Amosando publicacións coa etiqueta Selo Bibliotecas Escolares Solidarias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Selo Bibliotecas Escolares Solidarias. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de outubro de 2025

Equipo Biblio en marcha!

Novo curso e novo Equipo Biblio! Despois do traballazo que fixeron os nosos voluntarios e voluntarias no curso pasado no que conseguimos o Selo de Biblioteca Escolar Solidaria, este ano toca renovar o equipo coas novas incorporacións do alumnado de 5º de Primaria.

Por iso, como cada ano, fixemos unha sesión de formación para os axudantes de biblioteca na que falamos do sistema de catalogación das bibliotecas en xeral e sobre o funcionamento da nosa en particular, así como dos compromisos que adquirimos cando participamos no equipo de biblioteca.





Ademais de aprender que a Clasificación Decimal Universal é un estándar de catalogación que é válido para todas as bibliotecas do mundo, revisamos como están ordeados os fondos na nosa biblioteca, facendo un barrido por todas as seccións das que dispoñemos e os diferentes niveis lectores. 
Tamén aprendimos a xestionar autónomamente o empréstito e devolución no novo sistema de xestión Koha implementado o curso pasado, xa que como membros do Equipo Biblio será unha das tarefas a realizar durante o tempo do recreo.


Agora só queda asinar os nosos compromisos e facer as quendas de colaboración durante os recreos e xa temos un novo Equipo de Biblioteca listo para acompañar ao outro alumnado usuario e colaborar no bo funcionamento da nosa biblio. 

Con este equipazo, de seguro que vai ser un curso marabilloso!



venres, 13 de xuño de 2025

Raio, the loubicán: un espectáculo para familias

E pola tarde puidemos gozar de novo dos títeres de Mircromina Teatro da man de Ton Arenas, co espectáculo aberto ás familias Raio, the loubican. 


De primeiras apareceu Antolín, o bailarín, quen nos deleitou co seu baile ao ritmo de muiñeira, para darlle paso ao veciño e o can Linkecho, a quen capturou gañándose ao público, para rematar coa aparición de Raio, fillo dunha loba e o can Linkecho fuxido e que... bon... xa sabedes que é o que lle pasa cando lle rascas o papo...


Unha xornada fabulosa da que Ton Arenas quixo despedirse así no noso libro de visitas. 


Sen dúbida o mellor dos premios!



Obradoiro de creación de títeres con Ton Arenas

Grazas ao premio do Selo de Bibliotecas Escolares Solidarias puidemos contar coa presenza de Ton Arenas, que se achegou ata Neda para traernos unha proposta educativa e lúdica na que se integrou tanto o alumnado de infantil como o de primaria a través dun obradoiro de creación de monicreques con material de refugallo.

Esta actividade favorece a creatividade e a aprendizaxe compartida, ao tempo que introduce prácticas sostibles a través da reutilización de materiais e o consumo responsable, xa que Ton ensinounos moitos tipos de títeres e disfraces elaborados con cartón e outros materias de refugallo.

A participación activa dos nenos e nenas neste obradoiro contribúe a fortalecer a conciencia ambiental e os valores de respecto, cooperación e responsabilidade colectiva, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.











Esta actividade forma parte do noso compromiso como escola coa educación ambiental e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente no que respecta ao consumo responsable e á acción polo clima.

Así, este obradoiro de monicreques con cartón non só contribúe ao desenvolvemento creativo e educativo do alumnado, senón que actúa como motor de cambio ao estender ás familias unha mensaxe clara de sostibilidade e consumo responsable. 

A implicación das persoas adultas nesta actividade permite trasladar aos fogares do noso alumnado unha inquedanza compartida polo coidado do medio ambiente, promovendo hábitos de reutilización e reflexión sobre o uso dos recursos. Así, a escola convértese nun espazo transformador que non só educa ás crianzas, senón que esperta conciencias e promove accións colectivas cara a un futuro máis sostible, aliñado cos principios da Axenda 2030.



martes, 27 de maio de 2025

Estamos de noraboa!

Acabamos de coñecer a concesión do Selo de Biblioteca Escolar Solidaria, que recoñece o traballo das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural e social entre os integrantes da comunidade escolar, dotado con 1500€ para a nosa biblioteca.

Premia así o traballo de toda a comunidade educativa - voluntariado; familias colaboradoras; profesorado e outros axentes - en prol dunha forma de ser biblioteca atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento, pero tamén de busca de solucións para problemas reais baixo o enfoque do desenvolvemento sustentable.

Un sinceiro agradecemento a todas as persoas que contribuistes a logralo grazas ao voso traballo desinteresado.

Hoxe estamos moi contentas, pero sobre todo estamos agradecidas por tecer unha rede tan forte de lazos na nosa comunidade.

Parabéns a todas vós!