Este mes, no Club de Lectura de 6º de Primaria "@s amig@s de Macín" limos "Erin e o lobo", de Érica Esmorís.
Despois da comida, falamos do libro,das súas impresións, dúbidas sobre o final... tamén sobre o que era un epílogo dentro da narrativa dun libro, como foi a experiencia de coñecer a autora e o valor engadido dun libro cando está asinado pola súa autora ou ten un Ex-libris.
Entre todos, elaboramos un póster para animar a posteriores membros do club de lectura a ler o libro. Para finalizar a sesión xogamos a unha versión do xogo de mesa "Carreira de Letras" con tarxetas vencelladas coa historia da obra.
Hoxe, o alumnado de 3º, 5º e 6º de Primaria tivo a sorte de asistir a un encontro coa escritora Érica Esmorís na nosa biblioteca, presentando a súa obra Esta é a miña historia e terás que crela, de Edicións Xerais de Galicia, que leu tamén con anterioridade o Club de Lectura de 5º de Primaria. Esta actividade enmárcase dentro das iniciativas de fomento da lectura, mergullando ao noso alumnado no mundo da creación literaria.
Érica falounos do proceso seguido para escribir a súa obra, cales foron as ideas que a inspiraron e xogamos con diferentes "mentiras" que existiron ao longo da historia. Así, o alumnado puido xogar a adiviñar as mentiras e verdade que nos contaba a autora, contando a puntuación para comparala coa de outros centros de Galicia.
Ademais, explicounos como foi o seu proceso creativo á hora de elaborar as historias e as personaxes, respondendo as diferentes preguntas do alumnado, non só desta obra, senón tamén de Erin e o lobo, obra que o club de lectura de 6º de Primaria está a ler neste momento.
Para finalizar o encontro a autora asinou exemplares da súa obra tanto para a nosa biblioteca, como ao alumnado e profesorado, deixando tamén a súa pegada no Libro de Visitas da nosa biblioteca.