mércores, 3 de xuño de 2026

Teatro radiofónico

 Como sabedes, o Club de lectura "@s amig@s de Macín" realizou unha adaptación radiofónica da obra de teatro A letra pequena das cousas, de Jose Luis Baños de Cos, editado por Galaxia. Contamos co permiso expreso da editorial tanto para a realización da adaptación como para a publicación da plataforma iVoox e no blog da biblioteca. Despois dunha edición básica, podedes acceder ao podcast na seguinte ligazón: https://go.ivoox.com/rf/170035613 

 



luns, 1 de xuño de 2026

Maciñeira de libros: aquí están as nosas recomendacións lectoras para este verán

Este verán será marabilloso. E se o acompañas cun libro - ou dous, ou tres ou catro... - de seguro que o será moito máis.

E lembra que se non les non pasa nada,

 pero se les, poden pasar mooooitas cousas.





martes, 26 de maio de 2026

Macín e os Megalectores len “O enigma de Sempreviva”

 Este mes o club de lectura de 5º EP “Macín e os Megalectores” leron O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. Aproveitando o bo tempo que estamos a ter estes días, fixemos a sesión do club no patio de abaixo. 

Despois da comida, falamos do libro e da historia que conta, tamén das consecuencias que teñen no noso planeta as nosas consecuencias e como debemos procurar realizar accións que axuden a cuidar a natureza.

Fixemos un pequeno obradoiro de arte en que decoramos unhas pequenas macetas de arxila en que plantamos sementes de xirasol como as que aparecen na historia.



Para finalizar, pensamos un pouco no futuro e escribimos cartas para os nosos Eu de dentro de dez anos, así como tamén fixemos debuxos de cousas que queriamos meter na nosa propia cápsula do tempo.





venres, 22 de maio de 2026

E así foi a nosa II Gran Foliada no cole de Maciñeira!

E despois dunha marabillosa mañá, celebramos a II Gran Foliada do CEIP de Maciñeira, unha xornada moi especial aberta a toda a comunidade educativa na que a música, a tradición e a convivencia foron as grandes protagonistas.

Familias, alumnado, profesorado e veciñanza compartimos unha tarde chea de actividades arredor da cultura popular galega, convertendo o colexio nun espazo de encontro, participación e alegría.

A celebración comezou cun xantar popular, no que cada persoa trouxo a súa comida para compartir nun ambiente próximo e festivo. Foi un momento perfecto para conversar, desfrutar da compañía e fortalecer os lazos entre toda a comunidade escolar.

Pola tarde tiveron lugar diferentes obradoiros tradicionais, nos que o alumnado e as familias puideron achegarse á nosa cultura a través da música e do baile. Houbo actividades de creación de carteiras de coiro, construcción de instrumentos e baile galego, fomentando a participación de persoas de todas as idades.

Baile galego


Obradoiro de coiro

E obradoiro de creación de instrumentos e brinquedos


A xornada rematou cunhas magníficas actuacións musicais e de baile tradicional, nas que participaron escolas e agrupacións culturais convidadas. O son das pandeiretas, gaitas e tambores encheu o patio do centro de ritmo e emoción, facendo que todas as persoas asistentes desfrutasen dunha auténtica festa popular galega.

Escolas do Padroado de Cultura de Narón





A.F.C. Orballo


Desde o CEIP de Maciñeira queremos agradecer a colaboración de todas as familias,  asociacións e persoas participantes que fixeron posible esta segunda edición da foliada. Dar as grazas especialmente á nosa ANPA que colaborou moi activamente para que non faltara de nada durante toda a xornada.  

Grazas á implicación de toda a comunidade, seguimos mantendo vivas as nosas tradicións e creando experiencias inesquecibles para o alumnado.

Tradición que nos une, comunidade que festexa!

Celebrando as Letras Galegas 2026

Como xa é ben sabido, este ano adícaselle o Día das Letras Galegas a Begoña Caamaño, que foi unha escritora, xornalista e activista galega moi comprometida coa defensa da lingua galega, coa igualdade e coa xustiza social. Desde moi nova mostrou interese pola comunicación e pola cultura. Traballou durante moitos anos na radio, especialmente na Radio Galega.

Ademais de escribir novelas, Begoña Caamaño destacou polo seu labor como feminista. Defendía que as mulleres debían ter máis presenza na literatura, na cultura e na sociedade. Por iso, nas súas historias gustáballe dar voz a personaxes femininos fortes e valentes, recuperando figuras da mitoloxía e dos contos tradicionais desde unha mirada nova e máis igualitaria.

As súas obras máis coñecidas son Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, novelas nas que revisa antigas lendas para presentar mulleres protagonistas con personalidade propia, intelixentes e libres. A través dos seus libros, Begoña convidaba ás persoas lectoras a pensar sobre a liberdade, a amizade, o amor e o papel das mulleres ao longo da historia.

Tamén participou en movementos sociais e culturais en defensa dos dereitos das mulleres, da lingua galega e dunha sociedade máis xusta e solidaria. O seu compromiso fixo dela unha figura moi querida e admirada en Galicia.

Por todo o seu traballo literario, cultural e social, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas 2026, un recoñecemento moi importante para lembrar e valorar a súa achega á cultura galega.

_______

E nós celebramos esta gran festa da nosa língua, cunha xornada moi especial: organizamos un gran xogo no que, en grupos interniveis, todo o alumnado do colexio pasou por oito probas seguindo un itinerario, e nas que realizaron diversas actividades para coñecer un chisco mellor á homenaxeada nestas Letras Galegas 2026.

Un grande esforzo organizativo, xa que mobilizar a todo o alumnado en diferentes ubicacións da escola simultáneamente e en constante movemento require artellar moi ben todas as pezas. Pero a verdade é que todo funcionou de marabilla, xa que a rapazada do Equipo Biblio é un piar fundamental na organización das actividades de dinamización.

E como unha imaxe vale máis que mil palabras, por aquí vos deixamos algunhas fotos do desenvolvemento das diferentes probas deste gran xogo. Estades preparados?


Teléfono escacharrado


Xogos tradicionais


Busca a parella

Quebracabezas


O paso do río

Un paseo polas letras

A cantar e bailar

Xogo da CDU e mural de Begoña Caamaño






Que ben o pasamos e canto aprendimos!!!
Que veñan mil primaveras máis para a nosa lingua.
Vivan as Letras Galegas!!!