Amosando publicacións coa etiqueta Río Belelle. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Río Belelle. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de outubro de 2025

Imprenta Alouette Machine: deseño, tipografías e creatividade

Hoxe tivemos a grandísima sorte de contar coa presenza de Cris e Jean-Ba de Alouette Machine e a súa imprenta, máxica e centenaria, para realizar un obradoiro polo que pasou todo o alumnado da escola e no que puidemos explorar e experimentar co deseño tipográfico do vocabulario do noso PDI.

Un curso no que se quere abrir a porta á creatividade nas bibliotecas escolares a través do deseño, que acompaña desde o inicio a  comunicación escrita e que é orixe de tipografías, logotipos e páxinas.

Unha oportunidade para mirar os libros desde a súa orixe, coñecer o proceso da edición, da composición, da escolla de tipos, papeis, cubertas e encadernacións, ... Un deseño que trascende e que está presente en moitos ámbitos da nosa vida cotiá.


Os máis pequenos do cole, realizaron uns carteis sobre a fauna autóctona, empregando elementos figurativos e tipografías grandes.


O alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil elaboraron uns acrósticos co vocabulario dos xogos populares cos que están a traballar. Moito traballo previo nas aulas de infantil de conciencia fonolóxica, precursora da lectura e escritura, fixo que puideran aproveitar a tope a súa sesión, elaborando dúas composicións completísimas!!!







Na sesión de 1º e 2º de primaria exploraron o espazo tipográfico dun xeito moi creativo elaborando uns carteis para cada aula co vocabulario traballado sobre as árbores autóctonas e presentes na nosa escola. Preciosísimos!




Nas quendas de 3º e 4º de Primaria falaron da lenda da serpe do Río Belelle: unha lenda local que conecta a tradición oral co noso entorno. Deseñaron uns carteis sobre este ser mitolóxico, conectando oralidade e tipografía a través do deseño.


E finalmente, os maiores de 5º e 6º de Primaria deseñaron varios carteis xogando coas diversas tipografías, para crear acrósticos cos seres mitolóxicos galegos.






Foi unha incríble xornada na que se abriu a porta dunha marabillosa viaxe á creatividade da man do deseño tipográfico e que nos da pe a seguir investigando sobre as nosas tradicions: xogos, fauna e flora autóctona, lendas locais, mitoloxía...
Grazas a Cris e a Jean-Ba. Foi un pracer contar co voso bo facer para espertar en nós a curiosidade polo deseño tipográfico 💖.

xoves, 24 de outubro de 2024

A biblioteca escolar, por un futuro sostible

O pasado mes de setembro, visitáronnos representantes do Grupo Naturalista Hábitat, dentro das actividades programadas para o Proxecto Ríos e que se apoia na Biblioteca Escolar, especialmente este curso, no que o lema para o Día das Bibliotecas é "Por un futuro sostible".

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria levou a cabo un obradoiro de macroinvertebrados acuáticos, mentres que o alumnado de 3º de Educación Primaria realizou o obradoiro de medicións fisicoquímicas da auga do río Belelle. 

Achegámonos ao noso río e recoller mostras, analizar a súa auga e coñecer a fauna macroinvertebrada que habita nel. Grazas a estas experiencias puidemos achegarnos un pouco máis á nosa contorna para darnos conta da importancia do seu coidado se queremos que o noso futuro sexa sostible.

Ao longo do curso realizaremos novas experiencias da man do Grupo Naturalista Hábitat. A verdade é que xa estamos desexando que volvan!