Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas temáticas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas temáticas. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de maio de 2026

Comeza o mes de maio, mes das Letras Galegas

Comeza o mes de maio e achégase a data para celebrar o Día das Letras Galegas, e desde a nosa biblioteca escolar queremos achegarnos á figura de Begoña Caamaño, unha autora que destacou pola súa defensa da lingua galega e pola creación de personaxes femininas fortes e comprometidas.

Para esta celebración preparamos unha pequena selección de libros sobre a súa vida e traxectoria, así como algunhas das súas obras máis destacadas, entre elas Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul. A través destas lecturas, o alumnado poderá descubrir unha voz literaria única, capaz de reinterpretar mitos e historias desde unha mirada actual, crítica e profundamente humana.


Desde a biblioteca seguimos apostando por celebrar a nosa lingua e a nosa literatura, convertendo os libros nunha porta aberta para coñecer e valorar o patrimonio cultural galego.




luns, 1 de decembro de 2025

Lecturas para acompañar

Na nosa biblioteca incorporamos unha nova caixa temática: Lecturas para acompañar.

Ás veces os libros fannos rir, descubrir aventuras ou viaxar a lugares imaxinarios. Outras veces, axúdannos a entender mellor o que sentimos. Porque a vida está chea de momentos diferentes e non todos son fáciles de explicar con palabras.

Nesta caixa reunimos historias que falan dos cambios, das despedidas, da lembranza das persoas que queremos e da maneira en que o cariño permanece connosco. Son libros que non teñen todas as respostas, pero que poden ofrecer compañía, comprensión e algunha luz cando a necesitamos.

Cada lector e lectora atopará nestas páxinas algo distinto: unha historia fermosa, unha pregunta, unha emoción coñecida ou simplemente un momento de calma. Porque ler tamén é unha forma de acompañar e de deixarse acompañar.

Convidámosvos a pedir estes libros se sintes que os precisas para que poidas descubrir estas lecturas, escollidas con especial coidado para todas as idades.

Porque hai libros que nos fan crecer, e outros que, ademais, nos collan da man cando máis o precisamos. Non cres?




 

mércores, 2 de abril de 2025

2 de abril: Día Mundial para a concienciación sobre o autismo

Non hai dúas persoas con autismo iguais. Cada persoa autista é única, ten as súas propias necesidades, capacidades e intereses. Por iso, cada unha precisa apoios especializados e adaptados á súa situación persoal.

En España, estímase que o 1% das persoas está no espectro do autismo, o que significa centos de miles de persoas con realidades e necesidades diversas. Nembargantes, o coñecemento sobre o autismo e o recoñecemento dos dereitos das persoas con autismo son insuficientes. 

Como cada ano, Autismo España lanza a súa campaña de sensibilización baixo o lema #somosinfinitos que simboliza a diversidade e a singularidade que existe dentro do espectro autista.

Por iso, desde a biblioteca do cole organizamos unha serie de actividades para axudarnos a tomar conciencia desta necesidade urxente que temos como sociedade, para avanzar cara a verdadeira inclusión. 

Construímos un mural cun quebracabezas xigante con pezas de todo o alumnado do cole, como símbolo da nosa propia diversidade, con lemas sobre a concienciación do autismo.

Coa axuda dos nosos padriños e madriñas foi moito máis doado!

Tamén organizamos unha exposición sobre o autismo no corredor principal do cole, que nos permite comprender mellor ás persoas con autismo e que tamén podes ver aquí.

Fonte: ARASAAC

E para rematar tivemos dous contacontos na nosa biblioteca, organizados en colaboración co Departamento de Orientación, e para as que se escolleron dous libros da nosa caixa azul


A primeira foi para todo o alumnado de Educación Infantil: A profe Rosa contou "Por catro esquiniñas de nada", de Jerôme Ruillier, un conto que nos ensina que cando alguén non acaba de encaixar o que temos que facer é buscar a forma de adaptar o seu entorno e nunca, nunca ao revés.

O segundo conto escollido foi TEA, de Alejandra González, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria. É un libro que nos axuda a comprender como perciben o mundo as persoas con autismo cambiando a nosa mirada coa axuda dunhas gafas monocromáticas que serven de filtro para ver as ilustracións deste marabilloso libro.




Porque a sensibilización sobre o autismo axuda a crear un ambiente inclusivo na escola e na sociedade, onde todas as persoas podamos sentirnos valoradas e aceptadas, a través do fomento da empatía e do respecto ás diferenzas individuais. Sen dúbida, falar sobre autismo non só beneficia ás persoas con autismo, senon que enriquece a toda a sociedade.

Presentamos a CAIXA AZUL, chea de lecturas sobre autismo.

A partir de hoxe teremos na nosa biblioteca unha caixa azul cunha selección de fondos relacionados co autismo para normalizar a inclusión nas aulas e por suposto, na vida. 


Porque a diversidade nos enriquece como persoas e como sociedade, recomendámosche que escollas algún libro dos seleccionados para esta caixa na túa próxima visita á biblioteca. 
Están sinalizados cun pictograma na súa portada que o relaciona co autismo, en forma de quebracabezas de corazón. 



Estes son os títulos dispoñibles polo momento, mais xa sabesdes que a colección cada día medra!


martes, 3 de decembro de 2024

Lecturas para a diversidade no Día Internacional da Discapacidade.

O 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, declarado polas Nacións Unidas en 1992, co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, así como sensibilizar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida.

A Asesoría de Bibliotecas Escolares recoméndanos unha selección de lecturas sobre o valor da diversidade ás que podemos acceder a través de E-LBE.2, a plataforma de empréstito dixital das bibliotecas escolares de Galicia. Podes consultalas escaneando o código QR ou simplemente premendo na imaxe a continuación.



Se non sabes como acceder á plataforma E-LBE.2, pásate pola biblio calquera martes pola tarde e pregúntalle a Rosa ou a Fátima como facelo. Ensinaránche gustosas como acceder ao empréstito dixital.