Amosando publicacións coa etiqueta Macin e os Megalectores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Macin e os Megalectores. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

Pechamos o club de lectura de 5º e 6º de EP nunha sesión conxunta

Esta tarde pechamos, por este curso, o noso club de lectura “Maciñeira de Libros” nunha sesión conxunta dos clubs de 5º e 6º de Educación Primaria. Para celebrar o peche desde curso tan intenso en lecturas e actividades encargamos comida para compartir unha xornada do máis especial. Mentres esperábamos pola comida, o alumnado membro cubriu unha pequena enquisa de valoración para poder seguir mellorando no noso club de lectura.


Despois da sobremesa, gravamos entre todos e todas un novo podcast para Radio Belelle; neste caso, tratouse dun programa-tertulia en que o alumnado membro dos clubs compartiu as súas experiencias sobre o vivido neste curso e os seus desexos para o futuro. Foi unha conversa moi interesante e fermosa, onde saíron pensamentos e sentimentos  compartidos e, por suposto, unha chea de títulos de libros. Podedes escoitar o programa aquí.


Finalmente, o club de lectura de 5º de EP “Macín e os Megalectores” enterrou a cápsula do tempo que estiveron preparando na última sesión a raíz da lectura de O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. O alumnado de 6º de EP “@s amig@s de Macín” compartiu con eles e elas esta experiencia, recordando a súa propia do curso pasado.


As mestras que levamos este curso os clubs de lectura, Fátima e Lidia, estamos realmente satisfeitas e orgullosas das actividades realizadas e da implicación do alumnado e queremos agradecerlles que sempre estiveram dispostos e dispostas a todas as iniciativas que se nos ocorreron. Longa vida aos clubs de lectura!









martes, 26 de maio de 2026

Macín e os Megalectores len “O enigma de Sempreviva”

Este mes o club de lectura de 5º EP “Macín e os Megalectores” leron O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras. Aproveitando o bo tempo que estamos a ter estes días, fixemos a sesión do club no patio de abaixo. 

Despois da comida, falamos do libro e da historia que conta, tamén das consecuencias que teñen no noso planeta as nosas consecuencias e como debemos procurar realizar accións que axuden a cuidar a natureza.

Fixemos un pequeno obradoiro de arte en que decoramos unhas pequenas macetas de arxila en que plantamos sementes de xirasol como as que aparecen na historia.

Para finalizar, pensamos un pouco no futuro e escribimos cartas para os nosos Eu de dentro de dez anos, así como tamén fixemos debuxos de cousas que queriamos meter na nosa propia cápsula do tempo.




martes, 5 de maio de 2026

“Macín e os Megalectores” len A escola robot

Este mes o Club de lectura de 5º de EP "Macín e os Megalectores" limos A escola robot, de Anxo Fariña. Ademais, tivemos a sorte de que puidemos coñecer ao autor e saber como era o seu proceso creativo, tanto coa ilustración como coa historia en xeral.
Despois de comer, estivemos a falar sobre a obra, as nosas impresións sobre a historia, as ilustracións, o final da historia, a experiencia de coñecer ao autor... A continuación, coñecimos o libro que nos toca ler o vindeiro mes, O enigma de Sempreviva, de Andrea Maceiras.
Para finalizar a sesión, construímos os nosos propios robots empregando os sets de Lego WeDo empregando as tablets para montalos e programalos. Gustounos un montón a experiencia!


martes, 17 de marzo de 2026

"Macín e os Mega lectores" len O meu gato é un poeta.

Este mes, aproveitando a proximidade do Día da Poesía (21 de marzo) o club de lectura de 5º EP "Macin e os Megalectores" limos a obra de Fran Alonso O meu gato é un poeta. Despois de comer estivemos falando sobre o libro, que poema nos gustou máis de entre todos os que aparecen na obra, se nos resultou doado ou complicado ler poesía etc. Despois, cada un de nós recitou un dos poemas do libro, cada quen o que máis lle gustou ou o que máis lle chamou a atención. Despois, divididos en parellas e grupos de tres, decidimos facer os nosos poemas ao estilo do libro, isto é realizando con eles un caligrama. Foi unha actividade moi interesante que nos permitiu explorar a nosa creatividade individual, ao tempo a nosa capacidade de traballar en equipo.
Unha vez rematados os caligramas, cada equipo recitou ao resto do club o seu poema.
Cando rematamos, realizamos un pequeno mural coas composicions de cada grupo para colgar na biblioteca.

martes, 24 de febreiro de 2026

"Macin e os mega lectores" len A letra pequena das cousas

Durante este mes de febreiro, o alumnado do club de lectura "Macín e os Megalectores" limos A letra pequena das cousas, de José Luis Baños de Cos, ilustrado por Ana Tasende, que xa lera o alumnado do club de lectura de 6º EP anteriormente neste curso. 
Cando rematamos a comida, fixemos a nosa tertulia sobre a libro, que personaxe lles gustou máis, que diálogo recordaban mellor, etc. pero sobre todo se entenderon ben a historia e todo o trasfondo que trata. Dado que se trataba dunha obra de teatro, por parellas estivemos dramatizando as escenas que escollemos de entre as moitas do libro.
A continuacion, realizamos unha actividade súper interesante que nos encantou. Tratábase de, igual que na obra, coser unha mensaxe secreta, pero neste caso empregamos fío fluorescente. Así, a nosa mensaxe pode lerse na escuridade empregando unha luz negra. Cada un dos membros do club, nun anaco de tea e empregando un bastidor, cosimos unha letra, unha palabra, un símbolo... cada un o que decidiu. Despois, empregamos a luz engra na escuridade para descubrir as nosas mensaxes secretas. Foi unha pasada!
Finalmente, fixemos a devolución e o empréstito da seguinte lectura:O meu gato é un poeta, de Fran Alonso.

martes, 4 de novembro de 2025

Bota a andar o club de lectura de 5º de Educación Primaria

Como xa vos comentamos, este ano o club de lectura Maciñeira de Libros dividiuse en dous grupos e, se ven hai dúas semanas comezou andar o club de 6º de EP “os/as amig@s de Macín”, hoxe fixo o propio o club de 5º de EP da man da profe Lidia. 

Despois da nosa primeira comida como grupo, limos o compromiso que, coma membros, adquirimos co club de lectura e asinámolo. Para escoller un nome que nos defina como club fixemos unha tormenta de ideas, despois da cal decidimos que este sería “Macín e os megalectores”. 

Finalmente, en parellas e tríos fixemos a nosa proposta de deseño de logo para o club. Ao rematar, escollemos entre todos e todas o definitivo.


Ao final da sesión pasamos a limpo o logo do club.

Ademais, coñecemos o libro que leremos este mes “Escarlatina a cociñeira defunta” de Ledicia Costas, coas ilustracións de Víctor Rivas.

Isto acaba de comezar!