Amosando publicacións coa etiqueta Pandeireteiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pandeireteiras. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de maio de 2025

E así foi a nosa I Foliada das Letras

Tras o xantar de convivio de toda a comunidade educativa na arboreda da escola organizamos moitas actividades para compartir en familia e coas que puidemos gozar ata ben entrada a tarde: obradoiros de baile, de elaboración de instrumentos con materiais naturais e de refugallo, de creación con materiais de refugallo, torneiro, peóns de man, gravado en madeira... 


A música veu da man do grupo de cantareiras Algalía, a Asociación Folclórica e Cultural Orballo e Airiños de Fene, que compartiron con nós cantos e tradicións. Que sorte a nosa!

Algalía
_____________________

Asociación Folclórica e Cultural Orballo

_________________________

Airiños de Fene


Grazas a todas as persoas que o fixeron posible! 

Polas que foron, polas que son e polas que serán.
Que vivan as Letras Galegas!!!

Celebramos as Letras Galegas ao grande!

Nunha estreita colaboración entre o equipo de normalización lingüística e o equipo de biblioteca, organizamos un gran xogo para celebrar as Letras Galegas que este ano estivo adicado ás cantareiras e a poesía popular oral, representadas por Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema.

Esta homenaxe busca tamén por en valor a labor dunhas mulleres que foron as gardiás da nosa lingua e cultura popular, transmitida por medio de cantigas e bailes. Porque non hai un pobo máis vivo que un pobo que cante o que lle acontece.

A RAG tamén quería premiar o labor de recollida por vilas e aldeas do país, escoitando as pezas das cantareiras e pandeireteiras para logo poder rexistralas e que non se perdesen na memoria.

Por todo iso, no noso cole organizamos un gran xogo no que, en grupos interniveis, todo o alumnado do colexio pasou por oito probas seguindo un itinerario, e nas que realizaron diversas actividades sempre baixo a premisa de dar a coñecer as homenaxeadas no Día das Letras Galegas.

Un grande esforzo organizativo, xa que mobilizar a todo o alumnado en diferentes ubicacións da escola simultáneamente e en constante movemento require artellar moi ben todas as pezas. Pero a verdade é que todo funcionou de marabilla. 

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, por aquí vos deixamos algunhas fotos do desenvolvemento das diferentes probas deste gran xogo.

Tendal das lavandeiras


Xogos tradicionais

Encontra as parellas

Quebracabezas

Paso do río

Un paseo polas letras

A cantar e a bailar

Mural das cantareiras 

Xogamos coa CDU 


E para rematar esta intensa xornada xuntámonos no patio de abaixo para cantar a cantiga que estivemos preparando todos estes días atrás: a Mazurca de Lebozán, coa que gravamos o vídeo que vos deixamos a continuación para que gocedes escoitándoo tanto coma nós facéndoo.


E para que este día quede na memoria de todos e todas nós, agasallamos a todos os membros da comunidade educativa cun broche en forma de pandeiretiña que imprimimos na nosa recén chegada impresora 3D empregando como base o arquivo cedido por Patricia Sánchez , da A Fiestra da Mestra.


Que vivan as nosas cantareiras! 
Que vivan as Letras Galegas!
Que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua!




sábado, 17 de maio de 2025

Feliz Día das Letras Galegas!


Ao longo da semana andivemos moi atarefadas preparando o vídeo co que poñeremos o broche dourado á celebración das Letras Galegas adicadas ás nosas cantareiras, transmisoras da cultura popular a través da poesía da tradición oral. 
Gravamos os audios na nova radio de Polos Creativos coa axuda do noso recén estreado conserxe e a pandeireta da profe Laura e tamén  contamos cunha colaboración profesional para a edición de vídeo. 
Temos que agradecer tamén á Agrupación Folclórica e Cultural Orballo que compartiron con nós unha das cantigas do seu cancioneiro, a Mazurca de Lebozán, e que nos acompañará xa para sempre.


E para rematar esta semana de preparativos, pedímosvos que decoredes estas pandeiretas coas coplas que coñezades, xa que con elas adornaremos a escola a vindeira semana para celebrar a nosa I Foliada das Letras o vindeiro venres.