Amosando publicacións coa etiqueta Xogos de mesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xogos de mesa. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de maio de 2026

Os nosos recreos na biblio

Hai quen pensa que a biblioteca é un lugar onde só se vén buscar libros. E si, os libros están aquí, orgullosos nas súas estanterías, agardando por novas mans e novas imaxinacións. Pero durante o tempo de lecer, a nosa biblioteca convértese en moito máis ca iso: nun espazo cheo de movemento, creatividade e, sobre todo, ganas de compartir.


Mentres algúns aproveitan para mergullarse nas páxinas dunha novela de aventuras, doutros recunchos chegan risas e conversas arredor dos xogos de mesa. Estratexias imposibles, partidas épicas e algunha que outra revancha forman parte do día a día deste pequeno universo recreativo.

Os máis creativos tamén atopan aquí o seu lugar. Non é raro ver grupos elaborando marcapáxinas, participando en retos artísticos, creando historias colectivas ou dando forma a proxectos que nacen dunha simple idea compartida entre amizades.

A biblioteca tamén se converte, ás veces, nun laboratorio de curiosidades. Hai quen investiga sobre temas que lle interesan, quen descubre datos sorprendentes ou quen se atreve a resolver enigmas e desafíos propostos polo equipo da biblioteca. Porque aprender tamén pode ser unha aventura... e das boas!

E por suposto, non faltan os encontros lectores. Recomendacións de libros que pasan de man en man, conversas sobre personaxes inesquecibles ou descubrimentos que fan que alguén exclame: "Tes que ler este libro!".

Estes días pasou por aquí a nosa alumna Alicia Morales, autora do libro ¡A la aventura! para adicarnos o exemplar doado á nosa biblioteca. 

Agardámoste un futuro prometedor como escritora e xa estamos arelando a seguinte historia que de seguro chegará moi cedo. 

O máis bonito de todo é que cada recreo é diferente. Nun mesmo espazo conviven lectores silenciosos, xogadores entusiastas, artistas improvisados, investigadores curiosos e amizades que atopan na biblioteca un lugar acolledor para compartir o seu tempo.

Así que, se algunha vez te preguntas que pasa detrás das portas da biblioteca cando soa o timbre do recreo, a resposta é sinxela: pasan cousas marabillosas. Porque aquí non só se gardan libros; tamén se crean recordos, nacen ideas e medran as ganas de aprender e de estar xuntos. A nosa biblioteca está chea de historias... e moitas delas aínda se están escribindo cada día, durante o recreo.









venres, 30 de xaneiro de 2026

Día da Paz, día de xogos

O 30 de xaneiro celebramos o Día escolar da non violencia e a Paz elaborando de xeito colaborativo un abecedario multilingüe para a paz, propoñendo lecturas para a paz e xogando moito, moito, moito. 


Cada aula escolleu un xogo para ensinarllo a outra e así realizar unha xornada de convívio na que os xogos e os risos compartidos foron o eixo da actividade. 
Xogar é moi importante, porque axúdanos a levarnos ben cos demais. Cando xogamos aprendemos a respectar as normas, a esperar a nosa quenda e a compartir. Tamén aprendemos a falar, a axudar aos compañeiros e a resolver problemas sen pelexar.
O xogo ensínanos a ser amables, solidarios e a aceptar a todos, aínda que sexan diferentes. Ademais, xogar fainos sentir felices e tranquilos, creando un ambiente onde todos podemos aprender e convivir mellor.

E por aquí vos deixamos algunhas fotografías para que gocedes tanto coma nós!








Aproveitamos tamén para estreitar lazos entre madriñas/padriños e afillados/as, e ao rematar, entregáronnos unhas chapas como símbolo do novo vínculo que acabamos de estrear e que continuarán a través de moitas lecturas compartidas ao longo do curso.



Que ben o pasamos! Porque xogar é parte da nosa aprendizaxe para a vida!

xoves, 8 de xaneiro de 2026

Unha biblioteca chea de maxia!!!

Pero que sorpresa tiñamos preparada na nosa Biblioteca ao chegar á volta das vacacións de Nadal!!! Entre Macín e os Reis Magos encheronna de maxia un ano máis e recibiunos cunha morea de libros, xogos e novas ferramentas para a nosa Biblioteca das que xa estamos desexando dar boa conta.


E tamén deixounos unha carta, que Macín sempre que pasa polo cole sempre nos deixa algunha encomenda coa que poñernos en acción. 
Ao longo da mañá pasou todo o cole pola biblio para descubrir estes marabillosos agasallos e temos que dicir que xa temos algunha novidade con lista de agarda!!! 
E que menuda pintaza que teñen estas novidades lectoras e xogonas! 

Así que o noso próximo Día da Paz vai de xogos. 
Estades preparados? Comezamos un novo ano!



luns, 5 de maio de 2025

Unha nova sesión de xogos para as familias

Este martes tivemos unha nova xornada aberta ás familias cun obradoiro de xogos de mesa, dentro da Escola de Familias.

Novamente Carolina Casal e Sonia Martínez, amosáronlle ás familias unha morea de xogos para aprender xogando e pasalo ben tanto na casa como no cole mentres o alumnado desfrutaba de diferentes servizos da biblioteca. 

As familias puideron así probar diferentes xogos de mesa, o que lles permitirá presentarllos aos seus fillos e fillas coma unha alternativa lúdica a outras actividades máis ligadas ás pantallas e a tecnoloxía. 

Que ben o pasamos xogando!!!

luns, 21 de outubro de 2024

Xa están listas as novas mochilas viaxeiras do CEIP de Maciñeira!

Estamos de estrea! Este ano temos novas mochilas viaxeiras, xa que as que tiñamos estaban tan usadas que pedían unha renovación urxente! E mirade o preciosísimas que quedaron co noso Macín como protagonista. Pero o mellor será o que vai dentro: unha coidada selección de libros e algún que outro xogo de mesa para compartir en familia. 
Agardamos que vos gusten e que gocedes mooooito!