Amosando publicacións coa etiqueta Maciñeira de Libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maciñeira de Libros. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

Pechamos o club de lectura de 5º e 6º de EP nunha sesión conxunta

Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.


Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos  compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.


Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.


As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!









luns, 1 de xuño de 2026

Maciñeira de libros: aquí están as nosas recomendacións lectoras para este verán

Este verán será marabilloso. E se o acompañas cun libro - ou dous, ou tres ou catro... - de seguro que o será moito máis.

E lembra que se non les non pasa nada,

 pero se les, poden pasar mooooitas cousas.





martes, 26 de maio de 2026

Macín e os Megalectores len “O enigma de Sempreviva”

Este mes o club de lectura de 5º EP “Macín e os Megalectores” leron O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. Aproveitando o bo tempo que estamos a ter estes días, fixemos a sesión do club no patio de abaixo. 

Despois da comida, falamos do libro e da historia que conta, tamén das consecuencias que teñen no noso planeta as nosas consecuencias e como debemos procurar realizar accións que axuden a cuidar a natureza.

Fixemos un pequeno obradoiro de arte en que decoramos unhas pequenas macetas de arxila en que plantamos sementes de xirasol como as que aparecen na historia.

Para finalizar, pensamos un pouco no futuro e escribimos cartas para os nosos Eu de dentro de dez anos, así como tamén fixemos debuxos de cousas que queriamos meter na nosa propia cápsula do tempo.




martes, 19 de maio de 2026

“@s amig@s de Macín” len a última obra deste curso

Este último mes, o alumnado do club de lectura de 6º de Educación Primaria "@s amig@s de Macín" tivemos a nosa última lectura do curso e da etapa, posto que o curso que vén xa non estaremos no cole. Así, para celebrar a experiencia, no canto de compartir unha lectura, cada persoa membra do club tivo a sorte de ler unha obra literaria diferente. 

Os libros escollidos para esta última lectura foron: 

 - Douche a miña palabra, de Fran Alonso. 
- A señorita Bubble, de Ledicia Costas. 
- Conta nove estrelas, de Andrea Maceiras. 
- Dúas bágoas por Máquina, de Fina Casalderrey.
- Laia, a nena da illa, de Ánxela Loureiro. 
- Rapazas, de Agustín Fernández Paz. 
- Matilda, de Roald Dahl. 
- O Nicolasiño, de Goscinny e Sempé. 

Despois dunha comida campestre nas mesas do noso patio, fixemos a nosa tertulia literaria sentados no campo. Cada persoa membra do club presentou o seu libro e respondeu ás preguntas do resto.
Para finalizar a sesión fixemos un Knolling literario, unha prosposta creativa e persoal de cada persoa membra do club que, preparando con anterioridade unha serie de obxectos vencellados co libro (ou coa súa visión do libro) que trouxo á sesión do club e fixo unha fotografía con plano cenital incluíndo este libro e os obxectos dispostos a modo de "bodegón". Velaquí os resultados!
Aínda nos queda unha última sesión do club, a modo de despedida, que compartiremos co club de lectura de 5ºEP "Macín e os Megalectores".



martes, 5 de maio de 2026

“Macín e os Megalectores” len A escola robot

Este mes o Club de lectura de 5º de EP "Macín e os Megalectores" limos A escola robot, de Anxo Fariña. Ademais, tivemos a sorte de que puidemos coñecer ao autor e saber como era o seu proceso creativo, tanto coa ilustración como coa historia en xeral.
Despois de comer, estivemos a falar sobre a obra, as nosas impresións sobre a historia, as ilustracións, o final da historia, a experiencia de coñecer ao autor... A continuación, coñecimos o libro que nos toca ler o vindeiro mes, O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras.
Para finalizar a sesión, construímos os nosos propios robots empregando os sets de Lego WeDo empregando as tablets para montalos e programalos. Gustounos un montón a experiencia!


martes, 17 de marzo de 2026

"Macín e os Mega lectores" len O meu gato é un poeta.

Este mes, aproveitando a proximidade do Día da Poesía (21 de marzo) o club de lectura de 5º EP "Macin e os Megalectores" limos a obra de Fran Alonso O meu gato é un poeta. Despois de comer estivemos falando sobre o libro, que poema nos gustou máis de entre todos os que aparecen na obra, se nos resultou doado ou complicado ler poesía etc. Despois, cada un de nós recitou un dos poemas do libro, cada quen o que máis lle gustou ou o que máis lle chamou a atención. Despois, divididos en parellas e grupos de tres, decidimos facer os nosos poemas ao estilo do libro, isto é realizando con eles un caligrama. Foi unha actividade moi interesante que nos permitiu explorar a nosa creatividade individual, ao tempo a nosa capacidade de traballar en equipo.
Unha vez rematados os caligramas, cada equipo recitou ao resto do club o seu poema.
Cando rematamos, realizamos un pequeno mural coas composicions de cada grupo para colgar na biblioteca.

martes, 10 de marzo de 2026

"@s amig@s de Macin" len Alma de Elefante

Este mes, o libro que limos no club de lectura de 6º EP "@s amig@s de Macín" foi Alma de elefante, de Andrea Maceiras ilustrado por Jordi Solano. Xa é o segundo libro que lemos dela e tivemos a oportunidade de coñecela o ano pasado na súa visita á nosa biblioteca así que collémolo con moitas ganas. 
Foi un libro que nos deixou con moitas preguntas e, na tertulia habitual coméntamolas entre todos os membros do club. Cada un e cada unha de nós comentamos as nosas impresións sobre a obra e sobre os temas que nela se tratan, así como das partes da historia que máis ou menos lles gustou, os momentos en que sentiron tensión ou nervios, pero tamén sobre as características e as actitudes dos protagonistas en diferentes momentos da narración. 
A verdade é que foi unha das tertulias nas que máis interviñemos pois tiñamos moito que dicir. Ademais, ao fío do espírito da propia obra, cada quen quixo compartir co grupo coa alma de que animal se sentía identificado ou identificada e por que o sentía así. Foi un momento moi especial.
Posteriormente, en equipo, realizamos un mural co mapa que imaxinamos que seguiron Lawen e Suy para ir a Ru desde Sat Naapa. Foi unha tarefa moi completa, recordando todos os lugares polos que pasaron e o que lles aconteceu alí e imaxinando os camiños que seguiron para ir dun lugar a outro. Como adoitamos facer cando traballamos en equipo debatimos, chegamos a acordos, establecimos diferentes tarefas e fomos realizándoas de forma ordenada.
O resultado quedou realmente fermoso, non vos parece?
Para finalizar, fixemos a devolución dos libros e o empréstito dos seguintes, Erin e o lobo, de Érica Esmorís.


martes, 24 de febreiro de 2026

"Macin e os mega lectores" len A letra pequena das cousas

Durante este mes de febreiro, o alumnado do club de lectura "Macín e os Megalectores" limos A letra pequena das cousas, de José Luis Baños de Cos, ilustrado por Ana Tasende, que xa lera o alumnado do club de lectura de 6º EP anteriormente neste curso. 
Cando rematamos a comida, fixemos a nosa tertulia sobre a libro, que personaxe lles gustou máis, que diálogo recordaban mellor, etc. pero sobre todo se entenderon ben a historia e todo o trasfondo que trata. Dado que se trataba dunha obra de teatro, por parellas estivemos dramatizando as escenas que escollemos de entre as moitas do libro.
A continuacion, realizamos unha actividade súper interesante que nos encantou. Tratábase de, igual que na obra, coser unha mensaxe secreta, pero neste caso empregamos fío fluorescente. Así, a nosa mensaxe pode lerse na escuridade empregando unha luz negra. Cada un dos membros do club, nun anaco de tea e empregando un bastidor, cosimos unha letra, unha palabra, un símbolo... cada un o que decidiu. Despois, empregamos a luz engra na escuridade para descubrir as nosas mensaxes secretas. Foi unha pasada!
Finalmente, fixemos a devolución e o empréstito da seguinte lectura:O meu gato é un poeta, de Fran Alonso.

mércores, 17 de decembro de 2025

Maciñeira de libros: As nosas recomendacións lectoras para este Nadal

 Aínda non escribistes a carta ao Apalpador, Papa Noel ou os Reis Magos? 

Pois non te esquezas de incluir un libro na carta e deixa que se faga a verdadeira maxia.

Felices lecturas no Nadal

martes, 2 de decembro de 2025

“Macín e os Megalectores” len Escarlatina, a cociñeira defunta

Hoxe “Macín e os Megalectores” tivemos a nosa segunda reunión, onde comentamos e fixemos actividades relacionadas coa lectura de Escarlatina, a cociñeira defunta, un libro de Ledicia Costas ilustrado por Víctor Rivas. 

Durante a comida fixemos a tertulia sobre o libro, que foi o que máis nos gustou e o que menos, que opinábamos das personaxes e das receitas de Román e Escarlatina. Despois de comer fixemos as chapas do club co nome e o logo que escollemos na anterior sesión. Son moi doadas de facer e quedaron super chulas!

A seguinte actividade gustounos moito, metémonos na pel dos protagonistas da novela e convertémonos en cociñeiros e cociñeiras dentro da nosa biblio!!! Empregando a receita das Piruletas de chocolate do Libro de receitas de Román puxémonos mans a obra a fundir, remover e decorar as nosas piruletas. Mágoa ter que esperar a mañán para que enfríe o chocolate e poder, por fin, degustalas.


Despois de cociñar, coñecemos o seguinte libro que imos ler: Esta é a miña historia e terás que crela, de Érica Esmorís. E para rematar a sesión botamos unha partida ao noso Escarlatrivial. Gustounos un montón!


martes, 18 de novembro de 2025

“@s amig@s de Macín” len Liliam Strawberry e o paxaro da morte

Este mes, no club de lectura  de 6º EP “@s amig@s de Macín” limos “Liliam Strawberry e o paxaro da morte”, de Abel Tomé, ilustrado pola ferrolana Blanca Vila, veciña da nosa bisbarra.


Hoxe tivemos a nosa segunda reunión e, ademais, estreamos logo do noso club de lectura.


Despois da comida, como xa é habitual, fixemos unha tertulia sobre o libro, a nosa opinión persoal, as mellores e peores partes do libro, as personaxes que máis nos chamaron a atención, que sentimos ao ler o final da historia… Ademais, saíron temas moi interesantes como o acoso escolar, a morte ou o xeito en que os acontecementos da infancia poden influír na nosa personalidade.

A continuación, puxemos en común a información que atopamos nas diferentes fontes sobre a ilustradora Blanca Vila: a súa vida, a súa obra, onde poder coñecer os seus traballos etc. Gozamos moito vendo as ilustracións que a autora fixo de persoas coñecidas ou de acontecementos que suceden na nosa contorna.


Para finalizar a sesión xogamos ao Strawberry Tabú, unha versión do xogo de mesa en que, por equipos, tentamos adiviñar a palabra que describe un compañeiro ou compañeira evitando dicir as palabras prohibidas e sen facer mímica ou dar pistas sonoras.


Para a vindeira sesión leremos “A letra pequena das cousas”, unha obra de teatro de Jose Luis Baños de Cos e imos preparar algo moooi especial… estamos desexando compartilo!




martes, 4 de novembro de 2025

Bota a andar o club de lectura de 5º de Educación Primaria

Como xa vos comentamos, este ano o club de lectura Maciñeira de Libros dividiuse en dous grupos e, se ven hai dúas semanas comezou andar o club de 6º de EP “os/as amig@s de Macín”, hoxe fixo o propio o club de 5º de EP da man da profe Lidia. 

Despois da nosa primeira comida como grupo, limos o compromiso que, coma membros, adquirimos co club de lectura e asinámolo. Para escoller un nome que nos defina como club fixemos unha tormenta de ideas, despois da cal decidimos que este sería “Macín e os megalectores”. 

Finalmente, en parellas e tríos fixemos a nosa proposta de deseño de logo para o club. Ao rematar, escollemos entre todos e todas o definitivo.


Ao final da sesión pasamos a limpo o logo do club.

Ademais, coñecemos o libro que leremos este mes “Escarlatina a cociñeira defunta” de Ledicia Costas, coas ilustracións de Víctor Rivas.

Isto acaba de comezar!


martes, 21 de outubro de 2025

Bota a andar o club de lectura de 6º de Educación Primaria

Este ano o club de lectura Maciñeira de Libros conta con dous grupos, un grupo de 5º de EP coa profe Lidia e un grupo de 6º de EP que repite coa profe Fátima. 

Hoxe comezamos esta nova andaina renovando o compromiso do alumnado e recordando os momentos vividos o pasado ano no club. Dado que somos un novo club de lectura, xa que marcharon os membros que pasaron ao instituto, escollimos un novo nome para identificarnos. Despois dunha chuvia de ideas e dun longo debate e votación saiu escollido “@s Amig@s de Macín”.

Unha vez tivemos claro o noso nome, puxémonos mans á obra para, por equipos, deseñar un novo logo para o noso club. Colaboramos, compartimos ideas e finalmente escollimos o noso logo. O vindeiro día elaboraremos as chapas que nos identifique como membros deste club.



Ademais, coñecimos e levamos en empréstito o libro que leremos este mes: “Liliam Strawberry e o paxaro da morte”, de Abel Tomé e ilustrado pola ferrolana Blanca Vila. Sobre esta última comezamos a investigar un pouco na rede para saber algo máis dela e compartir información na vindeira sesión.