Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura 24/25. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura 24/25. Amosar todas as publicacións

martes, 10 de xuño de 2025

Pechamos o Club de Lectura 24/25

Hoxe preparamos e soterramos no noso patio unha cápsula do tempo, que preparamos con moito mimo escribindo verbas, facendo debuxos e traendo algúns obxectos que nos representasen. Como no libro "O enigma de Sempreviva", de Andrea Maceiras, nós tamén quixemos deixar a nosa pegada no tempo.


Preme nesta imaxe do mapa se queres ter as coordenadas exactas da cápsula do tempo.
Puxémoslle no exterior unha mensaxe: "NON ABRIR ATA 2035" 
Dez anos xa nos pareceu agardar abondo.

Finalmente plantamos unhas sementes de xirasois, para que marquen a ubicación da nosa cápsula do tempo, recreando o libro de Andrea Maceiras. Poñeremos nos exemplares da nosa biblioteca un código QR coa ubicación da nosa cápsula do tempo. Tal vez outras xeracións de lectores descubran o noso tesouro agochado.

E rematamos as reunións do Club de Lectura "Macín le" e poñemos un punto e aparte ata o vindeiro curso cunha sesión campestre chea de poesía. Escoitamos os poemas e cancións do gato poeta de Fran Alonso e divertímonos moito descubrindo todos os enredos deste libro... falamos da importancia da poesía, do amor, dos enredos da lingua, dos xogos de palabras e ata de política! E foi unha delicia.

Foi xenial compartir lecturas con vós ao longo deste curso.

O curso que vén seguimos con máis lecturas!

mércores, 28 de maio de 2025

Andrea Maceiras visita a nosa biblioteca

Hoxe tivemos a grandísima sorte de que viñera a visitarnos Andrea Maceiras, para falar do seu libro O enigma de Sempreviva, grazas a editorial Xerais.

O libro foi un dos escollidos no noso Club de Lectura e é unha das lecturas recomendadas para os cursos de 5º e 6º de Primaria. Con el, Andrea Maceiras gañou o XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d'Ibi. Así que se aínda non o liches, xa estás tardando!

Ao longo deste encontro falamos de moitísimas cousas: dos libros que son coma caixas de tesouros; das persoas e da forma de querer que teñen e que temos; dos obxectos que nos representan; dos recordos da infancia; do noso propio eu co pasar do tempo... 


A verdade que pouco a pouco Andrea foinos engaiolando e quedamos totalmente atrapados no seu imaxinario a través das súas verbas e queríamos saber máis e máis... dela, da súa motivación para escribir, das outras historias que escribiu, das emocións que transmite coas súas historias... 

E así foi pasando o tempo, pero antes de marchar asinounos unha morea de libros e o noso libro de visitas.


Moitísimas grazas pola visita. Deixaches unha pegada imborrable nesta rapazada, que no recreo facía cola para levar emprestados os outros títulos da autora dispoñibles na nosa biblio. Non quedou un nos andeis!!!


Grazas por compartir este tempo con nós!

martes, 13 de maio de 2025

MACÍN LE: unha dobre sesión do club de lectura

E desta vez tivo que ser así. Fixemos un 2x1 xa que o repouso da profe Fátima parece que require un pouco de tempo extra, así que colleu o relevo no noso Club de Lectura a profe Rosa, que desta volta contou co apoio de David para levar a cabo esta sesión dobre.

En primeiro lugar falamos de Plan de rescate, de Antía Yáñez, que veu visitarnos hai pouco ao cole e coa que xa tivemos a oportunidade de falar e facerlle mil e unha preguntas sobre esta divertida historia que pon o foco na diversidade.

E falando de diversidade, aproveitamos para falar dos sistemas aumentativos da comunicación, dos pictogramas ARASAAC e dos intercomunicadores, xa que no noso cole hai nenos que o empregan e é unha ferramenta moi valiosa para darlle voz ás persoas que doutro xeito non terían forma de expresarse.

En pequenos grupos, traballamos coas historias sociais e construimos a nosa propia, explicando aos nosos compañeiros e compañeiras algún aspecto da vida cotiá que pensamos que pode ser complicado de comprender para unha persoa que se ten que enfrentar a esa situación por primeira vez. E a verdade é que o fixeron fenomenal!!!


Tamén falamos de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras, que visitaranos proximamente. Conversamos sobre o libro e especialmente sobre os obxectos que nos identifican para facer unha cápsula do tempo nunha lata de galletas - coma acontece no libro - e quen sabe, poderse reunir dentro de 20, 30 ou 50 anos e sorprendernos ou emocionarnos co que alí atopemos. Meditamos sobre isto e escribimos un papeliño cun debuxo ou unha breve descrición do motivo polo que ese obxecto nos representa coa idea de ilos substituíndo ao longo deste mes para que así, na vindeira reunión do Club de Lectura e que será a última deste curso, soterremos a nosa cápsula do tempo no patio da escola.


Que bonita despedida para este Club de Lectura, non credes?

martes, 11 de marzo de 2025

Antía Yáñez visita a nosa biblioteca

Hoxe tivemos a grandísima sorte de que Antía Yáñez viñera visitar a nosa biblioteca, grazas á Editorial Xerais. Veu para falar do seu libro Plan de rescate, libro recomendadísimo, e que é unha das lecturas do noso Club de Lectura "Macín le" e que tamén leuse colectivamente nas aulas de 4º, 5º e 6º de Primaria. 

Falounos da diversidade funcional dos protagonistas do libro, Noela, Xiana, Héitor, Aldán... da autosuperación e dos prexuízos, que moitas veces son máis difíciles de salvar que as barreiras arquitectónicas que poida ter un edificio. 

Falounos tamén da importancia das palabras, de que debemos coidar a nosa linguaxe para facela inclusiva e que todos somos valiosos e valiosas independentemente da nosas capacidades, xa que a diversidade enriquécenos como sociedade. 


E antes de marchar fixémoslle cantas preguntas se nos ocurriron, especialmente centradas na diversidade funcional dos protagonistas, xa que non é frecuente que as personaxes principais teñan estas características. Verdade? Que necesarios son os libros coma este!

Tamén adicounos un bocadiño do seu tempo a asinar os exemplares dos seus libros editados en Xerais. Que ilusión!

Ademais, tocoulle estrear o noso "Libro de Visitas", onde a partir de agora deixarán a súa pegada as "autoridades" que se acheguen pola nosa biblioteca.

Grazas Antía! A Biblio Macín é a túa casa.

martes, 25 de febreiro de 2025

MACÍN LE… “Somos os monstros”

Este mes, no club de lectura, limos “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira coa que puidemos vivir o lema das Bibliotecas Escolares deste curso 24/25 “Biblioteca Escolar, a escena!

Aproveitando o bo tempo, decidimos compartir o xantar na parte exterior do centro, facendo á súa vez a tertulia sobre o libro. Resolvimos dúbidas, compartimos impresións sobre a obra e aprendimos moito sobre o teatro.


Despois, na biblioteca, fixemos unha lectura dramatizada da obra, interpretando diferentes personaxes, meténdonos en situación e interpretando as acotacións. Meténdonos na pel das personaxes entendimos moito mellor a historia e como funciona o teatro. 


Finalmente, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos do vindeiro mes: “Plan de rescate”, de Antía Yáñez, que nos visitará en breve na nosa biblioteca.




martes, 14 de xaneiro de 2025

MACÍN LE …. “No corazón do bosque”

Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Agustín Fernández Paz “No corazón do bosque”, ilustrado por Miguelanxo Prado e, aproveitando a temática, comezamos así mesmo a deseñar a nosa “Maciñeira de Libros”.


Despois de xantar, comezamos a tertulia na biblioteca. A maioria do alumnado recoñeceu que o libro lles foi cativando a medida que o lían e acabaron todos encantados coa historia. Falamos moito da amizade e as relacións persoais dentro do grupo de iguais, afondando no tema do acoso, que se reflicte no libro coa relación de Carlos e Raquel. Saíron reflexións moi interesantes, tratando sempre o tema desde o respecto e a empatía. 

Para comezar a nosa Maciñeira de Libros, aproveitamos a contorna tan especial do noso centro e recollimos pólas, follas secas e pedras para poder empezar a montaxe da nosa maciñeira, queríamos facer algo con elementos naturais e que fose representativa do noso centro e a nosa contorna. 


Como sempre, para finalizar a sesión, xogamos unha partida a un xogo de mesa, unha adaptación do Just One en que cada equipo tiña que dar pistas a outro para que adiviñase palabras e expresións que tiñan que ver co libro. Repasamos a historia, empregamos a lóxica e aprendemos novo vocabulario da maneira máis divertida posible, xogando. Gustounos un montón!


Para a vindeiro reunión do club de lectura deberemos ler “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira, que nos permirá mergullarnos no mundo do Teatro, que este curso homenaxeamos co lema “Biblioteca Escolar, a escena!”.




martes, 26 de novembro de 2024

MACÍN LE … “Escarlatina, a cociñeira defunta”

Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Ledicia Costas “Escarlatina, a cociñeira defunta”, ilustrado por Victor Rivas e a profe Fátima quixo traer algo do Inframundo á nosa biblioteca…


Despois de xantar e da tertulia ao redor do libro, cada que elaborou a súa propia chapa do Club de Lectura, empregando a máquina de chapas emprestada polo IES Fernando Esquío e co deseño do logo que creamos o mes anterior, lembrándonos por suposto das persoas que por algún motivo non puideron acudir á reunión. 


Posteriormente, elaboramos unha das receitas do “Libro de cociña de Román”: as Piruletas de chocolate. Viñemos preparados con mandil ou roupa que poder manchar e tivemos que consultar o libro para elaboralas. Pasámolo en grande e as piruletas estaban deliciosas. 




Para finalizar a sesión, por equipos, xogamos unha partida a un xogo de mesa, o “Escarlatrivial”, unha adaptación do Trivial Pursuit con preguntas sobre o libro. Gustounos un montón recordar as mellores partes e os momentos máis interesantes deste xeito.


Para a volta das vacacións teremos a vindeira reunión do Club para a cal debemos ler previamente “No corazón do bosque”, do mestre Agustín Fernández Paz. 
Así que xa sabedes, toca gozar da lectura durante as vacacións de Nadal!






martes, 29 de outubro de 2024

Bota a andar o noso Club de Lectura

Este curso iniciamos unha nova andaina na Biblioteca de Macín. Ao aveiro do programa de Bibliotecas Escolares CLUB DE LECTURA, decidimos crear un club de lectura no noso centro destinado ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.

Así que hoxe tivemos a nosa primeira reunión, na que as persoas que conformamos o club de lectura (a profe Fátima e 20 crianzas) presentámonos e compartimos as nosas ideas e inquedanzas sobre o noso club de lectura. 

Como equipo, decidimos o nome do noso club "MACÍN LE" e deseñamos un logo que nos identificase como club. 

Tamén coñecemos a nosa primeira lectura do club, "Escarlatina, a cociñeira defunta", da autora galega contemporánea Ledicia Costas, con ilustracións de Victor Rivas. Estamos desexando que chegue a vindeira reunión para compartir as nosas impresións sobre o libro e descubrir todas as sorpresas que nos esperan na nosa Biblio.