Amosando publicacións coa etiqueta 25N. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 25N. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de novembro de 2025

25N: Reivindicando o papel das mulleres a ritmo de rock 'n roll con Pakolas

Co gallo do 25N, e grazas á nosa ANPA molona, tivemos a sorte de que nos visitara Pakolas co seu espectáculo Cores, Contos & Rock' N' Roll con Ramona Orbita.

A ritmo de rock cantamos a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. 

Con ela viaxamos ao futuro e ao pasado saltando a diferentes épocas, dende as cavernas ata o futuro para facernos tomar conciencia da necesidade de lograr un mundo mellor e máis comprometido.

Ademais, veu acompañado de Laura Romero quen ilustrou esta incríble aventura.

E antes de despedirse Pakolas e Laura Romero asinaron os libros-disco que temos na nosa biblio e que a partir de xa, podedes levar en empréstito ás vosas casas.

Grazas á nosa ANPA por facer de hoxe un día xenial, no que con este concerto que pon o foco nas mulleres do rural, pero tamén no papel das mulleres ciencíficas ao longo da historia, reivindicamos a necesidade de vivir en igualdade e rachar coas barreiras da identidade de xénero.

Porque o talento, non sabe de xéneros.
Reivindiquemos a igualdade de oportunidades como xeito de rachar cos estereotipos machistas.

luns, 25 de novembro de 2024

Superheroes e Superheroínas pola Igualdade, no 25N.

Hoxe, 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, o noso cole encheuse de superheroes e superheroínas do bo trato. Reunímosnos na entrada da escola para celebrar un acto reivindicativo na que recordamos a importancia do bo trato no que participaron todas as aulas e no que as nosas compañeiras e compañeiros de 5º e 6º de Primaria léronnos un manifesto pola igualdade e a non violencia, que dicía así:

"Os superheroes e superheroínas do CEIP de Maciñeira en Neda vimos con moita forza para fomentar a igualdade entre os nenos e as nenas. Estamos aquí para animarvos a utilizar os vosos superpoderes contra a violencia de xénero. 

Porque, sabedes que vós tamén tedes superpoderes? Ímos lembrarvos cales son:

EMPATÍA: Porque somos capaces de escoitar aos demais, poñernos no seu lugar e darnos conta de que nos necesitan.

XUSTIZA: Porque sempre estamos dispostos a ser xustos e xustas para resolver problemas e mellorar a vida de nenos e nenas do mundo enteiro.

LIBERDADE: Porque somos capaces de elexir e deixar que os demais tamén o fagan.

EDUCACIÓN: Porque coa educación os nenos e nenas aprendemos a colaborar e podemos facer xuntos e xuntas, cousas superinteresantes.

TOLERANCIA: Porque sabemos que as persoas somos todas distintas e nos acostumamos a querernos e vivir xuntas coas nosas diferenzas.

RESPECTO: Porque tratamos a todos os nenos e nenas como as persoas valiosas que son.

IGUALDADE: Porque tratamos aos nenos e nenas de igual xeito. Por todo isto:

VIVE EN IGUALDADE! 

VIVE SEN VIOLENCIA!"


Presentamos a CAIXA VIOLETA, chea de lecturas sobre igualdade de xénero

A partir de hoxe teremos na nosa biblioteca unha caixa violeta cunha selección de fondos relacionados coa igualdade de xénero para normalizar o feminismo nas aulas e por suposto, na vida. 


Porque todas temos os mesmos dereitos e queremos vivir nun mundo sen estereotipos, estas lecturas son moi necesarias, así que recomendámosche que escollas algún libro dos seleccionados para esta caixa na túa próxima visita á biblioteca. 
Están sinalizados cun pictograma na súa portada que o relaciona coa loita pola igualdade de xénero. 

Estes son os títulos dispoñibles polo momento, mais xa sabesdes que a colección cada día medra!

mércores, 27 de decembro de 2023

25N: O PAÍS DOS MANDÓNS

   Para conmemorar o día contra a violencia de xénero o alumnado de 6º EP leunos o conto O país dos mandóns e entre todo o alumnado do cole elaboramos o mural O País da Igualdade.



luns, 20 de novembro de 2023

25N: DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

      O sábado 25 é o Día contra a violencia de xénero. A próxima semana realizaremos unha actividade para conmemoralo pero mentres xa temos preparado o recanto na biblio con libros relacionados coa igualdade entre nenas e nenos e o empoderamento das mulleres.

xoves, 24 de novembro de 2022

25N: CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

      O venres 25 conmemórase o Día contra a violencia de xénero. No recanto temático da biblioteca podedes atopar libros relacionados coa igualdade entre nenas e nenos e a vida de moitas mulleres da nosa historia. Animádevos a pasar por alí e poderedes descubrir un montón de cousas sobre estas mulleres que nos foron abrindo camiño.