Como xa adiantamos na anterior entrada do Club de Lectura “MACÍN LE”, este mes tocaba ler no Club o libro de Agustín Fernández Paz “No corazón do bosque”, ilustrado por Miguelanxo Prado e, aproveitando a temática, comezamos así mesmo a deseñar a nosa “Maciñeira de Libros”.
Despois de xantar, comezamos a tertulia na biblioteca. A maioria do alumnado recoñeceu que o libro lles foi cativando a medida que o lían e acabaron todos encantados coa historia. Falamos moito da amizade e as relacións persoais dentro do grupo de iguais, afondando no tema do acoso, que se reflicte no libro coa relación de Carlos e Raquel. Saíron reflexións moi interesantes, tratando sempre o tema desde o respecto e a empatía.
Para comezar a nosa Maciñeira de Libros, aproveitamos a contorna tan especial do noso centro e recollimos pólas, follas secas e pedras para poder empezar a montaxe da nosa maciñeira, queríamos facer algo con elementos naturais e que fose representativa do noso centro e a nosa contorna.
Como sempre, para finalizar a sesión, xogamos unha partida a un xogo de mesa, unha adaptación do Just One en que cada equipo tiña que dar pistas a outro para que adiviñase palabras e expresións que tiñan que ver co libro. Repasamos a historia, empregamos a lóxica e aprendemos novo vocabulario da maneira máis divertida posible, xogando. Gustounos un montón!
Para a vindeiro reunión do club de lectura deberemos ler “Somos os monstros”, unha obra dramática de Paula Carballeira, que nos permirá mergullarnos no mundo do Teatro, que este curso homenaxeamos co lema “Biblioteca Escolar, a escena!”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario