Amosando publicacións coa etiqueta Charlas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Charlas. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de decembro de 2025

Comezan as charlas do Plan Director para a convicencia

Un curso máis, participamos no Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos. Este plan, ofrece aos centros docentes a posibilidade de solicitar charlas informativas/formativas sobre temas como o acoso escolar, violencia de xénero, novas tecnoloxías,... impartidas por persoas expertas das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. É unha iniciativa estatal que coordina a Garda Civil e outras forzas de seguridade coa comunidade educativa que así o solicite para previr riscos e formar á rapazada.

Hoxe tivo lugar a primeira charla. Sara que pertence á Garda Civil, estivo explicándonos e informando dos riscos de Internet: descubrimos que todo o que se sobe a Internet queda en Internet para sempre e que non debemos falar polas redes con descoñecidos e moito menos facer cousas que nos pidan porque moitas veces pode suceder que realmente non sexan quen cremos que son.

Tamén comentamos as cinco mensaxes da campaña "Móbil e videoxogos. Disfrutar sen abusar" promovida pola Fundación Mapfre, Twitter e Pantallas Amigas que animan a ter un estilo de vida dixital de xeito equilibrado e saudable:



xoves, 8 de maio de 2025

Obradoiros de resolución de conflictos con Andrea Bechlian

O alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria participou ao longo de todo o mes nos obradoiros de resolución de conflitos e prevención do acoso escolar, que impulsa o Concello de Neda co apoio de Sanidade. 



A actividade, impartida por Andrea Bechlian, psicóloga e educadora de disciplina positiva, persegue ensinar á rapazada a lidar coas discrepancias de forma respectuosa, e axudar a identificar e previr situacións de acoso nas aulas. 
A concelleira de Educación, Ángeles Puentes, asistiu a unha das sesións coas que arrincaba a iniciativa no centro.

mércores, 12 de marzo de 2025

Obradoiro sobre micromachismos, para unha igualdade real

Grazas ao Concello de Neda, puidemos gozar cun obradoiro sobre micromachismos, dentro do programa "Neda, pola igualdade real" co gallo do Día da Muller.

A nosa biblioteca acolleu esta actividade que busca fomentar a igualdade, e propiciar que a rapazada reflexione sobre todos eses pequenos xestos e expresións sexistas que contribúen a perpetuar os roles de xénero.

Tras avaliar os nosos coñecementos sobre estes catro conceptos elementais en materia de igualdade, poñemos tamén a lupa na nosa contorna familiar a través dunha actividade de rol-playing.

Tamén analizamos como moitas das letras das cancións seguen a trasladar mensaxes machistas e como nos contidos das redes sociais más usadas se produce unha hipersexualización.

Antes de marchar deixáronnos unha caixa malva na que ir deixando pegadas da nosa loita contra os micromachismos. Seremos quen de enchela?

 


xoves, 6 de marzo de 2025

Un 8M para rachar cos estereotipos

O Concello de Neda, no marco da programación especial do 8M, promove o ciclo de charlas escolares “Rompendo moldes”, do que participamos. Unha iniciativa coa que busca contribuír a acabar cos estereotipos de xénero no ámbito do traballo, coas aportacións de distintas profesionais nedenses. Veciñas que, nalgúns caso, traballan en ámbitos que aínda están claramente masculinizados. 

A mensaxe fundamental é tan básica como que non hai traballos só de homes nin só de mulleres.

A proposta contará coa participación desinteresada de catro mulleres que protagonizarán un encontro en primeira persoa co alumnado de 5º e 6º de Primaria nas que se falará da necesidade de rachar con modelos obsoletos, que aínda pesan nos camiños formativos e académicos que acaba seguindo a rapazada.  Elas son:

  • Consuelo Arús, primei enxeñeira naval de construcción de buques de guerra de Navantia; 
  • Paula Romero, técnica de laboratorio no CITENI;
  • Guadalupe Piñón, primeira muller taxista en Narón;
  • Tamara Cantero, soldado de Infantería de Marina.

Todas elas insistiron na importancia de non deixarse "encadrar" polas expectativas de xénero.Fotografía cedida.

venres, 21 de febreiro de 2025

Charla de ASPANEPS: Ponte no meu lugar

Ao longo de toda a semana, o alumnado de 6ºde E.P. participou no programa "Ponte no meu lugar" organizado pola  Asociación de Pais e Nais de Nenos e Nenas con Problemas Psicosociais, ASPANEPS en colaboración co Concello de Neda.

O obxectivo de dito programa é dar a coñecer aos nenos e nenas a realidade das persoas con distintos tipos de discapacidade dándolles a oportunidade de como di o título, poñerse no seu lugar, facéndonos conscientes da necesidade de apoios e a accesibilidade para que todas as persoas sen depender da súa idade ou discapacidade, poidan desfrutar dos mesmos dereitos.

Comezaron vendo o video, "Lo incorrecto - Una nueva mirada hacia la discapacidad",  reflexionaron sobre el, analizaron os paneis da exposición que achegaron ao centro.

Tamén tiveron a oportunidade de poñerse na pel dunha persoa con discapacidade desplazándose polo centro en cadeiras de rodas ou con antifaces que non lles permitían ver.

Así comprobaron en primeira persoa, por unha banda as dificultades ás que se teñen que enfrontar cada día as persoas con algunha discapacidade (sobre todo tendo en conta que todavía hai moitas barreiras de accesibilidade) e pola outra, como  podemos axudalos cando o necesitan, sen sobreprotexelos.

Ademais, analizaron distintas situacións para ver se cumprían as condicións de accesibilidade, reflexionaron sobre toda a experiencia, inventaron lemas coas palabras accesibilidade, tolerancia, apoio e barreiras cos que fixeron unhas bonitas chapas.

Moitas grazas por amosarnos esta realidade para tomar conciencia.

Por unha escola accesible e inclusiva para todas as persoas!