos distintos niveis lectores. Así, actualizamos e reorganizamos a sección destinada aos prelectores e primeiros lectores, creando un entorno atractivo que favoreza o descubrimento dos libros desde as primeiras idades. Tamén reubicamos os fondos para lectores autónomos e expertos, facilitando o acceso ás lecturas máis axeitadas para cada etapa.

Entre as novidades destaca a creación dunha sección específica de cómic, ampliando considerablemente os fondos dispoñibles para todos os niveis lectores e dando resposta ao crecente interese do alumnado por este formato.

A ampliación da biblioteca permitiunos tamén reorganizar os fondos de consulta, incorporando puntos de acceso a internet con ordenadores e outros dispositivos móbiles que facilitan a busca, selección e uso da información, competencias fundamentais na sociedade actual.

Pero a nosa biblioteca é moito máis que un espazo para ler. Queremos que sexa tamén un laboratorio de ideas e de creación. Por iso, reorganizamos os recursos de robótica, os xogos educativos, o recuncho de impresión 3D e a cortadora láser, integrándoos nun espazo que fomente a experimentación, a resolución de problemas e o desenvolvemento da creatividade.

Ademais, incorporamos dous novos recunchos que amplían as posibilidades de aprendizaxe e expresión do alumnado: o espazo de radio escolar e o recuncho do croma, que permitirán desenvolver proxectos de comunicación, creación audiovisual e traballo colaborativo.


Comeza así unha nova etapa para a nosa biblioteca, que aspira a ser un verdadeiro fervedoiro de aprendizaxes arredor da lectura, da escritura e do acceso á información, pero tamén un lugar onde as ideas medran, os proxectos cobran vida e a creatividade atopa o seu espazo.

Convidamos a toda a comunidade educativa a descubrir e gozar desta renovada biblioteca, un espazo vivo que seguirá medrando coas achegas, intereses e ilusións de todas e todos.




venres, 4 de outubro de 2024

Unha morea de libros novos na reapertura da nosa Biblioteca!

A Biblio Macín abre de novo as súas portas e que mellor forma de facelo que darlle a benvida aos novos lectores e lectoras cunha morea de libros de parte do noso benquerido Mago Macín, gardián dos libros da nosa biblioteca!


Ademais de deixarnos tres caixas cheas de libros e algún que outro enredo, había unha carta na que nos pedía que ao longo deste mes preparásemos contos de medo para celebrar o Samaín tamén na biblioteca e investigásemos un pouquiño sobre as nosas tradicións.


Antes de voltar ás clases pudidemos botarlle unha ollada ás novas incorporacións traídas polo noso amigo Macín que de seguro nos farán gozar coa súa lectura tanto nas aulas como nas nosas casas. Verdade que si? Axiña poderédelas levar emprestadas!

Comeza un novo curso na Biblio Macín!