Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres na ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mulleres na ciencia. Amosar todas as publicacións

mércores, 11 de febreiro de 2026

Día da Muller e a Nena na ciencia

Cada 11 de febreiro celebramos o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha data que nos invita a mirar arredor e preguntarnos algo importante: quen imaxina, constrúe e transforma o mundo no que vivimos? A resposta debería ser sinxela: todas as persoas. Pero a realidade dinos que aínda queda moito camiño para conseguir unha presenza igualitaria das mulleres nos ámbitos científicos e tecnolóxicos.

Por iso, desde a nosa biblioteca escolar queremos seguir dando visibilidade ás mulleres investigadoras, enxeñeiras, matemáticas, programadoras e científicas que, co seu traballo, abren portas ás novas xeracións. Porque cando unha nena ve a outra muller investigando, creando ou liderando proxectos tecnolóxicos, entende que ela tamén pode facelo.

Neste contexto enmárcase a nosa visita ao CITENICentro de Investigacións en Tecnoloxía Naval e Industrial, unha experiencia que nos permitiu achegarnos ao mundo da innovación naval e industrial desde dentro. Durante a xornada, o alumnado puido coñecer proxectos vinculados á tecnoloxía, á investigación aplicada e ao desenvolvemento naval e industrial, descubrindo como a ciencia e a enxeñaría forman parte da nosa vida diaria e tamén do futuro da nosa comarca.

 🏎️ No @limferrol experimentaron cun simulador de motor eléctrico: probaron como cambia o seu comportamento segundo as decisións tomadas ao volante.

💨✈️ No laboratorio de Mecánica de Fluídos gozaron dun dos momentos máis divertidos da mañá, grazas ao túnel de vento!: entre risas e peiteados revolucionados, aprenderon a teoría que fai posible que os avións voen.

 🚢🌊 E xa no Canal de Experiencias Hidrodinámicas convertéronse en auténticos enxeñeiros navais: a través de modelos feitos con plastilina averiguaron por qué un barco flota e navega sen afundirse.

Pero un dos aspectos máis enriquecedores da visita foi poder escoitar e coñecer o traballo de profesionais que desenvolven a súa carreira nun ámbito historicamente moi masculinizado. Ver mulleres formando parte activa destes equipos de investigación axuda a romper estereotipos e a construír referentes reais e próximos. 



A ciencia non entende de xénero, pero as oportunidades ás veces si estiveron condicionadas por el. Por iso é tan importante seguir celebrando días como este: para lembrar o talento de tantas mulleres invisibilizadas ao longo da historia e para impulsar vocacións científicas entre as máis novas.

Desde a biblioteca seguiremos apostando por lecturas, actividades e experiencias que esperten a curiosidade, fomenten o pensamento crítico e animen ao alumnado a explorar o mundo da ciencia sen límites nin etiquetas. Porque o futuro tamén se escribe en feminino. E porque cada descubrimento comeza, moitas veces, cunha pregunta feita na aula… ou nunha biblioteca.

martes, 11 de febreiro de 2025

Día da Muller e a Nena na ciencia

Para celebrar o Día da Nena e a muller na ciencia, no que ademais de render homenaxe ás mulleres científicas do pasado pensamos que é fundamental que as nenas - e os nenos tamén - teñan referentes femininos actuais nas carreiras científicas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), inspirando así ás novas xeracións de nenas para que poidan interesarse pola ciencia desde idades temperás, reforzando a mensaxe de que a ciencia é un campo aberto a toda a sociedade, sen distinción de xénero.

Se premes nesta imaxe podes acceder á selección de libros sobre mulleres e ciencia que tes dipoñible para o empréstito dixital. Pasa pola biblio o martes pola tarde para saber como acceder a e-lbe.2


Por iso, veu darnos unha charla e a falar do seu traballo, Beatriz Rodríguez Martínez, enxeñeira química que traballa para a UVigo. 

Bea fixo tres sesións, cada unha delas adaptada aos niveis dos participantes. Falounos dalgunhas mulleres científicas como a física Lise Meitner, que descubriu a fisión nuclear pero lle deron o Premio Nobel ao seu compañeiro de traballo; a bioquímica Katalín Karikó, que estudou o ARN e grazas aos seu estudios se puideron facer as vacinas contra o COVID; a enxeñeira, médico e astronauta Mae Jemison, que desenvolveu un sistema de telecomunicacións co fin de mellorar o coidado médico en países non desenvolvidos; ou a enxeñeira industrial española Elena García Armada, que creou o primeiro exoesqueleto pedíatrico do mundo para nenos e nenas con patoloxías neuromusculares e parálise cerebral.

Ademais, falounos do seu traballo no laboratorio da Universidade dando unha nova vida a desfeitos alimentarios como mondas de pataca, ósos de aguacate, follas de eucalipto... que son considerados subprodutos para obter bioetanol e outros produtos químicos.


Pero non só iso, amosounos como facer unha extración e un
ha filtración, a utilizar unha micropipeta e a facer esferificacións.


Grazas Bea por compartir o teu tempo con nós e contarnos a túa experiencia. Tal vez, hoxe espertaches a motivación polas carreiras científicas nas nenas do noso cole, porque... 

A ciencia é cousa de todas.

A ciencia non ten xénero. 

Ti tamén podes ser científica.


é unha asociación sen ánimo de lucro que quere visibilizar o papel das mulleres na ciencia para que serva de inspiración ás nenas de hoxe que serán as científicas do mañá.

Por moitas máis mulleres na ciencia, reivindiquemos o
11F: Día da Muller e a Nena na Ciencia.

luns, 4 de novembro de 2024

Novembro: mes da ciencia en galego nas Bibliotecas

E no mes de novembro, teremos moita ciencia nas bibliotecas galegas, e por suposto, tamén na nosa biblioteca. Non dubides en vir facer os experimentos e visitar a nosa exposición de Mulleres na ciencia ao longo destas semanas para gozar coa ciencia e aprender moitísimo! 


Te apuntas?
Podes botarlle unha ollada á exposición das Mulleres con Ciencia tamén desde aquí, premendo na seguinte imaxe. E non dubides en participar no xogo detectives sobre a ciencia


Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas e que podes consultar aquí.

Pola nosa parte, poñemos a disposición de toda a comunidade educativa os nosos fondos sobre ciencia. Como vedes, os máis pequenos do cole, xa están dando boa conta deles! 
Ciencias naturais, mediciña, matemáticas, astronomía, tecnoloxía, enxeñaría, robótica... E a ti? Que che presta?