Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca Inclusiva. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca Inclusiva. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de abril de 2025

2 de abril: Día Mundial para a concienciación sobre o autismo

Non hai dúas persoas con autismo iguais. Cada persoa autista é única, ten as súas propias necesidades, capacidades e intereses. Por iso, cada unha precisa apoios especializados e adaptados á súa situación persoal.

En España, estímase que o 1% das persoas está no espectro do autismo, o que significa centos de miles de persoas con realidades e necesidades diversas. Nembargantes, o coñecemento sobre o autismo e o recoñecemento dos dereitos das persoas con autismo son insuficientes. 

Como cada ano, Autismo España lanza a súa campaña de sensibilización baixo o lema #somosinfinitos que simboliza a diversidade e a singularidade que existe dentro do espectro autista.

Por iso, desde a biblioteca do cole organizamos unha serie de actividades para axudarnos a tomar conciencia desta necesidade urxente que temos como sociedade, para avanzar cara a verdadeira inclusión. 

Construímos un mural cun quebracabezas xigante con pezas de todo o alumnado do cole, como símbolo da nosa propia diversidade, con lemas sobre a concienciación do autismo.

Coa axuda dos nosos padriños e madriñas foi moito máis doado!

Tamén organizamos unha exposición sobre o autismo no corredor principal do cole, que nos permite comprender mellor ás persoas con autismo e que tamén podes ver aquí.

Fonte: ARASAAC

E para rematar tivemos dous contacontos na nosa biblioteca, organizados en colaboración co Departamento de Orientación, e para as que se escolleron dous libros da nosa caixa azul


A primeira foi para todo o alumnado de Educación Infantil: A profe Rosa contou "Por catro esquiniñas de nada", de Jerôme Ruillier, un conto que nos ensina que cando alguén non acaba de encaixar o que temos que facer é buscar a forma de adaptar o seu entorno e nunca, nunca ao revés.

O segundo conto escollido foi TEA, de Alejandra González, para o alumnado de 1º, 2º e 3º de Educación Primaria. É un libro que nos axuda a comprender como perciben o mundo as persoas con autismo cambiando a nosa mirada coa axuda dunhas gafas monocromáticas que serven de filtro para ver as ilustracións deste marabilloso libro.




Porque a sensibilización sobre o autismo axuda a crear un ambiente inclusivo na escola e na sociedade, onde todas as persoas podamos sentirnos valoradas e aceptadas, a través do fomento da empatía e do respecto ás diferenzas individuais. Sen dúbida, falar sobre autismo non só beneficia ás persoas con autismo, senon que enriquece a toda a sociedade.

Presentamos a CAIXA AZUL, chea de lecturas sobre autismo.

A partir de hoxe teremos na nosa biblioteca unha caixa azul cunha selección de fondos relacionados co autismo para normalizar a inclusión nas aulas e por suposto, na vida. 


Porque a diversidade nos enriquece como persoas e como sociedade, recomendámosche que escollas algún libro dos seleccionados para esta caixa na túa próxima visita á biblioteca. 
Están sinalizados cun pictograma na súa portada que o relaciona co autismo, en forma de quebracabezas de corazón. 



Estes son os títulos dispoñibles polo momento, mais xa sabesdes que a colección cada día medra!


venres, 21 de febreiro de 2025

Charla de ASPANEPS: Ponte no meu lugar

Ao longo de toda a semana, o alumnado de 6ºde E.P. participou no programa "Ponte no meu lugar" organizado pola  Asociación de Pais e Nais de Nenos e Nenas con Problemas Psicosociais, ASPANEPS en colaboración co Concello de Neda.

O obxectivo de dito programa é dar a coñecer aos nenos e nenas a realidade das persoas con distintos tipos de discapacidade dándolles a oportunidade de como di o título, poñerse no seu lugar, facéndonos conscientes da necesidade de apoios e a accesibilidade para que todas as persoas sen depender da súa idade ou discapacidade, poidan desfrutar dos mesmos dereitos.

Comezaron vendo o video, "Lo incorrecto - Una nueva mirada hacia la discapacidad",  reflexionaron sobre el, analizaron os paneis da exposición que achegaron ao centro.

Tamén tiveron a oportunidade de poñerse na pel dunha persoa con discapacidade desplazándose polo centro en cadeiras de rodas ou con antifaces que non lles permitían ver.

Así comprobaron en primeira persoa, por unha banda as dificultades ás que se teñen que enfrontar cada día as persoas con algunha discapacidade (sobre todo tendo en conta que todavía hai moitas barreiras de accesibilidade) e pola outra, como  podemos axudalos cando o necesitan, sen sobreprotexelos.

Ademais, analizaron distintas situacións para ver se cumprían as condicións de accesibilidade, reflexionaron sobre toda a experiencia, inventaron lemas coas palabras accesibilidade, tolerancia, apoio e barreiras cos que fixeron unhas bonitas chapas.

Moitas grazas por amosarnos esta realidade para tomar conciencia.

Por unha escola accesible e inclusiva para todas as persoas!

luns, 25 de novembro de 2024

Presentamos a CAIXA VIOLETA, chea de lecturas sobre igualdade de xénero

A partir de hoxe teremos na nosa biblioteca unha caixa violeta cunha selección de fondos relacionados coa igualdade de xénero para normalizar o feminismo nas aulas e por suposto, na vida. 


Porque todas temos os mesmos dereitos e queremos vivir nun mundo sen estereotipos, estas lecturas son moi necesarias, así que recomendámosche que escollas algún libro dos seleccionados para esta caixa na túa próxima visita á biblioteca. 
Están sinalizados cun pictograma na súa portada que o relaciona coa loita pola igualdade de xénero. 

Estes son os títulos dispoñibles polo momento, mais xa sabesdes que a colección cada día medra!