Amosando publicacións coa etiqueta Antía Yáñez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antía Yáñez. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de maio de 2025

MACÍN LE: unha dobre sesión do club de lectura

E desta vez tivo que ser así. Fixemos un 2x1 xa que o repouso da profe Fátima parece que require un pouco de tempo extra, así que colleu o relevo no noso Club de Lectura a profe Rosa, que desta volta contou co apoio de David para levar a cabo esta sesión dobre.

En primeiro lugar falamos de Plan de rescate, de Antía Yáñez, que veu visitarnos hai pouco ao cole e coa que xa tivemos a oportunidade de falar e facerlle mil e unha preguntas sobre esta divertida historia que pon o foco na diversidade.

E falando de diversidade, aproveitamos para falar dos sistemas aumentativos da comunicación, dos pictogramas ARASAAC e dos intercomunicadores, xa que no noso cole hai nenos que o empregan e é unha ferramenta moi valiosa para darlle voz ás persoas que doutro xeito non terían forma de expresarse.

En pequenos grupos, traballamos coas historias sociais e construimos a nosa propia, explicando aos nosos compañeiros e compañeiras algún aspecto da vida cotiá que pensamos que pode ser complicado de comprender para unha persoa que se ten que enfrentar a esa situación por primeira vez. E a verdade é que o fixeron fenomenal!!!


Tamén falamos de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras, que visitaranos proximamente. Conversamos sobre o libro e especialmente sobre os obxectos que nos identifican para facer unha cápsula do tempo nunha lata de galletas - coma acontece no libro - e quen sabe, poderse reunir dentro de 20, 30 ou 50 anos e sorprendernos ou emocionarnos co que alí atopemos. Meditamos sobre isto e escribimos un papeliño cun debuxo ou unha breve descrición do motivo polo que ese obxecto nos representa coa idea de ilos substituíndo ao longo deste mes para que así, na vindeira reunión do Club de Lectura e que será a última deste curso, soterremos a nosa cápsula do tempo no patio da escola.


Que bonita despedida para este Club de Lectura, non credes?

martes, 11 de marzo de 2025

Antía Yáñez visita a nosa biblioteca

Hoxe tivemos a grandísima sorte de que Antía Yáñez viñera visitar a nosa biblioteca, grazas á Editorial Xerais. Veu para falar do seu libro Plan de rescate, libro recomendadísimo, e que é unha das lecturas do noso Club de Lectura "Macín le" e que tamén leuse colectivamente nas aulas de 4º, 5º e 6º de Primaria. 

Falounos da diversidade funcional dos protagonistas do libro, Noela, Xiana, Héitor, Aldán... da autosuperación e dos prexuízos, que moitas veces son máis difíciles de salvar que as barreiras arquitectónicas que poida ter un edificio. 

Falounos tamén da importancia das palabras, de que debemos coidar a nosa linguaxe para facela inclusiva e que todos somos valiosos e valiosas independentemente da nosas capacidades, xa que a diversidade enriquécenos como sociedade. 


E antes de marchar fixémoslle cantas preguntas se nos ocurriron, especialmente centradas na diversidade funcional dos protagonistas, xa que non é frecuente que as personaxes principais teñan estas características. Verdade? Que necesarios son os libros coma este!

Tamén adicounos un bocadiño do seu tempo a asinar os exemplares dos seus libros editados en Xerais. Que ilusión!

Ademais, tocoulle estrear o noso "Libro de Visitas", onde a partir de agora deixarán a súa pegada as "autoridades" que se acheguen pola nosa biblioteca.

Grazas Antía! A Biblio Macín é a túa casa.

martes, 25 de febreiro de 2025

MACÍN LE… “Somos os monstros”

Este mes, no club de lectura, limos “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira coa que puidemos vivir o lema das Bibliotecas Escolares deste curso 24/25 “Biblioteca Escolar, a escena!

Aproveitando o bo tempo, decidimos compartir o xantar na parte exterior do centro, facendo á súa vez a tertulia sobre o libro. Resolvimos dúbidas, compartimos impresións sobre a obra e aprendimos moito sobre o teatro.


Despois, na biblioteca, fixemos unha lectura dramatizada da obra, interpretando diferentes personaxes, meténdonos en situación e interpretando as acotacións. Meténdonos na pel das personaxes entendimos moito mellor a historia e como funciona o teatro. 


Finalmente, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos do vindeiro mes: “Plan de rescate”, de Antía Yáñez, que nos visitará en breve na nosa biblioteca.