Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade de xénero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Igualdade de xénero. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de abril de 2026

Obradoiros de ciencia

O alumnado do 3º ciclo de Primaria participou nun interesantísimo obradoiro de ciencia organizado grazas ao CITEEC e promovido polo Concello de Neda, nunha proposta educativa que achegou a ciencia dun xeito práctico, manipulativo e moi motivador.

Ao longo da actividade, o alumnado converteuse en pequeno equipo de investigación, explorando diferentes ámbitos científicos a través da experimentación directa. Puideron experimentear coa hidráulica, onde puideron observar como a auga se comporta en distintos sistemas e como se pode empregar para transmitir forza e movemento. A través de montaxes sinxelas e sorprendentes, comprenderon mellor conceptos que adoitan parecer complexos cando se explican só na aula.

Outro dos talleres estivo dedicado á arquitectura de estruturas, no que o alumnado tivo que enfrontarse ao reto de construír e deseñar estruturas estables. A creatividade, o traballo en equipo e a capacidade de resolver problemas foron fundamentais para conseguir deseños resistentes, aprendendo así principios básicos da enxeñaría e da construción.

Tamén houbo espazo para a exploración das propiedades dos materiais, onde puideron tocar, comparar e experimentar con diferentes elementos para descubrir como se comportan ante presión, peso ou deformación. Esta actividade espertou moita curiosidade e permitiu comprender que cada material ten características propias que determinan o seu uso no mundo real.

Estes obradoiros foron unha oportunidade magnífica para achegar a ciencia á vida cotiá, fomentando a curiosidade, o pensamento crítico e o gusto por aprender facendo. A experiencia demostrou que a ciencia non só se estuda, senón que tamén se vive, se constrúe e se comparte.

Unha xornada chea de descubrimentos que, sen dúbida, deixa pegada no camiño do noso alumnado como pequenos e pequenas investigadoras.




martes, 25 de novembro de 2025

25N: Reivindicando o papel das mulleres a ritmo de rock 'n roll con Pakolas

Co gallo do 25N, e grazas á nosa ANPA molona, tivemos a sorte de que nos visitara Pakolas co seu espectáculo Cores, Contos & Rock' N' Roll con Ramona Orbita.

A ritmo de rock cantamos a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, xefa na horta e boa coa tecnoloxía, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas, e dona dunha incrible máquina do tempo, o seu mellor invento. 

Con ela viaxamos ao futuro e ao pasado saltando a diferentes épocas, dende as cavernas ata o futuro para facernos tomar conciencia da necesidade de lograr un mundo mellor e máis comprometido.

Ademais, veu acompañado de Laura Romero quen ilustrou esta incríble aventura.

E antes de despedirse Pakolas e Laura Romero asinaron os libros-disco que temos na nosa biblio e que a partir de xa, podedes levar en empréstito ás vosas casas.

Grazas á nosa ANPA por facer de hoxe un día xenial, no que con este concerto que pon o foco nas mulleres do rural, pero tamén no papel das mulleres ciencíficas ao longo da historia, reivindicamos a necesidade de vivir en igualdade e rachar coas barreiras da identidade de xénero.

Porque o talento, non sabe de xéneros.
Reivindiquemos a igualdade de oportunidades como xeito de rachar cos estereotipos machistas.

luns, 20 de outubro de 2025

Escola de familias



A nosa ANPA pon en marcha unha nova edición da Escola de Familias, unha iniciativa formativa pensada para acompañar ás familias na educación e benestar das nenas, nenos e pre-adolescentes. Ao longo de varias sesións abordaranse temas de grande actualidade e importancia co acompañamento da psicóloga Andrea Bechlian, como a corresponsabilidade, a prevención do acoso escolar, a comunicación familiar, a hipersexualización na infancia ou a protección fronte aos riscos na rede. 
Estas charlas representan unha excelente oportunidade para reflexionar, compartir experiencias e fortalecer a colaboración entre a escola e as familias, un vínculo fundamental para educar en igualdade, respecto e convivencia. 
Desde o centro animamos a toda a comunidade educativa a participar activamente nesta proposta tan enriquecedora, agradecéndolle unha vez máis a implicación da nosa ANPA na mellora da calidade da educación de toda a comunidade escolar.






mércores, 8 de outubro de 2025

A igualdade non ten truco

Por que hai tan poucas magas? É certo que estamos afeitos a ver magos, pero tamén teñen existido e existen hoxe moitas mulleres magas. A igualdade non ten truco é unha charla espectáculo de maxia que procura promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas. 

Grazas á nosa ANPA e da man de Sara e Óscar, de Maxia na Manga, puidemos gozar dun espectáculo divertido e máxico, pensado para transmitir ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual: o da igualdade de xénero.



Porque xuntas facemos un mundo mellor, non podemos máis que agradecer á nosa ANPA todo o esforzo que fan en posibilitar actividades coma esta na nosa escola. 




mércores, 12 de marzo de 2025

Obradoiro sobre micromachismos, para unha igualdade real

Grazas ao Concello de Neda, puidemos gozar cun obradoiro sobre micromachismos, dentro do programa "Neda, pola igualdade real" co gallo do Día da Muller.

A nosa biblioteca acolleu esta actividade que busca fomentar a igualdade, e propiciar que a rapazada reflexione sobre todos eses pequenos xestos e expresións sexistas que contribúen a perpetuar os roles de xénero.

Tras avaliar os nosos coñecementos sobre estes catro conceptos elementais en materia de igualdade, poñemos tamén a lupa na nosa contorna familiar a través dunha actividade de rol-playing.

Tamén analizamos como moitas das letras das cancións seguen a trasladar mensaxes machistas e como nos contidos das redes sociais más usadas se produce unha hipersexualización.

Antes de marchar deixáronnos unha caixa malva na que ir deixando pegadas da nosa loita contra os micromachismos. Seremos quen de enchela?

 


xoves, 6 de marzo de 2025

Un 8M para rachar cos estereotipos

O Concello de Neda, no marco da programación especial do 8M, promove o ciclo de charlas escolares “Rompendo moldes”, do que participamos. Unha iniciativa coa que busca contribuír a acabar cos estereotipos de xénero no ámbito do traballo, coas aportacións de distintas profesionais nedenses. Veciñas que, nalgúns caso, traballan en ámbitos que aínda están claramente masculinizados. 

A mensaxe fundamental é tan básica como que non hai traballos só de homes nin só de mulleres.

A proposta contará coa participación desinteresada de catro mulleres que protagonizarán un encontro en primeira persoa co alumnado de 5º e 6º de Primaria nas que se falará da necesidade de rachar con modelos obsoletos, que aínda pesan nos camiños formativos e académicos que acaba seguindo a rapazada.  Elas son:

  • Consuelo Arús, primei enxeñeira naval de construcción de buques de guerra de Navantia; 
  • Paula Romero, técnica de laboratorio no CITENI;
  • Guadalupe Piñón, primeira muller taxista en Narón;
  • Tamara Cantero, soldado de Infantería de Marina.

Todas elas insistiron na importancia de non deixarse "encadrar" polas expectativas de xénero.Fotografía cedida.

martes, 11 de febreiro de 2025

Día da Muller e a Nena na ciencia

Para celebrar o Día da Nena e a muller na ciencia, no que ademais de render homenaxe ás mulleres científicas do pasado pensamos que é fundamental que as nenas - e os nenos tamén - teñan referentes femininos actuais nas carreiras científicas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), inspirando así ás novas xeracións de nenas para que poidan interesarse pola ciencia desde idades temperás, reforzando a mensaxe de que a ciencia é un campo aberto a toda a sociedade, sen distinción de xénero.

Se premes nesta imaxe podes acceder á selección de libros sobre mulleres e ciencia que tes dipoñible para o empréstito dixital. Pasa pola biblio o martes pola tarde para saber como acceder a e-lbe.2


Por iso, veu darnos unha charla e a falar do seu traballo, Beatriz Rodríguez Martínez, enxeñeira química que traballa para a UVigo. 

Bea fixo tres sesións, cada unha delas adaptada aos niveis dos participantes. Falounos dalgunhas mulleres científicas como a física Lise Meitner, que descubriu a fisión nuclear pero lle deron o Premio Nobel ao seu compañeiro de traballo; a bioquímica Katalín Karikó, que estudou o ARN e grazas aos seu estudios se puideron facer as vacinas contra o COVID; a enxeñeira, médico e astronauta Mae Jemison, que desenvolveu un sistema de telecomunicacións co fin de mellorar o coidado médico en países non desenvolvidos; ou a enxeñeira industrial española Elena García Armada, que creou o primeiro exoesqueleto pedíatrico do mundo para nenos e nenas con patoloxías neuromusculares e parálise cerebral.

Ademais, falounos do seu traballo no laboratorio da Universidade dando unha nova vida a desfeitos alimentarios como mondas de pataca, ósos de aguacate, follas de eucalipto... que son considerados subprodutos para obter bioetanol e outros produtos químicos.


Pero non só iso, amosounos como facer unha extración e un
ha filtración, a utilizar unha micropipeta e a facer esferificacións.


Grazas Bea por compartir o teu tempo con nós e contarnos a túa experiencia. Tal vez, hoxe espertaches a motivación polas carreiras científicas nas nenas do noso cole, porque... 

A ciencia é cousa de todas.

A ciencia non ten xénero. 

Ti tamén podes ser científica.


é unha asociación sen ánimo de lucro que quere visibilizar o papel das mulleres na ciencia para que serva de inspiración ás nenas de hoxe que serán as científicas do mañá.

Por moitas máis mulleres na ciencia, reivindiquemos o
11F: Día da Muller e a Nena na Ciencia.