Amosando publicacións coa etiqueta Obradoiro de chapas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Obradoiro de chapas. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de xuño de 2026

III e última sesión de xogos tradicionais aberta ás familias

Hoxe foi a derradeira sesión de xogos tradicionais aberta ás familias deste curso e creo que podemos dicir que non será a última. 

Organizámonos en equipos heteroxéneos e acompañados das nosas nais, os nosos pais, avoas e quen se quixo arrimar, gozamos destes xogos de sempre no patio da nosa escola.

O pasamos tan ben e estivemos taaaaaan ocupadas que nin nos deu tempo a tirar unha soa foto. Peeeeero... e o ben que o pasamos??? Iso non se pode contar. Hai que vivilo!!! 

E para celebralo e recordalo sempre fixemos unhas chapas de recordo para todas e todos os participantes!!! A que son chulísimas?


venres, 7 de febreiro de 2025

Obradoiro de chapas na semana da Candeloria

Ao longo desta semana, todos os grupos foron pasando pola biblio a facer as súas chapas para celebrar o Día da Candeloria. 
Traballamos o texto instrutivo e cos máis peques do cole seguimos o paso a paso a través de imaxes. E que con estas instrucións tan visuais é imposible equivocarse, verdade?


 



Moito nos gustou facer as nosas propias chapas! 

Grazas ao IES Fernando Esquío por emprestarnos a máquina das chapas e a cortadora unha vez máis.😊


E antes de rematar, déixovos por aquí un poema de Antón Cortizas cheo de paxariños... Cantos coñeces?


Papuxas, picafollas, estreliñas,
bubelas, pardeliñas, lavandeiras,
vencellos, subesubes, liñaceiras,
fulepas, papamoscas, andoriñas,

carrizos, petos, xílgaros, pimpíns,
curroxos, pegas, tordos, cardeais,
chaschás, chincas, noitébregas, pardais,
folosas, rousinois, cucos, xiríns,

lavercas, cotovías, verderolos,
pardillos, azulentas, bacachises,
martiños, anduróns, gaios, ouriolos,

peizoques, picaxuncos, estorninos,
piquelos, lavacús, merlos, malvises…
Quen quere entrar no amor aos paxariños?

Do libro Zoonetos, editado por Tambre, col. Ala Delta, 2017.

domingo, 2 de febreiro de 2025

Día da Candeloria: o día no que os paxariños casan 💗

O 2 de febreiro celébrase o Día da Candeloria, ou Festa da Luz. É unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar xusto na metade do inverno e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza. 

Como sucedeu en moitas ocasións, esta festa pagana foi cristianizada e convertiuse na Candeloria, traducíndose no costume de acender candeas. 

Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer da primavera.É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. 

Mesmo deféndese que o día 2 de febreiro debería ser a data do amor romántico na nosa cultura, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!  

O noso refraneiro popular tamén lembra que: 

“a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. 

A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: 

“Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra;

 cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”.

En Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas. 


Por iso, esta semana na Biblio teremos unha fermosa actividade de escrita creativa para celebrar este momento do ciclo natural no que as parellas de paxaros xúntanse para preparar o gran acontecemento que terá lugar na primavera: o nacemento de novos paporroibos, ferreiriños, carrizos, e moitas aves máis... que encherán de rechouchíos os nosos días.


E tamén ao longo da semana faremos un obradoiro de chapas con imaxes de parexas de paxaros elaboradas para celebrar esta festa da luz. Ao final da semana veredes os resultados destas dúas actividades.


Que viva o amor e que viva a Candeloria!