Amosando publicacións coa etiqueta B.E. a escena!. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta B.E. a escena!. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de xuño de 2025

Teatro con G

Hoxe achegámonos ata o Teatro Jofre de Ferrol para gozar coas obras de teatro do CEIP A Laxe, o CPI de Atios e os nosos veciños do CEIP San Isidro de Neda, dentro do ciclo de teatro por e para escolares Teatro con G, que promove a Coordenadora de Equipos de Normalización Lingüística de Ferrolterra, nun ano no que as Bibliotecas Escolares saen á escena!




 

xoves, 27 de marzo de 2025

E no Día do teatro, a B.E. sae a escena!

Grazas ao noso alumnado colaborador do Equipo de Biblioteca puidemos gozar de dúas obras de teatro que representamos no centro, para o resto do alumnado.

Así, os de 5º de Primaria prepararon a obra de teatro "O bosque máxico" na que todos os animais da fraga do Belelle únense para vencer ás sombras escuras que axexan a ribeira do río...

Fixeron dous pases, un para os nenos e nenas de educación infantil e outro para o alumnado de 1º e 2º de Primaria.



Pola súa banda, o alumnado de 6º de Primaria representou nun único pase para os seus compañeiros de 3º, 4º e 5º de Primaria ,"A visita da inspectora", unha obra inventada por eles mesmos nas que una inspectora moi particular ven cargada de disparatas ideas coas que revolucionar a escola. 




Moitas grazas aos nosos voluntarios do Equipo Biblio por dinamizar este día na que a Biblioteca Escolar sae a escena!

Bravo, rapazada!

martes, 25 de febreiro de 2025

MACÍN LE… “Somos os monstros”

Este mes, no club de lectura, limos “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira coa que puidemos vivir o lema das Bibliotecas Escolares deste curso 24/25 “Biblioteca Escolar, a escena!

Aproveitando o bo tempo, decidimos compartir o xantar na parte exterior do centro, facendo á súa vez a tertulia sobre o libro. Resolvimos dúbidas, compartimos impresións sobre a obra e aprendimos moito sobre o teatro.


Despois, na biblioteca, fixemos unha lectura dramatizada da obra, interpretando diferentes personaxes, meténdonos en situación e interpretando as acotacións. Meténdonos na pel das personaxes entendimos moito mellor a historia e como funciona o teatro. 


Finalmente, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos do vindeiro mes: “Plan de rescate”, de Antía Yáñez, que nos visitará en breve na nosa biblioteca.




venres, 7 de febreiro de 2025

Ler con... D, contos para a convivencia

Como xa sabedes, este ano polo Día da Paz cada aula elaborou unha versión dun conto sobre a Paz e a convivencia para ser representado no Kamishibai, pero como sóubonos a pouco iso de contalo unha vez, estes días andamos de clase en clase para que gocen con eles os compañeiros e compañeiras que quedaron sen escoitalo.

6º de Primaria foi ler á aula de 4º de Infantil "Marce, o carteiro".


4ª de Infantil contou "O país das pulgas" a 6º de Primaria.

Na biblio, 3º de Primaria contoulle a 1º de Primaria 
"A casa da mosca chosca".

E así andamos, contando e contando...



xoves, 30 de xaneiro de 2025

Contos para a Paz á escena, no Kamishibai

Hoxe celebramos o Día Escolar da Paz e a Non Violencia xuntándonos na nosa biblioteca para contar contos e máis contos sobre a paz a través do kamishibai, unha sorte de teatriño de papel co que contar historias. Así que hoxe, a nosa biblioteca sae á escena!


Na quenda dos nenos e nenas de Infantil, os de 3 anos contaron 
"O país das pulgas":

Os de 4 anos, coa axuda da profe Laura, contaron 
"A mellor sopa do mundo":

E os maiores de 5 anos, coa axuda das profes Estefanía e Fátima, leron "Vivan as uñas de cores!":




E despois foi a quenda dos nenos e nenas de 1º e 2º de Primaria, que contaron: 
"A nena máis pequena de toda a escola"


e "Abaixo os muros"



Os de 3º e 4ºde Primaria tamén saen a escena! 
Os de 3º contáronnos "A casa da mosca chosca"
 
E os de 4º, "A mochila da paz".

E finalmente os maiores, de 5º de Primaria contáronnos  a súa versión de "A avestruz troglodita"


Para rematar cos maiores do cole que nos contaron 
"Marce, o carteiro"


Cantas historias cheas de valores para facer un mundo mellor, máis resilente e máis xusto. E o mellor de todo é que todas estas historias seguirémolas contando nas nosas merendas con contos. 

Xa estamos desexando volvelos a escoitar.



mércores, 8 de xaneiro de 2025

Por un 2025 cargado de fermosas lecturas!



Pero que grandísima sorpresa nos estaba agardando na biblio á volta das vacacións de nadal! Libros, libros e máis libros, pero tamén unha chea de xogos novos para compartir, novas mochilas viaxeiras para o empréstito familiar e... tachán! Un fermosísimo boneco do noso benquerido Mago Macín cos brazos ben abertos para espallar o seu amor pola lectura, 100% achuchable 💜. 

E quen fixo todo isto? Pois non podía ser doutra forma... A maxia dos tres Reis Magos encheu a nosa biblioteca de ilusión. Deixáronnos unha carta explicándonolo todo e ademais transmitíronnos unha mensaxe do propio Macín, que quere que compartamos un conto para a paz cos nosos compañeiros e compañeiras a través do Kamishibai, unha sorte de teatriño de papel para contar historias. Animádesvos?

 

Por un 2025 avengoso cheo de fermosas lecturas!

mércores, 30 de outubro de 2024

No Samaín... contos de medo na nosa Biblio!

Desde primeirísima hora da mañá foron pasando pola nosa biblio unha chea de cabazas, caveiras, esqueletes e toda sorte de monstros para contar as horripilantes historias de medo que inventaron nas aulas ao longo desta última semana. E a verdade que a posta en escea foi do máis terrorífica! E se non, aquí podedes ver como estes pequenos monstros non perderon detalle destes incríbles contos de medo!






Que meeeeeedooooo!

xoves, 24 de outubro de 2024

Para celebrar o Día das Bibliotecas, a "B.E. sae á escena"

Grazas ao Concello de Neda, celebramos ao longo desta semana o Día das Bibliotecas ao grande, grazas ao programa “Do cole á biblio”. Esta iniciativa incluiu tres espectáculos para todos os escolares do concello e desenvolveuse co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de bibliotecas públicas de Galicia.



O luns 21, o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria gozou do espectáculo de ilusionismo “En samaín toca…maxia”, con Óscar Fernández, de Magia en la manga.




O martes 22, foi a quenda do alumnado de infantil, quen gozou movendo o esquelete con Paco Nogueiras e o seu “Brinca vai. De aquí a acolá”


 
E finalmente, o mércores 23 o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria saboreu unha chea de “Contos de lobo”, unha proposta teatral interactiva de Ghazafelhos, cun toque de maxia e de circo.



E con todas estas propostas, nas que a B.E. sae a escena, puidemos gozar da nosa cultura grazas ao Concello de Neda e a Rede de Bibliotecas de Galicia. Foi unha semana fantástica!