venres, 13 de xuño de 2025

Obradoiro de creación de títeres con Ton Arenas

Grazas ao premio do Selo de Bibliotecas Escolares Solidarias puidemos contar coa presenza de Ton Arenas, que se achegou ata Neda para traernos unha proposta educativa e lúdica na que se integrou tanto o alumnado de infantil como o de primaria a través dun obradoiro de creación de monicreques con material de refugallo.

Esta actividade favorece a creatividade e a aprendizaxe compartida, ao tempo que introduce prácticas sostibles a través da reutilización de materiais e o consumo responsable, xa que Ton ensinounos moitos tipos de títeres e disfraces elaborados con cartón e outros materias de refugallo.

A participación activa dos nenos e nenas neste obradoiro contribúe a fortalecer a conciencia ambiental e os valores de respecto, cooperación e responsabilidade colectiva, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.











Esta actividade forma parte do noso compromiso como escola coa educación ambiental e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente no que respecta ao consumo responsable e á acción polo clima.

Así, este obradoiro de monicreques con cartón non só contribúe ao desenvolvemento creativo e educativo do alumnado, senón que actúa como motor de cambio ao estender ás familias unha mensaxe clara de sostibilidade e consumo responsable. 

A implicación das persoas adultas nesta actividade permite trasladar aos fogares do noso alumnado unha inquedanza compartida polo coidado do medio ambiente, promovendo hábitos de reutilización e reflexión sobre o uso dos recursos. Así, a escola convértese nun espazo transformador que non só educa ás crianzas, senón que esperta conciencias e promove accións colectivas cara a un futuro máis sostible, aliñado cos principios da Axenda 2030.



Ningún comentario:

Publicar un comentario