venres, 29 de novembro de 2024

Terceira semana de Retos STEAM no recreo

E continuamos unha semana máis cos desafíos STEAM na biblio durante os recreos, no Mes da Ciencia en galego, con dúas novas propostas:


Un piano musical empregando a placa makey makey, co que puidemos comprobar a condutividade dos materiais e incluso de nos mesmos.
Con esta experiencia aprendimos que cando tocamos a toma de terra e unha froita ou a un compañeiro ou compañeira, o que realmente estamos a facer é pechar un circuíto eléctrico, que fai que se emita un son grazas a unha sinxela programación de scratch. 


Tamén construímos unha pinza mecánica coa que puidemos observar as forzas que interveñen no seu deseño. Foi moi interesante comprobar como cun prototipo tan sinxelo éramos quen de coller pequenos obxectos non moi pesados.



E como xa estaba a piques de rematar o mes da ciencia na nosa biblioteca, moitos grupos subiron a facer aquelas experiencias que lles quedaron pendentes. 

Temos que gradecer o gran labor feito polo alumnado participante no Voluntariado da Biblio, pois foron unha grandísima axuda para o bo funcionamento dos retos STEAM durante os recreos. Grazas!

Como gozamos coa ciencia,
e se é en galego, moito máis!

Ningún comentario:

Publicar un comentario